DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesionais sanitarios de Medicina Intensiva impartiron un obradoiro na EE Industrial 

A comunidade universitaria infórmase e fórmase nas técnicas de reanimación cardiopulmonar 

Co gallo do Día Mundial da Parada Cardíaca 

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Cultura
DUVI 16/10/2019

O salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial acolleu esta mañá un obradoiro teórico-práctico de reanimación cardiopulmonar, no que profesionais sanitarios de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro amosaron á comunidade universitaria as técnicas de reanimación cardiopulmonar. Co gallo do Día  Mundial da Parada Cardíaca, médicos e enfermeiras deron a coñecer no campus vigués como actuar nunha situación de parada, empregando técnicas como a masaxe cardíaca e o uso do desfibrilador.

Reinicia un corazón en tres pasos: comproba, chama e comprime é a mensaxe na que incidiron as e os 22 profesionais sanitarios que se desprazaron hoxe a cinco centros educativos da área sanitaria de Vigo e á Escola de Enxeñería Industrial, onde desenvolveron sesións teóricas e prácticas, nas que deron a coñecer as nocións básicas da reanimación cardiopulmonar. As e os profesionais lembraron que a principal causa do paro cardíaco é o infarto agudo de miocardio, que provoca unha fibrilación ventricular, que se non é atendida correcta e rapidamente pode causar a morte pasados uns minutos.

Segundo organismos internacionais, para que a supervivencia por paro cardíaco aumente, arredor do 20% da poboación debería estar formada en técnicas de resucitación cardiopulmonar, que poden elevar as taxas de supervivencia un 40%.