DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa agarda acadar fortes consensos que permitan a mellora de todo o SUG

Consellería de Educación e universidades apostan por unir esforzos para incorporar novas metodoloxías, compatibles coa docencia presencial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 28/05/2020

Situar o alumnado como centro das medidas; organizar a actividade docente en tres posibles escenarios (presencial, semipresencial e a distancia) e potenciar tanto a avaliación continua como a formación en competencias dixitais. Estes son os obxectivos e eixes de acción compartidos pola Consellería de Educación Universidade e Formación Profesional e as universidades do SUG, que se  tiran da análise da proposta coas achegas das universidades ao plan de impulso da docencia mixta deseñado pola Xunta, que hoxe foron analizadas na xuntanza mantida entre a conselleira Carmen Pomar e os reitores das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña. 

Sobre a xuntanza na que se acordou establecer un marco de colaboración para traballar no impulso das competencias dixitais no Sistema Universitario Galego, de xeito que sen minguar as fortalezas do sistema presencial no ensino universitario público de Galicia, se avance na mellora da docencia a distancia e na consolidación das ferramentas creadas con motivo da suspensión da actividade educativa presencial, o reitor da Universidade de Vigo, asegura que “nos borradores sobre os que estamos a traballar plantéxanse unha serie de medidas de mellora que serán moi positivas para cumprir mellor a nosa función primordial, e esperamos acadar fortes consensos que permitan a mellora de todo o SUG”. 

Preparados para encarar o vindeiro curso

Xunta e universidades coincidiron na necesidade de unir esforzos para avanzar na mellora da docencia a distancia e na consolidación das ferramentas creadas por mor da suspensión da actividade docente presencial, sen menoscabo do sistema presencial, ofrecéndolles aos centros a posibilidade de adaptarse ás novas metodoloxías de ensino. Neste sentido, Reigosa destaca o traballo que se está realizar para acadar consensos relativos á mellora docencia e a avaliación e lembra que “na  UVigo houbo un esforzo titánico por parte de toda a comunidade (profesores, alumnado e persoal de administración e servizos) para adaptase a unha situación de non presencialidade. Neste tempo aprendemos moito, e pensamos que, por unha banda, debemos estar preparados para encarar o vindeiro curso cunha programación bimodal e, por outro, aproveitar o impulso para dotarnos de mellores infraestruturas para a docencia actual”. O reitor avanzou que a Universidade de Vigo formulará a posta en marcha de medidas “que nos fagan mais fortes e competitivos, e que permitan un mellor rendemento académico do noso estudantado na situación actual, pero tamén en situacións futuras”, dixo Reigosa.

Na xuntanza de hoxe,  Carmen Pomar tamén informou do desenvolvemento da Conferencia General de Política Universitaria de onte, na que se anunciou que as CCAA disporán de financiamento, a través dos do fondos europeos, para a renovación pedagóxica e tecnolóxica.