DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, celebrarase os días 3 e 4 de abril

O concurso 'Eme_Pakuxa' busca mellorar as técnicas de improvisación oral da comunidade universitaria

Cada participante terá 20 segundos para defender cada unha das 20 diapositivas propostas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 18/03/2019

Pecha Kucha é unha modalidade de presentación oral, dinámica e curta creada no 2003 e que na actualidade está a consolidarse a través de diferentes congresos e concursos. Adaptando este formato oriental a concurso, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía xunto coa Delegación do Alumnado puxeron en marcha o concurso Eme_Pakuxa que terá lugar os días 3 e 4 de abril no vestíbulo do centro. Trátase dun certame de improvisación oral que pretende contribuír a mellorar a técnica das exposicións orais da comunidade universitaria así como divertir ás e aos asistentes a través de exposicións breves de seis minutos e 40 segundos.

Carmen Filgueira, delegada do alumnado na EME, explica que fixeron “unha adaptación do formato Pecha Kucha”, que orixinalmente non aposta pola improvisación, para que as e os participantes aborden en público temas que non coñecen con anterioridade durante un tempo limitado. “Aínda que o tema principal será académico, queremos facelo dunha forma relaxada e graciosa”, destaca.

Formato 20x20

O concurso, que está aberto a toda a comunidade universitaria, baséase no formato de exposición 20x20, unha modalidade que restrinxe a duración das presentacións a seis minutos 40 segundos, e que está a ter moita acollida no mundo empresarial. Deste xeito, as persoas participantes poderán achegarse a este formato para traballar e mellorar as presentacións de duración limitada, nas que deben concentrarse na mensaxe nun tempo curto pero ininterrompido e así, evitar o aburrimento que adoitan provocar as presentacións longas. Carmen Filgueira engade que “a día de hoxe existen diversos concursos e congresos con presentacións deste tipo e, este evento, pode axudar a practicalas e tamén a quitarlle ferro ao asunto”.

Para desenvolver este formato, “un equipo formado por persoal da dirección da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, da comisión de divulgación e da delegación creará unha serie de diapositivas personalizadas (20 para cada participante) tendo en conta a titulación que estuda ou que estudou”. As e os concursantes, que non coñecerán os temas de cada unha das diapositivas ata o comezo co concurso, disporán de 20 segundos para falar do contido de cada unha das 20 láminas que se proxectarán, ofrecendo así exposicións de seis minutos e 40 segundos.

Prazo de inscricións ata o 20 de marzo

Os obxectivos principais desta actividade son dar a coñecer o centro, fomentar a participación nas actividades propias e “por suposto, pasar un bo rato de risas entre alumnado, profesorado e todas as persoas que se queiran inscribir”, sinala a delegada. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico co nome e titulación estudada antes do 20 de marzo á Delegación do Alumnado da escola. O vestíbulo da EME estará preparado os días 3 e 4 entre as 14.00 h e as 15.00 h para recibir ás persoas da comunidade universitaria que queiran amosar o seu potencial como oradoras, e servizos que serán avaliados por un xurado composto por docentes e estudantes do centro.