DUVI

Diario da Universidade de Vigo

26 votos a favor e cinco abstencións, resultado da votación celebrada na derradeira sesión do ano  

O Consello de Goberno aproba por ampla maioría un orzamento de 182,5 millóns de euros para 2019

Tamén se deu luz verde á oferta de emprego público do PAS e ao teito de gasto

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª Carmen Echevarría DUVI 12/12/2018

Como paso previo á aprobación por parte do Consello Social, que terá lugar nunha sesión que se celebrará o 27 de decembro en Ourense, o orzamento da Universidade de Vigo para o ano 2019 recibiu hoxe o respaldo maioritario do Consello de Goberno. Con 26 votos a favor, cinco abstencións e ningún voto en contra, os membros do órgano de goberno da institución académica viguesa deron o seu visto e prace a un orzamento que para o ano 2019 será de 182.535.089€, un 5,79% máis que o ano anterior. “Creo que é un orzamento bo e equilibrado que nos permitirá facer política na liña do previsto”, asegurou o reitor, Manuel Reigosa, unha vez concluída a votación, que tivo lugar na derradeira sesión ordinaria do ano do Consello de Goberno. Xunto á aprobación do orzamento para o vindeiro ano, as e os integrantes do órgano de goberno deron luz verde cos seus votos, neste caso por unanimidade, á proposta dunha oferta de emprego público do PAS para o ano 2018 cun total de 26 prazas, así como ao teito de gasto para 2019 por un importe de 191,7 millóns de euros.

No informe do reitor co que deu comezo a sesión, celebrada este mércores na sala de xuntas do edificio Ernestina Otero, Manuel Reigosa deu conta dos temas tratados nas últimas reunións celebradas polo Consello Galego de Universidades e a CRUE. Por unha banda, o reitor referiuse á implantación en Vigo dunha universidade privada, cuestión sobre a volvería na quenda de rogos e preguntas, asegurando que “non temos medo porque somos bos e mesmo pode ser un incentivo”, aínda que deixou claro que só sería admisible unha proposta que cumpra a legalidade e que non reproduza as titulacións que xa se están a impartir neste intre no Sistema Universitario Galego. Por outra banda, Reigosa reconfirmou que non será ata o curso 2020-2021 cando se proceda a implantar do Grao en Deseño e Creación no campus de Pontevedra , ao tempo que manifestou a súa expectativa de que a súa implantación non vaia acompañada dun recorte de praza no Grao en Belas Artes.

Ingresos e gastos previstos para 2019

Tras aprobarse por unanimidade o establecemento dun teito de gasto para 2019 por un importe de 191,7 millóns de euros, que tal e como establece a normativa non poderá ser sobrepasado, iniciouse o debate sobre a proposta de orzamento para o vindeiro ano. O vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, iniciou na súa intervención cunha contextualización da proposta orzamentaria, que contempla un incremento no capítulo de ingresos de 10 millóns de euros (un 5,8%) respecto do ano anterior, xustificando esta previsión nas estimacións realizadas de contribución do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, que achega novos fondos para o financiamento de maiores proxectos de investigación e no “éxito acadado na convocatoria de infraestruturas de investigación do Ministerio por un importe de oito millóns de euros, aínda que que cómpre financiar o 20% das axudas”, lembrou Martín Moreno. O vicerreitor de Economía referiuse tamén ao considerable incremento das transferencias correntes (6,79%) debido ao aumento dos fondos do Plan de Financiamento do SUG para sufragar o incremento salarial do exercicio 2019, reflexado nos orzamentos do Estado e de capital (10,38%) debido á consecución de novas axudas para infraestruturas científicas e mantéñense as axudas para as agrupacións estratéxicas e centros singulares de investigación. 

Como xa fixera no Claustro, no apartado de gastos, o vicerreitor de Economía lembrou que o abono da paga extra íntegra do PDI, a redución horaria do profesorado e a promoción do PDI tradúcense no incremento do capítulo que corresponde aos gastos de persoal, e na reestruturación doutros capítulos do orzamento como os gastos correntes e os de capital. O capítulo de persoal segue a ser a principal partida de gasto, cun importe de 109 millón de euros, unha cantidade superior a orzamentada no 2018 en case un 7%, debido ao incremento salarial do 2,375% reflexado nos orzamentos do Estado para o exercicio 2018, a redución de horas docentes e as ofertas de emprego público 2019. Pola súa banda, o capítulo de gasto corrente ten unha previsión de 28 millón de euros experimentando un lixeiro incremento do 4,02%,, mentres que o as transferencias correntes presentan unha rebaixa do 4,93%, acadando un valor de sete millóns mentres os investimentos reais acadan unha contía de 35 millóns cun incremento de 7,96% verbo de 2018, polo grande éxito na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación.

Recortes nos centros e compromisos en materia de persoal, no centro do debate

No debate posterior á exposición do titular de Economía, por unha banda, o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, e a docente e investigadora Edita de Lorenzo, demandaron explicacións polo descenso nun 10% dos orzamentos previsto para os centros e dun 2% para os departamentos, mentres que o presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, anunciou a súa intención de absterse na votación “porque faltan compromisos recollidos no programa de goberno como promoción interna do PAS”, asegurou. “O reparto fíxose con criterios históricos e en ningún centro hai unha caída superior ao 10%”, dixo Martín Moreno, que asegurou que “gobernar é priorizar”. Pola súa banda, o reitor manifestou o seu compromiso de cumprir coas promesas incluídas no programa electoral en materia de persoal, afirmando que “non dá para facer todo de golpe. En 2019 estudaremos o cadro necesario de PAS e tamén de PDI, que é bastante baixo e barato e queremos mudar iso, pero é difícil”, asegurou Reigosa. 

Tanto o reitor, como o vicerreitor de Economía, eloxiaron o traballo realizado polo anterior vicerreitor de Economía, Jose Manuel García, ao tempo que aseguraron que “a Universidade de Vigo ten garantida unha imaxe seria e a Xunta sabe que cumprimos os nosos compromisos”. En relación coa negociación do vindeiro Plan de Financiamento do SUG e ante os temores manifestados por Luis Pérez en representación do sector PAS, Reigosa asegurou que “podo entender o medo, pero non o pesimismo”, ao tempo que lembrou a melloría experimentada na situación económica nos últimos anos, que debe traducirse no vindeiro plan, no que o reitor manifestou a súa expectativa de que se manteña o financiamento por resultados “aínda que hai algún indicador de risa”, asegurou. Pola súa banda, José María Martín Moreno incidiu na necesidade  de facer un estudo do cadro de persoal da Universidade de Vigo coa finalidade incorporar traballadoras e traballadores novos que suplan as baixas por xubilacións que se van producir nos próximos anos. 

Oferta de emprego público do PAS e outros asuntos

Por unanimidade, na sesión deste mércores, aprobouse unha proposta de oferta de emprego público do PAS para o ano 2018 de 26 prazas, das que 13 corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego; sete á taxa de reposición; cinco a promoción interna independente e unha a persoal indefinido non fixo. A xerenta da Universidade de Vigo, Raquel Souto, foi a encargada de explicar os detalles dunha proposta que considera “un bo acordo” acadado coa parte social, á que agradeceu o traballo realizado. Nos mesmos termos expresáronse os representantes sindicais, “houbo algunhas discrepancias, pero chegamos a un acordo que é bo para todos”,  asegurou Luis Pérez, mentres que Xan Cebro, que tamén agradeceu o traballo da mesa de negociación, demandou cara ao futuro que se determinen cales son as prazas de estabilización do PAS funcionario, “porque non me cadran”, asegurou.

Por outra banda, na sesión acordouse outorgar un recoñecemento docente ao profesor Celso Cancela pola súa pertenza ao Tribunal Único da Proba de Acceso á Unviersidade, composto ata o de agora unicamente por docentes da Universidade de Santiago de Compostela e que “grazas ao traballo desenvolvido polo delegado do reitor da Universidade de Vigo na CIUG, Iván Area, contará a partir de agora cun representante da nosa universidade”, explicou o reitor.

Na sesión tamén se acordou aceptar dúas doazóns, dunha banda a do pintor Alejandro Cabeza do cadro Retrato de Ramón María del Valle-Inclán, que será incorporado ao inventario xeral da Universidade de Vigo, e doutra, a de catro equipos de investigación de medición da calidade do aire cedidos pola empresa Endesa SL con fins científicos.