DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase a cuarta edición do certame de redacción e debuxo sobre esta temática

Un concurso escolar para visibilizar o papel da muller na ciencia e na enxeñaría

O prazo de presentación de propostas remata o 24 de xaneiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 09/12/2019

Por cuarto curso consecutivo, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense convocan o Concurso Escolar de Debuxo e Redacción do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O alumnado de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros ourensáns pode presentar os seus traballos sobre a muller na ciencia e na enxeñaría ata o 24 de xaneiro de 2020.

Os obxectivos da iniciativa, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo son, segundo explican as entidades organizadoras, promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice este papel e chamar a atención do alumnado preuniversitario sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. A actividade, engaden, celébrase co gallo da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. “Con esta iniciativa queremos visibilizar referentes femininos nas disciplinas STEM para estudantes de Primaria e Secundaria”, explica Nieves Lorenzo, unha das profesoras coordinadoras do certame.

Lembrando como estes colectivos educativos están “sempre faltos de referentes femininos” no eido científico e tecnolóxico, Nieves Lorenzo subliña como esta iniciativa “é unha maneira de fomentar o coñecemento desas mulleres nos colexios e por parte do seu alumnado”. Participar no certame, indica a profesora Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, permítelles ás e aos escolares “descubrir como houbo mulleres importantes na ciencia, como hai mulleres que conseguiron logros moi relevantes nela, e pódelles servir como exemplo a seguir nos seus estudos”. O certame, lembra, contou na súa terceira edición coa participación dun cento de escolares e celebra agora unha nova edición “facéndose xa un oco entre os moitos concursos que teñen os colexios”.

Dúas categorías e dúas modalidades

A participación neste certame está aberto a alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado nos centros educativos da provincia de Ourense, establecéndose unha categoría para cada un destas etapas educativas. As modalidades para participar son as de debuxo e redacción. O debuxo, en A4, ten que ser inédito e orixinal e de técnica libre con calquera material e a redacción non superará os dous folios, podendo cada estudante participar exclusivamente nunha das modalidades cunha única proposta. Os traballos presentados teñen que tratar sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría e deben ser orixinais, podendo abranguer desde o debuxo dunha científica ata falar de descubrimentos de científicas pioneiras.

Un xurado composto por profesorado dos centros organizadores avaliará as propostas presentadas, valorando no caso do debuxo a calidade técnica, orixinalidade, creatividade e tratamento da temática do concurso e no caso da redacción o estilo, capacidade de razoamento, orixinalidade e tratamento da temática. A entrega de premios terá lugar no marco da II Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, Exxperimenta en feminino, nun acto que terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense en 2020. Ese día exporanse todos os debuxos e farase entrega dos premios ás persoas gañadoras. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades que consistirán en libros, calculadoras e diplomas.