DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse a xuntanza constitutiva deste órgano tras o cambio de equipo reitoral

O Consello de Campus de Ourense arranca o curso abordando os bos datos de matrícula

A taxa de ocupación das prazas de novo ingreso ofertadas ascendeu ao 103%

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitora
  • Institucional
DUVI Ourense 13/10/2026

O Consello de Campus de Ourense, órgano colexiado de representación e de coordinación no campus de Ourense no que participan os diferentes colectivos universitarios, celebrou este martes a súa primeira xuntanza desde que tomou posesión o novo equipo reitoral da Universidade de Vigo. Tras unha sesión extraordinaria de constitución, tivo lugar unha sesión ordinaria na que Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo, fixo balance dun arranque de curso “moi bo e sen incidencias salientables” e do que destacou unha taxa de ocupación do 103% das prazas de novo ingreso ofertadas en Ourense. 

Segundo explicou a responsable académica aos membros do Consello de Campus, este curso nas facultades e escolas do campus de Ourense ofertáronse 1017 prazas de primeiro ano, sendo cubertas finalmente 1050 delas, o que implica unha taxa de ocupación do 103%. Polo que respecta aos mestrados, das 406 prazas dispoñibles en Ourense actualmente están cubertas 358, cunha taxa de ocupación do 88% e estando ao 100% 9 dos 20 títulos existentes. Polo que respecta ao alumnado estranxeiro, Carmen García Mateo indicou que a UVigo medra este curso académico como destino internacional e indicou que o campus de Ourense é o destino elixido por 50 estudantes estranxeiros. Respecto a este novo alumnado, a reitora tamén citou os bos resultados da xornada de benvida celebrada para eles e elas no campus de Ourense o 1 de setembro. 

Entre outros temas, deste arranque de curso Carmen García Mateo tamén subliñou a renovación da cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, en colaboración coa Universidade da Coruña e financiada pola empresa Aldaba; e a presentación este martes da nova Cátedra Indra Sistemas Aéreos Autónomos, posta en marcha coa empresa Indra Group. Igualmente informou no Consello de Campus sobre o encontro mantido o 15 de setembro co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, co obxectivo de potenciar as liñas de colaboración entre as dúas entidades. 

Reacreditación do Campus Auga 

Tamén interveu nesta primeira sesión do Consello de Campus Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense. Entre outras cuestións, informou do estado do proceso de reacreditación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. A responsable académica agradeceu a colaboración dos diferentes colectivos universitarios implicados neste proceso e concretamente na visita celebrada o pasado 10 e 11 de setembro do panel avaliador designado pola Xunta. Neste senso, sinalou que “agardamos en breve ter o informe de avaliación” e continuar o proceso de renovación da acreditación do campus de especialización. 

Outros puntos abordados por Montserrat Cruz na súa intervención foron as obras de construción do novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Así, indicou que actualmente estanse a cumprir os prazos previstos e que se mantén a previsión de que a obra remate no primeiro semestre de 2027. Igualmente falou de temas como a celebración a pasada semana do VI Congreso Internacional do Campus Auga e o lanzamento da oferta de obradoiros de extensión universitaria e de rutas culturais deste primeiro cuadrimestre no campus de Ourense.