DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mestra Carmen Quinteiro protagonizou un coloquio virtual co alumnado de Educación Infantil

Coñecerse a si mesmo, o primeiro paso para mellorar como docente

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/03/2021

Aventuras e desventuras dunha mestra na aula de infantil era o título da conferencia virtual coa que a profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro buscou achegar o alumnado do grao en Educación Infantil ao seu futuro labor como docentes. Nunha actividade promovida pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Inés Lareo, Quinteiro puxo o foco na importancia do “autocoñecemento”, na relevancia que ao seu xuízo ten neste eido profesional reflexionar respecto de “quen somos e que queremos ser como mestres”. 

A docente do CEIP A Xunqueira I, que recentemente remataba en cuarto lugar nos premios Educa Abanca aos mellores docentes de España na categoría de educación primaria, buscou neste coloquio que as e os participantes “reflexionen un pouco sobre o que están a estudar, sobre que tipo de mestres queren ser”. Nese senso, Quinteiro animounos a “estudar, facer cursos, observar moito e escoller moi ben onde queren facer as prácticas”, así como a ter en conta a importancia que os propios gustos e intereses teñen á hora de definir “como serán como mestres e mestras”, xa que, lembrou, non "podemos esperar á estar xa na porta da escola para pensar que é o que imos facer dentro".

Partindo desa idea e pondo de relevo que, como profesionais, “imos aprendendo moito na propia aula a partir dos erros”, Quinteiro achegou ao alumnado algunha das iniciativas que puxo en práctica como docente nestes anos, como os “mércores de arte”, actividade que a leva a visitar cada semana museos e espazos expositivos cos nenos e nenas, a súa experiencia na inclusión na aula da lingua de signos ou o traballo cos estereotipos de xénero. Do mesmo xeito, tamén puxo énfase na importancia que ao seu xuízo ten nesta etapa educativa o traballo coas emocións, así como tratar de promover “o pensamento reflexivo e crítico” nos nenos e nenas.