DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Previsto para xuño, celebrarase finalmente en xaneiro en modalidade virtual organizado pola UVigo

Un congreso abordará os retos da cristalografía, unha disciplina clave para a comprensión da natureza e os seus procesos

Con aplicacións en nanotecnoloxía, industria farmacéutica ou a exploración espacial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/11/2020

A maioría dos minerais e pedras preciosas, os flocos de neve, o sal que usamos na cociña, o azucre, o chocolate, moitos produtos farmacéuticos, proteínas, virus ou novos materiais con propiedades tecnolóxicas presentan formas cristalinas. A presenza transversal dos cristais en eidos tan diversos constata a importancia da ciencia que se ocupa de estudalos, a cristalografía. No seu estudo céntrase o traballo do catedrático da Universidade de Vigo Ezequiel Manuel Vázquez, que xunto co seu equipo de investigación está a organizar o XXIX Simposio GE3C 2021. 

A cita, prevista para celebrarse en Vigo no mes de xuño, terá lugar finalmente entre os días 19 e 22 de xaneiro en modalidade virtual. Vázquez explica que este congreso é a cita anual do Grupo Especializado de Cristalografía e Crecemento Cristalino (GE3C), que pertence ás Reais Sociedades de Física (RSEF) e de Química (RSEQ) e que ten como misión promover e potenciar o desenvolvemento da investigación, o ensino e a divulgación de calquera área da cristalografía. Neste edición do simposio, que se vén celebrando dende 1988, a Universidade de Vigo foi a encargada da organización local do evento.

Máis de 20 premios Nobel neste campo

O catedrático Ezequiel Vázquez explica que a cristalografía é a ciencia que estuda os cristais, mentres que o crecemento cristalino se ocupa dos procesos de formación dos cristais. “Os cristais son sólidos que teñen os seus elementos constitutivos (átomos, ións e/ou moléculas) ordenados no espazo regular e repetidamente e podemos atopar multitude ao noso redor tanto naturais como sintéticos”. Por este motivo, remarca, “o coñecemento da estrutura interna dos cristais é vital para entender e predicir as propiedades dos sistemas estudados, tanto as súas propiedades físicas (cor, condutividade eléctrica, propiedades magnéticas), como químicas (reactividade, propiedades catalíticas, sensores) e biolóxicas (propiedades farmacolóxicas, función biolóxica)”.

Mostra desta relevancia é que o desenvolvemento da cristalografía como ciencia, principalmente durante o século XX, se traduciu en máis de 20 premios Nobel e unha longa lista de achegas nos campos da química, a física, a bioloxía, a xeoloxía, a medicina ou as ciencias de materiais. Neste novo século os principais retos desta disciplina están relacionados con eidos como a nanotecnoloxía, os sistemas biolóxicos xigantes ou a femtoquímica. 

A organización agarda superar o cento de asistentes

O simposio, que se concibe como un foro aberto para a presentación de todo tipo de traballos de investigación, experiencias e resultados en calquera das áreas da cristalografía e o crecemento cristalino, está dirixido tanto a estudantes e investigadores como a profesionais do ámbito académico, científico ou industrial que desenvolvan a súa actividade relacionada non só coa cristalografía, senón tamén coa química, a física, a xeoloxía, a bioquímica, a bioloxía ou as ciencias dos materiais. Inicialmente, a organización agardaba arredor dun cento de participantes, pero co cambio á modalidade en liña e a redución das taxas de inscrición, esperan unha “activa participación de xente nova, como estudantes de mestrado, doutoramento e investigadores postdoc”.

Catro conferencias plenarias e oito microsimposios

O simposio contará con catro conferencias plenarias e oito microsimposios en diferentes áreas temáticas e sesións de póster. Para as plenarias, o profesor Vázquez explica que se escolleron “catro expertos de recoñecido prestixio relacionados co avance da cristalografía e o crecemento cristalino en ámbitos tan diversos como a ciencia de materiais, a difracción de electróns, a industria farmacéutica e aplicacións na exploración espacial”. Así, Eugenio Coronado, investigador do ICMol da Universidade de Valencia, impartirá o primeiro do día do congreso un relatorio titulado Desde cristales moleculares multifuncionales hasta dispositivos electrónicos híbridos. Na segunda xornada, o convidado será Mauro Gemmi, do Istituto Italiano di Tecnologia, que falará sobre a difracción de electróns 3D a través da nanocristalografía. O xoves 21 intervirá Olga Prieto-Ballesteros, do CAB.INTA, do CSIC, cunha palestra sobre titulada Los clatratos de gas en el Sistema Solar y la actividad geológica asociada. A cuarta conferencia plenaria, o derradeiro día do congreso, será a de Jacobo Cruces, de Galchimia, cunha intervención titulada Descubrimiento de fármacos: la visión de una CRO.

No que se refire ás área temáticas do simposio, Vázquez lembra que as comunicacións xirarán arredor de oito eidos principais, como son as aproximacións do século XXI á determinación estrutural, as organizacións metalo-orgánicas e outros materiais funcionais, a Cristalografía física, o crecemento cristalino en diferentes contornas: desde a célula ao espazo, a estrutura e propiedades de materiais: desde novos minerais a biomateriais, a cristalografía química e enxeñería cristalina, a cristalografía actual de macromoléculas e a cristalografía e sociedade.