O galardón foi entregado este martes en Madrid
O Consejo Económico y Social de España premia un proxecto sobre ciberseguridade liderado desde a UVigo
O profesor Alberto Vaquero é o seu director
O Consejo Económico y Social de España (CES) entregou este martes en Madrid o seu XXII Premio de Investigación, dotado con 40.000 euros, ao proxecto de ciberseguridade Gardiáns dixitais para un crecemento sostible: ciberseguridade e protección cidadá na era da transformación dixital. O traballo foi realizado por equipo dirixido por Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e conformado por outros nove investigadores e investigadoras, docentes da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela de distintas disciplinas, como son a Economía Aplicada, a Organización de Empresa e Comercialización, o Dereito Administrativo e Laboral e as Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial.
Tras a recollida do premio, Alberto Vaquero destacou que “queremos agradecer ao CES a oportunidade que tivemos de colaborar cunha institución tan relevante no ámbito socioeconómico e laboral. Para todo o equipo foi un orgullo que confiase en nós para realizar unha investigación que confiamos se converta nun referente no campo da ciberseguridade pola súa perspectiva integradora, inclusiva e multidisciplinar”. Así, o director do proxecto gañador destaca que o estudo vai dirixido a un público non técnico, coa idea de que sexa “accesible para o día a día do usuario” e tendo en conta que a ciberseguridade “afecta xa á cidadanía e ás persoas, aos dereitos dixitais, ás empresas, ás institucións, etc”.
A ciberseguridade, desde múltiples perspectivas
Segundo indican en nota de prensa desde o CES, o traballo avalía o impacto socioeconómico da ciberseguridade en España desde unha múltiple perspectiva para coñecer a súa dimensión, situación, implicacións e potenciais liñas de mellora. Especificamente, destácanse nel as oportunidades e riscos inherentes ao uso das tecnoloxías da información e a comunicación e a intelixencia artificial, o seu papel na eficiencia e innovación empresarial e a súa importancia no desenvolvemento económico sostible. O proxecto insta a establecer un sistema de ciberseguridade que permita reducir as potenciais ameazas, fomentar a innovación, protexer a información e mellorar a capacidade de resiliencia das empresas e organizacións. Tamén estuda a importancia da ciberseguridade para blindar os dereitos de consumidores e usuarios e para garantir a seguridade e integridade das transaccións dixitais, dada a relevancia económica do comercio electrónico.
O estudo premiado polo CES alerta de que “aquelas organizacións e empresas que non sexan capaces de adaptarse á transformación dixital e tecnolóxica verán comprometida a súa sostibilidade e competitividade nunha contorna cada vez máis cambiante e globalizada”. Asemade, nel asegúrase que a ciberseguridade desempeñará un papel moi importante na validación do enfoque dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. En paralelo, o traballo gañador amosa a ciberseguridade como un motor estratéxico tanto directo, ao xerar emprego e actividade económica, como indirecto, polo impulso que supón a súa aplicación cara outros sectores e actividades. A xuízo do equipo premiado, o principal valor e utilidade deste estudo é utilizar unha perspectiva económica e empresarial e contar cunha natureza propositiva e proactiva, facilitando a identificación das claves do impacto económico real e potencial da ciberseguridade e suxerindo as accións necesarias para situar a España nunha situación de vantaxe comparativa.
O proxecto galardoado, indican desde o CES, “evidencia que a ciberseguridade superou a súa concepción tradicional máis técnica para converterse nunha necesidade transversal que engloba varias dimensións” e “constata que o aumento das actividades delituosas dixitais a todos os niveis, xunto co complexo espazo normativo -non sempre adecuado á realidade á que se enfronta- esixe unha resposta coordinada e estruturada no campo da ciberseguridade”. O equipo investigador conclúe no seu estudo que “unicamente se é posible lograr unha contorna dixital segura e inclusiva, capaz de combinar innovación tecnolóxica, cooperación público-privada e formación continua, conseguirase que a ciberseguridade sexa un alicerce esencial para o desenvolvemento económico sostible e a protección dos dereitos da cidadanía nunha contorna cada vez máis dixital”.