DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller de cociña inserido no programa de obradoiros impulsados estes mes polo Campus Crea

A comunidade universitaria aprende no Carlos Oroza a elaborar pratos rápidos e saudables

Tamén se desenvolven nestes días cursos sobre viño, robótica educativa e instalacións artísticas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Saúde
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/11/2018

Dispor de pouco tempo para preparar unha determinada comida non é un impedimento para manter unha alimentación saudable. Este é o punto de partida do Obradoiro práctico de cociña saudable para cerebros ocupados que nestas semanas se desenvolve nas instalacións do CIFP Carlos Oroza e que se enmarca no programa de obradoiros abertos á comunidade universitaria que a Vicerreitoría do campus impulsou neste mes de novembro no marco do Campus Crea S2i. “A nosa intención con este curso é ensinarlle á mocidade que poden comer san e saudable dun xeito sinxelo e moi doado, que con produtos que temos ao noso redor, de tempada, pódense facer pratos saborosos e nutritivos”, salienta o director do centro, Manuel Hermo.

Tras unha sesión introdutoria, o 8 de novembro na Casa das Campás, na que a profesora Marta Abad realizou un achegamento á composición nutricional dos alimentos e á confección de menús equilibrados, o obradoiro, no que participan preto de 20 integrantes da comunidade universitaria, dedica cada unha das súas sesións, que se desenvolven nas instalacións do CIFP Carlos Oroza, a que as e os participantes realicen eles mesmos diferentes receitas a partires dunha serie de produtos. “O obxectivo é que aprendan e que se divirtan”, sinala Hermo dun obradoiro no que cada sesión se completa coa degustación dos pratos elaborados polo alumnado e que ten como eixo unha serie de “receitas estándar que poidan preparar en 20 ou 30 minutos e ir adaptando segundo a tempada do produto e segundo o que teñan na neveira”, de tal xeito que permitan á comunidade universitaria definir menús cunha “composición nutricional equilibrada”, tendo en conta, como engade Hermo, que a xente nova “abusa normalmente dos hidratos de carbonos, dos azucres e das graxas, que están moi presentes na comida precociñada”.

Así, a primeira sesión práctica, guiada polo profesor Ricardo Fernández, tivo como eixo as verduras e hortalizas coas que os e as participantes elaboraron ensaladas, minestras ou salteados. Na tarde deste xoves, Daniel Punzoni guiou ao alumnado na realización de sinxelas receitas que teñan como punto de partida o arroz ou a pasta fresca que aprenderon a elaborar nesta xornada; mentres que mañá venres os peixes serán o eixo do taller que impartirá Francisco Rodríguez, responsable tamén da sesión dedicada aos pratos baseados en diferentes carnes, tanto brancas como vermellas. Xa o vindeiro venres 23 o obradoiro chegará ao seu remate cun taller de pan e sobremesas, “no que farán, con pouca cantidade de azucre, sobremesas nutritivas e saudables”, engade Hermo.  

Tres olladas ao mundo do viño

Neste programa de obradoiros figura tamén o curso O viño: ciencia, cultura e territorio, integrado por tres conferencias, abertas ao público, que arrincan hoxe xoves na Vicerreitoría co relatorio Variedades de vide e territorio. Ciencia, historia e tradición, a cargo da bióloga do CSIC Carmen Martínez e centrado, como explica Manuel Morquecho, director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, “nos viños autóctonos que temos ao noso redor”. A segunda conferencia, que se desenvolverá o vindeiro luns 19 ás 19.00 horas no Espazo Nemonon, correrá a cargo do sumiller da viñoteca Bagos Adrián Gutiérrez, e estará centrada no labor destes profesionais na transmisión da cultura do viño; mentres que a terceira, que terá lugar o xoves 22 ás 19.00 horas no Pazo de Mugartegui e se completará cunha cata, correrá a cargo do secretario xeral da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro, e abordará “o vínculo do viño co territorio, desde o punto de vista da súa contribución á fixar poboación e xerar riqueza”. 

Un achegamento a novos recursos docentes

Ao abeiro desta iniciativa do Campus Crea, a Casa das Campás acolle nestas semanas un curso de iniciación á robótica educativa a cargo de Luis Alonso, do Centro Galego de Robótica Educativa “As novas xeracións son nativos dixitais, manéxanse mellor cun móbil ou unha tableta que cun libro, polo que a idea é aproveitar ese recurso e esa atracción”, salienta Alonso dun taller que busca iniciar ao futuro profesorado nas posibilidades da robótica como un recurso aplicable “á adquisición de coñecementos en ámbitos como as matemáticas ou as ciencias”. De carácter fundamentalmente práctico, o taller que se desenvolve na Aula Tecnolóxica e ao que sucederá, a partires da vindeira semana o taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na aula, busca achegar as e aos participantes unha primeira ollada ás múltiples opcións que existen neste eido dun xeito práctico, “montando e probando os dispositivos”. Articulado en catro sesións, a actividade abriuse cun achegamento a dispositivos de robótica infantil e ás propostas de “robótica con programación” da liña de recursos docentes Lego Education. A segunda xornada, relata Alonso, estivo dedicada ás linguaxes de programación, centrándose máis en concreto no caso de scratch. Xa esta semana, o curso continúa cunha xornada dedicada ao software e hardware de código aberto Arduino, mentres que mañá venres, o taller chega ao seu remate abordando como empregar linguaxes como scratch para programa diferentes robots e unha introdución ao deseño e impresión 3D. 

Condicionantes técnicos e creativos dun proxecto artístico

Nestes días desenvólvese tamén o taller Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír, que imparten na Sala X o artista e xefe de montaxes de exposicións do Marco de Vigo, Paul Guy, e a comisaria Anxela Caramés. Dirixido a desenvolver competencias ligadas á planificación e construción de instalacións artísticas, o curso busca dotar ao alumnado das “ferramentas necesarias” para desenvolver unha instalación ou proxecto expositivo. Nese senso, a primeira das sesións estivo centrada en abordar, tanto desde o punto de vista técnico como formal, o proceso de creación, comisariado, desenvolvemento e execución de Birdwatching, unha instalación que Guy desenvolveu, con Caramés como comisaria, para a Cidade da Cultura e que, a raíz deste taller, proxéctase reconstruír, coa participación do alumnado, diante da Facultade de Belas Artes. A partires dese caso concreto, o taller abordou tamén a “complexidade técnica ou tecnolóxica” que implican diferentes tipos de montaxes, desde traballos audiovisuais a “pezas de tipo máis construtivo”, como apunta Caramés, para, na sesión deste xoves, desenvolver co alumnado un “exercicio práctico” consistente en analizar as ideas dunha “posible instalación ou exposición para a Sala X” achegadas polos e as participantes.