DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido ao alumnado do último ciclo da ESO, Bacharelato e FP

O concurso 'Enerxiza_Rme 2022' busca maquetas de vivendas e de centrais enerxéticas eficientes

O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Premios
  • Académica
DUVI 25/01/2022

Na actualidade un dos problemas que máis preocupa á sociedade é o quecemento global e as súas consecuencias e, cumprindo cos obxectivos desenvoltos na Axenda 2030 da ONU e coa finalidade de sensibilizar sobre esta temática, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da Universidade de Vigo proponlle aos alumnos e alumnas dos cursos de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos que se animen a construír unha maqueta dunha vivenda ou dunha planta enerxética nas que as súas instalacións sexan eficientes. Por iso, coa intención de que o futuro alumnado universitario se achegue ás enerxías renovables, a EEME lanza, como cada ano, o concurso Enerxiza_Rmeun certame no que se quere poñer a proba o enxeño e creatividade do estudantado mentres se reforzan os coñecementos de hidráulica, pneumática, circuítos e automática para crear unha maqueta interactiva.

De feito, como precisan dende a organización, un dos motivos polos que a escola promove este concurso é conseguir que "os estándares de aprendizaxe dos currículos se vexan reforzados", xa que os alumnos poderán formar parte dun proxecto no que, ademais de interiorizar os contidos teóricos das diferentes materias, poderán aplicalos á realidade. É dicir, que poderán entender eses conceptos abstractos, que moitas veces son presentados nas aulas a través de exercicios teóricos, a partir dun proxecto tanxible, cunha aplicación real dos contidos previstos nas diferentes programacións.

Sen limitacións na escolla de materiais ou nas dimensións da maqueta

Os equipos, que serán de tres a seis estudantes, poderán presentar un modelo de vivenda eficiente ou de centrais e plantas de enerxías renovables, como a eólica, a hidráulica ou a xeotérmica, entre outras. Por outra banda, dende a organización do certame non se puxeron limitacións en canto ás dimensións da instalación, á escolla de materiais (cartón, madeira, metal, plástico...) ou ás tecnoloxías empregadas para a súa construción (elaboración manual en taller, creación de pezas mediante impresoras 3D, procesos de mecanización, etc.). En total repártense 450€ entre as propostas gañadoras que se dividen en 300€ para o centro educativo que consiga acadar o primeiro posto e 150€ para o segundo clasificado.

As maquetas presentadas poranse a proba nunha competición que se celebrará no mes de maio nas instalacións da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía co gallo da celebración do Día Internacional do Medio Ambiente. Nese mesmo día desvelaranse os equipos vencedores e recibirán o seu premio, así coma un agasallo da escola e un diploma para cada participante. A inscrición terá que realizarse antes do 30 de marzo do 2022 ás 20.00 horas empregando o formulario dispoñible na sección do concurso da web da EEME. Cada equipo estará liderado por un ou unha docente do centro educativo ao que pertenzan os estudantes, que será a persoa responsable de enviar o anteproxecto da maqueta ao enderezo electrónico eme@uvigo.gal antes do 30 de abril do 2022. Así mesmo, a pesar de que o persoal docente dos institutos poida titorizar varios grupos, cada equipo só poderá achegar unha proposta orixinal e non de carácter comercial.

O xurado que decidirá que equipo merece ser galardoado, estará composto por un ou unha especialista no ámbito da Enxeñaría da Enerxía, dous membros do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, un ou unha docente de Bacharelato e dous alumnos/as da escola (un por cada grao impartido na EEME).