DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas MYCO60 inclúen un relatorio da profesora Marisa Castro o día 9 de novembro

Conferencias e obradoiros para celebrar os 60 anos de divulgación micolóxica en Galicia

A docente alerta de que a falta de coñecementos converte a micofilia “nun deporte de risco”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
M. Del Río DUVI 27/10/2021

Aínda que a divulgación micolóxica en Galicia comezou en Santiago a principios do século XX, con Amando Castroviejo, non adquiriu unha estrutura sistematizada ata 1961. Polo tanto, esta disciplina cumpre en 2021 60 anos, unha efeméride que o Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo quere conmemorar coa organización das xornadas MYCO60, en colaboración con MycoPlantae Galicia. O programa comprende relatorios e obradoiros prácticos ao longo da primeira quincena de novembro. O talleres terán lugar na Fundación Sales con tres propostas diferentes: o xoves 11 a partir das 16.30 sobre identificación de cogomelos; o venres 12 á mesma hora sobre cultivo de cogomelos para familias e o sábado 13 un taller sobre os cheiros da natureza de 18.00 a 20.00 horas. 

Previamente, o día 9, a investigadora do Laboratorio de Micoloxía da UVigo Marisa Castro ofrecerá un relatorio sobre a historia da divulgación micolóxica en Galicia no edificio Cambón ás 19.00 h. Castro, docente do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo ata este mes de agosto, cando se xubilou, lembra que en 1961 Antonio Odriozola e Carlos Valencia comezaron a dar cursos e charlas, a facer saídas ao campo e a montar exposicións, co apoio de persoas como o propio Castroviejo ou Álvaro Cunqueiro. As primeiras asociacións formáronse na década de 1970 en Pontevedra e en Vigo (A Zarrota) e, a partir dese momento, a micoloxía en Galicia non deixou de crecer, chegando a existir 40 colectivos, “coa incansable colaboración de Antón Patiño, de Librouro” que deron pé á Federación Galega de Micoloxía, a primeira que se puxo en marcha en España. Agora, destaca Castro, “a selección natural” fixo que só estean en funcionamento unha decena de colectivos, que se dedican, por unha banda, “a formar miconaturalistas para coñecer mellor as especies, e micófagos, para aprender a degustar os cogomelos”.

Dous millóns de especies de fungos

Estímase que no mundo existen arredor de dous millóns de especies de fungos e 100.000 deles están descritos. Pero estas cifras, puntualiza Marisa Castro, inclúen todos os fungos, tanto os que son produtores de cogomelos como os que non”. No que atinxe a Galicia, calcúlase que existen 2500 tipos de fungos produtores de cogomelos, “pero coas novas técnicas de identificación estanse revisando as especies e este número pode variar bastante en poucos anos”. Atendendo ás especies comestibles, e deixando de lado as que non son tóxicas pero teñen pouco valor gastronómico, Castro reduce a cifra a preto de 25 especies, algunhas delas moi populares como cesáreas (Amanita caesarea), níscaros (Lactarius grupo deliciosus), zarrotas (Macrolepiota procera), sendeiriñas (Marasmius oreades), andoas (Boletus grupo edulis), coliflor de monte (Sparassis spp), cantarelos (Cantharellus grupo cibarius), trompetas (Craterellus spp), pantorras (Morchella spp) e lingua de ovella (Hydnum repandum).

O coñecemento sobre as especies foi incrementandose co paso dos anos. Así, en 1980 só había unha tese de doutoramento realizada en Galicia polo veterinario madrileño Mariano García Rollán, na que se recollía a existencia de 800 especies. Na actualidade xa se presentaron dez teses de doutoramento e outras cinco están en fase de realización, “sen contar as de licenciatura e traballos de fin de grao e mestrado”. Esta evolución, recalca a docente, “é o que xustifica que o número de especies coñecidas se multiplicara por tres”. 

Dos tabús á micofilia

Castro recoñece que descende dunha familia micófoba na que, como en boa parte de Galicia, os cogomelos estaban rodeados de tabús e xeraban moitos medos. Non obstante, no transcurso da súa formación como bióloga, foise especializando ata doutorarse en Micoloxía. Ao longo de case catro décadas, abordou a investigación dende todos os ámbitos (“taxonómico, etnomicolóxico, ecolóxico...”) pero tamén dedicou moito tempo á divulgación. Lembra como un referente ao seu profesor Luís Freire, “pai da micoloxía galega”, que deixou escola, tanto na Universidade de Vigo e en MycoGalicia como “nalgunhas asociacións dirixidas por discípulos seus”. 

Explica dos cogomelos era un mundo tradicionalmente cheo de tabús, normalmente relacionados co mundo dos alucinóxenos e as relixións. Asócianse, recalca a docente, “ao intento de liberar a mente e contactar cos deuses, o que para o poder establecido é un verdadeiro perigo. Eran totalmente prohibidos pola igrexa, como pan do demo, de aí derivan nomes como: pan de lesma ou de cobra, paraugas de sapo, pan de raposo... dados a cogomelos que son perfectamente comestibles e que nalgúns lugares de Galicia si se consumían, como se evidencia pola existencia de nomes populares moi antigos como: zarrota, cogordo, choupín, monxo, patamela, andoa, viriato, orellanzo, pantorra, xirupato, cacafina...”. De feito, o seu consumo era habitual en zonas onde había moita dificultade para atopar alimento, “como di Neira Vilas no seu conto Mae”, puntualiza.

Nas últimas décadas esas reticencias foron quedando atrás e foise incrementando a afección polos cogomelos, tanto por apañalos como por comelos. O problema reside, recalca a docente, en que só unha pequena porcentaxe de micófilos afeccionados manifestan gañas de formarse, “o resto só quere comer e coñecer catro cousas para non intoxicarse”, o que se traduce en moitos casos no que para Castro é “un deporte de risco”. Neste sentido recalca que “nin todo o que come cogomelos é micólogo, nin todo o que bebe viño é enólogo”.

Pola contra, Castro pon en valor o traballo dos miconaturalistas, persoas formadas e ansiosas por coñecer e fotografar cogomelos diferentes que, de feito, “funcionan como verdadeiros coleccionistas, saen ao monte, son coidadosos coa natureza e co que non é seu, como as propiedades privadas, e sobre todo relaciónanse con micólogos e usan metodoloxías que van máis alá da observación macroscópica”. Moitos deles, por exemplo, contan cun microscopio e tentan aplicar as novas técnicas de DNA para identificar as especies e, polo tanto, están máis próximos aos micólogos que aos micófagos ou “come-setas”. 

Prezos e inscricións na conferencia e nos obradoiros

A conferencia de Marisa Castro do día 9 é de balde, pero é preciso realizar inscrición previa a través deste enlace. Os obradoiros teñen un prezo de 10€ por persoa e as prazas son limitadas. A matrícula debe formalizarse a través do correo info@salesxardin.com ou do teléfono 986 240 882.