DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade

Comeza a primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Lobarzán

Ata o 2 de agosto traballará na zona un equipo de nove persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 09/07/2019

Desde este luns e ata o 2 de agosto, un equipo de nove persoas levarán a cabo a primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás. Con ela, un equipo liderado por Beatriz Comendador, arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo, iniciará un proxecto que durante catro anos terá como obxectivo botar luz sobre un enclave cunha ubicación “privilexiada” e “unha ocupación continuada ou case continuada de catro milenios”.

O estudo deste xacemento xorde no marco dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Universidade de Vigo e os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, onde se ubica o xacemento, para a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do Castelo de Lobarzán e a súa contorna. O proxecto conta para a súa realización cunha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR O9 Asociación Monteval), sendo o orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.

A zona que ocupa o xacemento, explican os responsables do proxecto, “é un recinto enorme, de arredor de 5,5 hectáreas, e nós imos intervir en dous sectores deles”. O primeiro deles, detallan, é o coñecido como monte do Castelo, “onde como o seu propio nome indica estivo o Castelo de Lobarzán”, conservándose unha parte mínima das súas estruturas á vista. A maior parte dos restos que se conservan, “unha parte ínfima do que debeu ser” o castelo e a súa contorna, indican, “son os negativos, os encaixes onde se situaban as liñas de muros”. O segundo dos sectores nos que se actuará no marco deste proxecto será “no outro outeiro que compón o recinto, que é o coñecida como A Cerca, A Ceadá, onde imos intervir tomando como centro dúas tumbas escavadas nas rochas que se coñecen no lugar”. Na intervención participan sete arqueólogos e dúas persoas de apoio, aos que hai que engadir persoal externo que participará en tarefas de levantamento do xacemento con drone e análise de cerámica en laboratorio, entre outras.

Limpeza, catas e prospeccións

Segundo explican desde a organización do proxecto, a primeira campaña no xacemento comeza con catro semanas de intervención no terreo baixo a dirección do arqueólogo Victor Rodríguez Muñiz. Estas tarefas, indica o seu responsable, arrancaron este martes levando a cabo unha fase inicial de limpeza que consiste nunha retira de vexetación “sempre respectuosa coa riqueza medio ambiental do lugar, zona de transición entre a zona atlántica e mediterránea”. O primeiro día no terreo, esta limpeza centrouse na retira de vexetación queimada en incendios acontecidos no lugar. En paralelo a estas tarefas, apunta Victor Rodríguez Muñiz, “farase unha limpeza máis pormenorizada, arqueolóxica, para definir as estruturas que aparezan e ver que tipos de elementos históricos visibles pode haber, limpando vexetación adherida ás pedras ou retirando pedras soltas”.

En base aos resultados acadados nestas dúas fases de limpeza, comentan os responsables da intervención, está previsto realizar “dúas catas, dúas zonas de escavación”. “Hai unhas zonas que a priori poden ter certo potencial para facer estas escavacións pero preferimos facer esta fase previa de definición e en base a iso decidir onde se van a facer as catas”, comenta Rodríguez Muñiz. Por último, rematadas as catro semanas de intervención sobre o terreo, comentan os seus responsables, levaranse a cabo unha serie de “prospeccións na contorna pero no propio recinto” para coñecer “zonas nas que temos sospeitas de certo potencial arqueolóxico” e albiscar que tipo de vínculos pode haber coa contorna. A información e os materiais recollidos nas diferentes etapas do proxecto serán logo analizados en laboratorio. Por último, non faltarán as actividades de divulgación, estando previsto a celebración cando menos dunha xornada de portas abertas “para quen queira achegarse a coñecer a realidade dunha escavación arqueolóxica de primeira man” e unha xornada máis técnica unha vez rematada a intervención “para dar a coñecer os resultados desta primeira toma de contacto co lugar”.  

Sobre a relevancia do enclave, Víctor Rodríguez Muñiz  apunta como “tivo que ser, sen dúbida, un dos enclaves máis relevantes da contorna pois estratexicamente ten unha importancia moi elevada, é un balcón natural cara os ríos Támega e Bubal”. O seu valor defensivo, comenta, non só vén dado polas súas condicións naturais senón tamén “pola propia liña de muralla que se construíu xa desde esas primeiras ocupacións, que poden ter sido facilmente do calcolítico senón máis atrás”. Estas condicións e outras, como a riqueza natural, biolóxica e xeolóxica do lugar, engaden, facilitaron posiblemente que o enclave tivera “unha ocupación continuada ou case continuada de catro milenios”, cunha secuencia histórica que parece abranguer desde o mundo calcolítico ata a demolición do Castelo de Lobarzán arredor de 1460.