DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co propósito de desenvolver proxectos conxuntos

A Conferencia de Decanas e Decanos de Belas Artes constitúese en asociación

Na reunión que celebran nestes días en Bilbao

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/06/2018

A decana da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Silvia García, e o vicedecano de Calidade, Marcos Dopico, participan nas xornadas de luns e martes en Bilbao na Conferencia de Decanas e Decanos que agrupa ás 14 facultades de BBAA de universidades públicas que existen en España, reunión na que acordaron constituírse como asociación co propósito, entre outros, de poder desenvolver proxectos conxuntos, como explica García. Nun comunicado, a Conferencia de Decanas e Decanos salienta a súa vontade de unir esforzos “e defender os intereses comúns”. Nese senso, a conferencia constituída no ano 2003 para coordinar e colaborar na configuración dos estudos universitarios en arte incide tamén que a creación desta asociación ten como obxectivo “afrontar os novos retos” que supón “a constante evolución da educación universitaria” neste eido, á vez que subliñan que as facultades de Belas Artes “son os únicos centros que imparten graos e másters universitarios nos ámbitos das artes, o deseño ou a restauración”.

Entre os intereses comúns que motivan a creación desta asociación, as decanas e decanas poñen o acento tanto na “defensa dos intereses comúns” entre os centros universitarios que imparten estudos en Belas Artes, como “a necesidade de reconfigurar as áreas de coñecemento para adaptalas a este novo contexto”, á vez que inciden na necesidade de mellorar a mobilidade entre os centros e a colaboración no eido da investigación.