DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido nas actividades da rede Refat, terá lugar do 16 ao 18 de outubro en CCSS e da Comunicación

Un congreso internacional debaterá no campus sobre o rol dos medios de comunicación nas ditaduras

Coa participación de especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/10/2019

Afondar no uso que ditaduras e movementos totalitarios realizaron dos medios da comunicación, da propaganda e da opinión pública constitúe o eixo temático do XII Congreso Internacional da Rede científica para o estudo dos fascismos, autoritarismos, totalitarismos e transicións á democracia (Refat), que entre o 16 e o 18 de outubro se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Preto de 30 expertos e expertas procedentes de universidades españolas, portuguesas, italianas e brasileiras protagonizarán as diferentes conferencias e presentacións que integran o programa deste foro internacional, organizado polo grupo de investigación en Propaganda e Técnicas da Comunicación da facultade. 

Integrada por expertos e grupos de investigación de diferentes países, a Refat centra o seu campo de estudo “na historia do autoritarismo, o totalitarismo e as transicións á democracia, en visión comparada entre Brasil, España, Portugal e Italia”, como explica o profesor Alberto Pena, presidente do comité organizador deste congreso. Deste xeito, cada edición do congreso pon o foco nunha temática relacionada co obxecto de análise, como neste caso será a comunicación, “un elemento transcendental para entender como os movementos autoritarios xorden e se consolidan”, salienta Pena, que lembra como as ditaduras fixeron un uso sistemático dos medios de comunicación e da propaganda “para xerar un gran consenso arredor do liderado dun caudillo”. De feito, o fenómeno da comunicación nos totalitarismos fora xa o eixo temático da única edición deste congreso que, ata a data, tivera lugar en España, a celebrada en 2013 na illa de San Simón, tamén da man do grupo de investigación en Propaganda e Técnicas de Comunicación.

Inscricións abertas

Comunicación social e opinión pública nas ditaduras: narrativas, idearios e representacións é o titulo deste congreso internacional, organizado co apoio da facultade, dentro do seu 25 aniversario, Vicerreitoría do campus, Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, Consello Social da Universidade de Vigo, Concello de Pontevedra e Deputación Provincial e que mantén aberta a súa inscrición ata o 12 de outubro. Trátase, como explica Pena, dun evento aberto nese senso “tanto ao alumnado da facultade como a toda a sociedade”, que pode formalizar a súa inscrición, de carácter gratuíto, a través do correo alberto@uvigo.es.

Unha mirada cara o século XX con reflexos na actualidade

Analizar o rol fundamental dos medios de comunicación de masas e as estratexias de comunicación das ditaduras, poñendo o foco principalmente nas ditaduras española, portuguesa, italiana e brasileira, será o eixo central deste congreso. Non obstante, o uso da comunicación na Alemaña nazi ou na ditadura do xeneral Pinochet en Chile figuran tamén entre os contidos a abordar nun congreso que, a pesares da súa “perspectiva histórica” buscará tamén abordar, como explica Pena, os “posibles reflexos e semellanzas” entre o uso da comunicación por parte destes réximes totalitarios e o que na actualidade poidan facer, “outras formas de acción política de carácter autoritario”. 

Deste xeito, o congreso abrirase cunha conferencia do investigador da Universidade de Bolonia Alberto de Bernardi sobre o uso propagandístico da alimentación realizado en Italia polo réxime de Mussolini trala crise de 1929, mentres que a súa conferencia da clausura, impartida pola docente da Universitat Autónoma de Barcelona Carme Molinero, estará centrada no uso propagandístico da política social por parte do franquismo. Así mesmo, nas xornadas do mércores 16 e xoves 17 desenvolveranse unha serie de mesas nas que investigadores e investigadoras de diferentes países presentarán máis de 20 comunicacións e que terán como eixos temáticos as narrativas autoritarias, a retórica do poder na prensa, a propaganda, a representación da historia e da memoria, a opinión pública, a censura e represión e as perspectivas transnacionais de propaganda política.