DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Alexandre Martínez ofreceu un relatorio a través de Campus Remoto

Comeza a décima edición do 'Café con Sal' co foco posto nos efectos dos aditivos plásticos nos peixes mariños usando a proteómica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 15/09/2020

O programa Café con Sal iniciou hoxe as actividades da súa décima edición co relatorio do investigador predoutoral Alexandre Martínez Schönemann, Efectos dos aditivos plásticos nos peixes mariños, un enfoque proteómico. Na conferencia, ofrecida en directo a través de Campus Remoto, o investigador do equipo de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña- EcoTox (Grupo Ecocost, CIM-UVigo) abordou os esforzos dedicados a describir os efectos de certos aditivos dos plásticos sobre os organismos mariños usando a proteómica sobre a especie obxecto do seu estudo, C. variegatus, así como un dos efectos máis comúns: a disrupción endocrina. O traballo presentado por Alexandre Martínez forma parte da súa tese de doutoramento, financiada pola Xunta de Galicia e dirixida por Ricardo Beiras (Ecotox, CIM-UVigo) e Angel P. Diz (Xenética de Poboacións e Citoxenética, CIM-UVigo), dentro do programa de doutoramento DO MAR, co obxectivo principal de describir os efectos de certos aditivos sobre unha especie de peixe mariño nova en Europa, Cyprinodon variegatus, usando a proteómica.

No seu relatorio, o investigador lembrou que os usos do plástico son amplamente variables, así como as combinacións de aditivos que se lle poden agregar. Propiedades como unha maior flexibilidade, a cor ou a resistencia á calor ou ao lume conséguense engadindo substancias que, ademais de producir o efecto desexado, nalgúns casos poden ter efectos prexudiciais para os seres vivos. De aí que, sinalou Alexandre Martínez, a carreira entre a aparición de novos aditivos e a comprobación científica do seu potencial impacto se acelere e cada vez sexa máis necesario utilizar ferramentas novas como a proteómica para determinar estes efectos.

Criando peixes no mar: que sucede cuando se escapan?

O ciclo Café con Sal continuará o vindeiro martes 22 de setembro co relatorio do catedrático da Universidad de Alacante e profesor do Departamento de Ciencias del Mar y Biología Aplicada da UA Pablo Sánchez, titulado Criando peixes no mar: que sucede cando se escapan? Na conferencia o investigador presentará as necesidades de xestión na prevención e mitigación dos escapes de peixes en acuicultura, prestando especial atención ao que pode acontecer na salmonicultura.