DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade crea un espazo de comunicación con egresados e traballadores

Unha Comunidade Alumni para materializar o sentimento de pertenza das persoas vinculadas á UVigo 

“Faltaba a sensación de pertenza a unha institución da que estar orgullosos”, asegura Reigosa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/02/2021

30 anos despois do seu nacemento, a Universidade de Vigo pon en funcionamento desde hoxe a Comunidade Alumni-UVigo, un servizo que crea un novo espazo de comunicación que permite, non só manter activo o vínculo entre a institución e as persoas tituladas e outros colectivos que mantivesen relación académica ou contractual coa institución, senón tamén establecer sinerxías dentro do colectivo, que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional. Este mediodía na presentación da Comunidade, o reitor destacou a importancia de pór en marcha este espazo de relación coas persoas egresadas que queren formar parte do futuro dunha universidade na que “faltaba a sensación de pertenza a unha institución da que podemos estar orgullosos”, dixo Reigosa. Xunto ao reitor, o presidente da Federación de Asociaciones de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, Alumni España, Antonio José Redondo; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, incidiron na relevancia desta iniciativa, que segundo Pedrosa fai deste día “un dos máis gratificantes da miña etapa á fronte do Consello Social da Universidade de Vigo”.

Cunha páxina web de seu, que as persoas interesadas deberán utilizarse para unirse á Comunidade Alumni-UVigo e na que se recompila toda a información de interese deste novo servizo, esta rede de contacto das persoas vinculadas á Universidade de Vigo ten como obxectivos principais os de colaborar coas tarefas de coñecemento da situación e da bagaxe profesional do antigo alumnado; facilitar a localización de antigo estudantado a quen lle poida xurdir algún asunto de interese particular ou colectivo; favorecer as relacións da rede de contactos profesionais, así como aumentar as posibilidades de xerar oportunidades de negocio entre a comunidade ou organizar encontros ou estreitar vínculos de colaboración entre as empresas e as institucións nas que se atopen integrados os usuarios da comunidade Alumni-UVigo e a propia UVigo, en materias de interese común. 

Tras estudar os modelos existentes noutras universidades, a UVigo optou por unha fórmula mixta para implantar este servizo que poderán integrar persoas tituladas, PDI, PAS ou alumnado de programas de mobilidade. Ademais, de forma motivada, poderáselles outorgar os recoñecementos de alumni-UVigo honorífico a persoas que sen pertencer a ningunha das categorías anteriores, teñan unha relevancia, ou méritos de excelencia, que as fagan merecedoras de tal distinción, como é caso dos doutores/as honoris causa pola propia universidade. Outras dúas categorías son as de alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa comunidade, sexa a través de accións de mecenado, mentoría, facilitadoras de emprego, acollida etc, e amigo de alumni-UVigo para persoas achegadas e amigos da institución, que sen pertencer a ningunha das categorías definidas previamente, mostren o interese en formar parte activa da comunidade.

“As persoas usuarias da comunidade Alumni-UVigo disfrutarán, entre outros, dos beneficios de participar de accións formativas, apoio laboral ou ao emprendemento; vantaxes que ofrezan tanto a UVigo coma entidades colaboradoras á comunidade, como actividades de extensión universitaria, tanto culturais coma deportivas, uso do servizo da biblioteca e servizos de préstamo de libros ou acceso á oferta formativa ofrecida polo Centro de Linguas”, explicou Natalia Caparrini, que agradeceu a implicación de todas as persoas e entidades que participaron na posta en marcha desta iniciativa. Pola súa banda, o reitor, desexou que todas as persoas que participen na comunidade obteñan dela as maiores vantaxes e que este servizo “sexa unha canle aberta coas persoas que forman parte dela”, sinalou Reigosa.

O mellor corpo diplomático co que contan as universidades

Nas súas respectivas intervencións, o presidente da Federación de Asociaciones de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, Alumni España, Antonio José Redondo e o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, coincidiron en sinalar ás egresadas e egresados como “os mellores embaixadores que teñen as universidades”. Redondo, que lembrou que a día de hoxe son máis de 50 as universidades que integran a Asociación de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, incidiu no papel das persoas egresadas para “axudar aos actuais alumnos sobre o que lles agarda fóra”. Así mesmo, lembrou o importante papel dos antigos alumnos nas campañas de recollidas de fondos, como as desenvolvidas recentemente polas universidades de Deusto e Valencia para acadar cartos destinados a paliar os efectos da pandemia e nas que acadaron máis de 700.000 euros.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UVigo manifestou a súa satisfacción porque “por fin os alumni poidan encontrarse e apoiarse, aproveitando capacidades e potencialidades recíprocas”. Ernesto Pedrosa referiuse á creación da Comunidade Alumni-UVigo como “unha iniciativa fertilizadora, porque os exalumnos teñen o ben máis prezado que unha universidade pode ofrecer ao seu estudantado: poñer ao seu servizo formación competencial e experiencia de quen os precedeu”, dixo o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo.

Antecedentes da Comunidade Alumni-UVigo

Os antecedentes da Comunidad Alumni-UVigo que hoxe entra en funcionamento remóntanse ao ano 1997, cando se creou a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo co obxectivo de impulsar e favorecer os lazos da sociedade, o tecido empresarial, e a Universidade. Na actualidade a asociación continúa a súa actividade con José María Franco García á cabeza e mais de 100 asociados que participan activamente nas accións que dende entón se levan impulsando.

Xa no ano 2016, botaba a andar o Observatorio das Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, unha iniciativa pioneira en España, liderada  por Luis Espada Recarey, primeiro reitor da UVigo coa finalidade de manter un canle que permitise continuar coa elaboración de estudos de seguimento da inserción laboral do antigo alumnado.