DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Son dous acordos cos que todos gañan: institución e persoas”, asegura o reitor 

O Consello de Goberno aproba a maior oferta de emprego público de PDI da historia da UVigo e o acordo de funcionarización do PAS 

A OEP suma 111 prazas e a funcionarización beneficiaría ao 71% do PAS laboral 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/10/2021

O Consello de Goberno da UVigo aprobou por asentimento este mércores en sesión ordinaria a maior Oferta de Emprego Público (OEP) de PDI da historia da institución académica viguesa: 111 prazas, das que 23 corresponden a profesor contratado doutor, 56 a profesor titular de universidades e 32 a catedrático. Ademais, na sesión celebrada hoxe, o órgano de goberno da UVigo ratificou o acordo de funcionarización do persoal laboral fixo de administración e servizos, do que se poderá beneficiar na primeira convocatoria do proceso ata o 71% do colectivo (254 postos do total de 355 de PAS laboral), aprobándose, así mesmo, a relación de postos de traballo (RPT) derivada deste acordo de funcionarización. “Chegamos a dous acordos importantes. Solucións ‘win-win’, coas que todos gañan: a institución e tamén as persoas”, asegurou o reitor, Manuel Reigosa, que no caso da OEP sinalou que  “se cumpre algo que a comunidade universitaria esperaba hai tempo”, mentres que no do acordo de funcionarización recoñeceu que “pensaba que ía ser moi difícil”, razón pola que agradeceu expresamente o traballo realizado polo equipo xerencial e os e as representantes sindicais dos traballadores. 

Estes dous temas centraron a sesión ordinaria que o Consello de Goberno celebrou hoxe e na que, entre outros asuntos, tamén se aprobaron as memorias para as solicitudes de verificación do grao e o máster en Intelixencia artificial e do Máster en ensinanza de español como segunda lingua estranxeira ou segunda lingua, así como os criterios para a prelación na saída a concurso de prazas de contratado doutor a tempo completo ocupadas interinamente. Os integrantes do órgano de goberno tamén coñeceron este mércores as liñas básicas da Memoria de responsabilidade social da UVi9o do ano 2020, nunha sesión que comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa avanzou a inminente sinatura do Plan de financiamento universitario , “que achegará mellores condicións económicas e nos fai albiscar o futuro con máis tranquilidade”, dixo. 

111 prazas, a maior Oferta de Emprego Público da historia da UVigo

A Oferta de Emprego Público (OEP) de PDI aprobada por asentimento este mércores, a maior da historia da institución académica viguesa, supón a eliminación das bolsas de acreditados a catedráticos e catedráticas de universidade e titulares de universidade sen praza. “É a consecución dun reto importante”, destaca o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, que lembra que en 2018 había 181 persoas agardando a saída dunha praza (58 de catedrático, 98 de titular e 25 de contratado doutor), ao que hai que engadir as 54 adicionais que se foron incorporando por acreditarse ou ocupar unha praza de interino durante estes tres últimos anos (28 de catedrático, 17 de titular e 9 de contratado doutor), o que fai un total de 235 persoas pendentes da saída dunha praza.

“Con esta OEP autorízanse 224 das 235 prazas, o que supón baleirar as listaxes de acreditados a catedrático e titular, ademais de reducir a un 25% a listaxe de contratados doutores interinos que están á espera da convocatoria dunha praza fixa”, detalla Ramos, que sinala que quedan pendentes 11 para a OEP de 2022, todas elas cunha antigüidade menor de dous anos. “Isto último implica, ademais, que cumpramos co obxectivo de que a UVigo no teña persoal ocupando unha praza interinamente máis de tres anos”, explica o vicerreitor, que sinala que a isto cómpre sumar as 26 prazas creadas a para a consolidación de investigadores de alto nivel en prazas de titular e contratado doutor, así como as dúas prazas creadas, unha de contratado doutor e outra de catedrático, para atender determinadas necesidades especiais. A estas engádense as 24 adicionais de catedráticos para persoas que se acrediten nos próximos meses, de tal xeito que esas persoas non teñan que esperar á elaboración da seguinte OEP para que se autorice a praza correspondente. 

“Esta é a maior Oferta de Emprego Público de PDI da historia da Universidade de Vigo. A maior, ata o de agora era a de 2020 cun total de 64 prazas, e nesta que levamos a aprobación este mércores autorízanse un total de 111 prazas”, valora Manuel Ramos, que asegura que a resolución que se fará nuns días e que suporá a eliminación das listaxes de acreditados a catedrático e titular, “será a que asinarei con maior satisfacción desde que estou no cargo”. Aínda así, recoñece o vicerreitor que quedan moitas cousas por facer  en materia de profesorado, que terán que definirse entre todos: captación de profesorado, clarificación da carreira docente, avances na formación do PDI, melloras nas condicións laborais, etc… “Se teño que facer unha valoración da situación do PDI é moi sinxela: a situación do PDI a día de hoxe é mellor que a de hai catro anos, pero aínda non é a que a min me gustaría”, afirma Ramos, que considera que “respecto do programa electoral co que nos presentamos hai catro anos creo que o esencial está cumprido, polo que estamos relativamente satisfeitos, aínda que sempre se podería ter feito máis”, asegura.

Positiva valoración dos representantes sindicais do PDI 

Os representantes sindicais do PDI coinciden á hora de valorar positivamente a OEP aprobada hoxe. Aquilino S. Alonso, delegado de CIG PDI, espera “que esta OEP se celebre o máis axiña posible, posto que imos con retraso na execución das OEP e aínda se acaba de executar a OEP de 2019. Por outra banda, a CIG manifesta a súa solidariedade co PDI da UVigo que tivo que esperar retrasos de anos para poder estabilizarse ou promocionar”. Neste sentido, o sindicato contextualiza estes retrasos dentro da política restritiva do goberno central coas universidades públicas e lembra que “comezaron co PP, quen case eliminou a convocatoria de prazas estables e de promoción coa taxa de reposición que instaurou. O goberno de coalición liderado polo PSOE aumentou as prazas da taxa de reposición pero, para a CIG, a taxa de reposición, motivo principal da precariedade e temporalidade na universidade, ten que ser eliminada. Lamentablemente, o anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) non soluciona os problemas de alta precariedade, baixo financiamento, ausencia de carreira profesional para o PDI e hipertrofia burocrática da universidade”, denuncia Alonso.

Tras lembrar os problemas sistémicos de falta de financiamento, precariedade laboral e endogamia que sofre a universidade española, agravados polo decreto Wert, que se traduciu nun rápido envellecemento do persoal por mor da taxa de reposición e nun empeoramento das condicións de traballo por mor do aumento da carga docente, Arturo Parada, secretario xeral Fete-UGT UVigo, sinala que “superada en parte esa etapa, celebramos que se estean dando pasos decididos en relación coa estabilización e promoción do noso profesorado a través das correspondentes OEPs”. Non obstante, Parada considera necesario seguir a chamar a atención sobre a necesidade de continuar avanzando na ampliación, renovación e harmonización do cadro de persoal; poñer fin á consideración do profesor asociado como un recurso de man de obra barata, dignificando o seu labor, “a Uvigo segue presentando un número moi elevado de profesorado asociado (máis de 300)”, lembra; a integración de forma harmoniosa no sistema do perfís netamente investigadores; dignificación dos soldos do persoal docente en consonancia coa contorna europea e redución da burocracia, “que pon trabas alí onde debería haber facilidades”, lamenta. 

Un acordo único de funcionarización para o conxunto do PAS 

A ratificación do acordo de funcionarización  do PAS e a aprobación da relación de postos de traballo (RPT) derivada do mesmo, foi outro dos puntos da orde do día que recibiu o visto e prace por asentimento dos membros do Consello de Goberno. Lograr que a maioría do PAS laboral fixo da UVigo poida converterse en funcionario de carreira é a finalidade do acordo ratificado hoxe, que permitirá, voluntariamente, optar a participar na primeira convocatoria de funcionarización a 254 postos, o 71% do colectivo, que conta con 355 postos de PAS laboral. “Este é un acordo moi importante para a institución e para os traballadores”, asegurou a xerenta da UVigo, Raquel Souto, que agradeceu o traballo desenvolvido polas persoas que participaron no proceso de negociación.

“Con isto, facilítase unha mellor xestión dos recursos humanos, evitando tratamentos diferenciados ao aplicarlles a mesma normativa e redundando nunha maior estabilidade e seguridade no emprego”, explica o vicexerente de Recursos Humanos da UVigo, José González Groba, que destaca os beneficios deste acordo, tanto para a institución: simplificación na xestión, mellora na coordinación entre os diferentes eixos que conforman a estrutura administrativa e incremento da eficacia no cumprimento dos fins e funcións a desenvolver polo PAS; como para o persoal de administración e servizos: homologación retributiva co PAS funcionario e incremento das súas posibilidades de promoción e carreira profesional. “Evidentemente houbo outros acordos importantes nas tres décadas da Universidade, pero cunha diferenza fundamental, afectaban a un dos dous colectivos, laboral ou funcionario, pero non a todo o conxunto do PAS, como neste caso”, destaca González, que lembra que as primeiras negociacións impulsáronse en 2015, dilatándose ata 2017 sen que frutificasen nun acordo, iniciándose en 2020 un novo proceso negociador que rematou cun acordo “entendemos beneficioso, tanto para a institucións, como para os seu persoal”, afirma. 

O acceso á condición de persoal funcionario do PAS laboral fixo realizarase en tres chanzos, que comezan coa integración do PAS laboral no seu correlativo grupo ou subgrupo funcionarial de conformidade coa titulación que se esixe para o ingreso nos grupos de persoal funcionario no Estatuto básico do emprega público; continúa pola creación das escalas e subescalas para catalogar os postos de PAS laboral como de PAS funcionario reflectindo os complementos correspondente; e remata coa superación do proceso selectivo previsto no acordo. “A intención é aceleralo na medida do posible. Unha vez aprobada a RPT no Consello de Goberno e no Consello Social, procederemos ao nomeamento da comisión de funcionarización, encargada do desenvolvemento do proceso, e a presentar unha proposta de convocatoria á comisión tripartita de funcionarización para a súa negociación, coa intención de tela resolta dentro do primeiro semestre de 2022”, avanza o vicexerente de Recursos Humanos.

Mellores retribucións e promoción profesional, valoracións sindicais

Como “o máis importante dos acadados entre a representación sindical e o equipo de goberno” ou “positivo”, cualifican os representantes do PAS o acordo de funcionarización aprobado por asentimento este mércores en Consello de Goberno. Para o presidente da Xunta de persoal, Xan Cebro, logo de moitos anos no cargo e moitos acordos asinados, “como PAS funcionario e como representante do PAS, o meu modesto entender, é o acordo máis importante que acadou o colectivo cun equipo de goberno da Universidade de Vigo. Aparte da mellora económica que vai repercutir nos compañeiros con menores retribucións do PAS, así como a posibilidade real de promoción profesional do PAS-laboral, este acordo vai permitir no futuro negociar unha RPT global que favoreza a xestión administrativa da universidade pola transversalidade dos postos”, o que, segundo Cebro, redundará na mellora e calidade dos servizos que prestan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral. “Dende aquí quero felicitar á Xerencia e aos compañeiros que estiveron na negociación porque sen as súas achegas e flexibilidade nos temas máis delicados de discusión, sería imposible acadar un acordo que solicitaba o PAS e que todos estes anos estaba nas liñas estratéxicas dos equipos de goberno”, afirma Cebro.

O presidente do Comité de Empresa de Pontevedra, Marcos Estévez, fai unha valoración positiva do acordo. “Así o entenderon os compañeiros do PAS laboral que mostraron o seu apoio maioritario no referendo que celebramos no mes de xullo. Cumpre con tres eixos fundamentais, a estabilidade no emprego, a mellora económica e posibilidades futuras de promoción”, sinala Estévez que considera, non obstante, que “non cubre as expectativas do 100% do persoal ao que representamos, pero é un acordo que beneficia á maioría do PAS laboral e  no que permitirán unhas posibilidades futuras para todos os compañeiros que neste momento non temos”, explica. 

Pola súa banda, desde o Comité de Empresa de Ourense Rodrigo Pivida sinala que, a pesar de aceptar, asegura “por imposición da Xerencia”, que para levar a cabo a funcionarización debían aceptar a inclusión nesta da adicional novena, relativa ao compromiso a estudar, negociar e acordar xunto coa próxima RPT un plan de promoción interna en todas as áreas de actividade e responsabilidade das que se ocupa o PAS laboral, “consideramos que o acordo é  positivo para os traballadores e para empresa, que fixo un gran esforzo para dar cabida a moitas das nosas demandas”. En relación coa RPT, asegura que non responde totalmente as súas demandas, e preferirían outra, “pero valorando o momento socio-económico no que nos atopamos aínda que cremos que é mellorable, consideramos que traslada o incremento económico xeneralizado e proporcional acordado na funcionarización. Feitos polos que consideramos que, se ben entre todos aproveitamos unha ocasión, perdemos unha oportunidade”, explica Pivida.

Memorias para a verificación do grao e mestrado en Intelixencia Artificial e outros temas

Na sesión celebrada hoxe, as e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron as memorias para as solicitudes de verificación do grao e o mestrado en Intelixencia Artificial e do Máster de ensinanza de español como lingua estranxeira ou segunda lingua. “É preciso neste punto felicitar á comisión interuniversitaria que foi quen de ter os plans de estudos listos nun prazo récord (comezaron a traballar en maio), e cunha situación de partida que non era a ideal”, explica Manuel Ramos en relación coas titulacións interuniversitarias de grao e mestrado en Intelixencia Artificial, que se prevé se poidan comezar a impartir no curso 2022-2023.”Demostraron que cando hai uns intereses e obxectivos comúns e o que se buscar é o ben do sistema, sempre é posible chegar a acordo. Espero que cunda o exemplo, xa que temos por diante a elaboración doutros títulos universitarios”, apunta o vicerreitor. Pola súa banda, o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, Francisco Javier Rodríguez e José Montero, respectivamente, agradeceron o traballo realizado polas persoas que participaron nas negociacións destas titulacións interuniversitarias. O director da ESEI asegurou ademais que “estes serán un estudos referentes no campus e na UVigo e aínda que non satisfagan a todos, estamos a tempo de arranxar erros”.

Por outra banda, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación presentou ante o Consello a Memoria de responsabilidade social da UVigo do ano 2020, “confeccionada coa visión intersectorial e colaborativa requirida polas políticas de RSU, e inspirada na ampla experiencia que ten a Universidade de Vigo no ámbito das políticas de igualdade de oportunidades”, dixo Maribel Doval. A vicerreitora lembrou que a memoria recolle datos de 2019 e 2020, así como fitos acontecidos nese período como a creación da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP); a aprobación do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo 2020-2024, do Plan estratéxico 2021-2026; do Regulamento da Valedoría universitaria ou do Plan de retención de talento para 2020. A inclusión dun novo apartado referido ás actuacións derivadas da covi-19 ou as campañas e accións de difusión da Axenda 2030 e ODS, foron outras realizacións destacadas por Doval na presentación da memoria. 

Así mesmo, o Consello, no que tamén se ratificou a modificación do Regulamento da comisión de calidade, aprobou hoxe os criterios para a prelación na saída a concurso de prazas de contratado doutor a tempo completo ocupadas interinamente. O criterio é a antigüidade na interinidade, de xeito que se convocarán primeiro as prazas que levan máis tempo ocupadas interinamente e en caso de empate neste criterio utilizaranse os definidos para as listaxes anteriores de catedrático e titular.