DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Visto bo á verificación e modificación de títulos, entre eles o grao e o máster en Enfermaría

O Consello de Goberno aproba un novo programa de medidas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética

En xullo celebrarase un Claustro ao que se levará un manifesto de apoio ao pobo palestino

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 20/06/2024

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, na xuntanza ordinaria celebrada este xoves, deu o visto bo a un novo programa de medidas para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética. Esta nova regulación substitúe ao Plan de medidas urxentes de aforro enerxético que se vén aplicando dende setembro de 2022 e que tiña como obxectivo reducir entre un 25% e un 30% o consumo enerxético nun escenario de escalada de prezos da enerxía. Unha vez superado o escenario de crise enerxética, a institución decide reaxustar o seu plan e, por exemplo, eliminar a  prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos ou reaxustar os criterios para o uso da calefacción e da climatización. 

Como explicou o director de Área de Servizos Enerxéticos, Camilo Carrillo, a partir de agora, as medidas de eficiencia enerxética (de acordo co Real decreto lei 24/2022), en lugar de establecer uns períodos para a climatización e a calefacción, atenderán a unha temperatura de confort dos espazos interiores de ensinanza e traballo de 19 °C cando sexa necesaria calefacción e de 27 °C cando as necesidades sexan de aire acondicionado, mentres que a humidade relativa deberase manter entre o 30 % e o 70 %. Por outra banda, continuarán aplicándose os mecanismos de control necesarios para que os equipos de climatización non funcionen fóra dos horarios de apertura dos centros e seguirase sen climatizar, sempre que sexa tecnicamente viable, os espazos de circulación e os vestíbulos, así como os locais que non estean en uso durante a xornada laboral. 

Continuarán tamén as medidas sobre a iluminación, reducindo os niveis polo menos nun 50 % con respecto ás condicións de iluminación nominais, agás nas zonas onde non sexa posible ou afecte á seguridade das instalacións. Estes sistemas de regulación de fluxo entrarán en funcionamento ás 23.00 horas no inverno e ás 00.00 horas no verán. Tamén se limitará a intensidade da iluminación nas zonas das pistas de tenis/fútbol nos períodos sen ocupación reservada, e a iluminación ornamental apagaranse ás 01.00 horas. As instalacións de iluminación de parques e de xardíns apagaranse unha hora despois do peche dos centros. No relacionado coa iluminación interior, priorizarase o traballo con luz natural. Finalmente, os equipos informáticos, a instrumentación científica e o resto de equipamento de alimentación eléctrica deberán apagarse fóra dos horarios de apertura dos edificios e en días festivos ou non laborables. Paralelamente, Carrillo anunciou unha campaña de sensibilización para implicar a toda a comunidades universitaria con estas medidas de aforro enerxético e para fomentar a súa corresponsabilidade. 

Propostas de verificación e modificación de títulos para o curso 2025/2026

Outro dos puntos centrais deste Consello de Goberno foron as propostas de verificación e modificación de títulos de grao, máster e doutoramento para o curso 2025/2026. Neste punto abriuse un intenso debate arredor da verificación do grao e do mestrado en Enfermaría, debate que contou coa participación, como persoas convidadas, de Claudio Cerdeiriña Álvarez, en representación da Plataforma Procampus; Mª Reyes Pérez Fernández, en nome do profesorado das escolas de Enfermaría do Meixoeiro e Ourense, e Lucía de Luis Cid, en calidade de representante do alumnado de ambos centros.

O primeiro en intervir foi o profesor Claudio Cerdeiriña, quen lamentou a “falta de consenso” nun tema que afecta a catro escolas e que conta só co apoio de dúas delas, polo que solicitou unha suspensión dos procesos que afectan a estes títulos de Enfermaría para retomalos, segundo expuxo, “coa vista posta nas estratexias de acción positiva que os poderes públicos deben impulsar para garantir a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres e entre territorios”. Na mesma liña, pronunciouse tamén Mª Reyes Pérez, quen, tras manifestar o seu desexo de que o proceso de integración chegue a bo porto, “algo moi desexable desde hai moitos anos”, laiouse polo xeito no que se levou a cabo “sen garantir o lóxico protagonismo que debería ter a comunidade universitaria das escolas adscritas na organización destas titulacións”, motivo polo cal solicitou tamén a paralización da tramitación de ambos títulos e que se retomase a finais de ano, cando se prevé estea xa finalizado o proceso de creación da nova facultade. A paralización de ambos títulos foi tamén solicitada, en nome do alumnado, por Lucía de Luis, quen fixo fincapé en que se retomase o proceso con comisións que garantan a participación do alumnado.

En resposta a estas intervencións o reitor subliñou que a integración dos estudos de Enfermaría nunha única facultade, é unha cuestión complexa, pero tamén unha necesidade e, a título persoal, tamén “un anhelo”, “un proxecto ilusionante”.  Tras volver insistir en que detrás de todo o proceso non hai ningún problema territorial, porque “a facultade terá presenza nos tres campus de xeito igualitario e o mesmo acontecerá co seu equipo de goberno”, recalcou que a creación efectiva do centro vai ligado á aprobación dos títulos que nel se van impartir, polo que “si se decidise adiar este proceso eu tiraría xa a toalla porque estou seguro de que xa non sería posible a creación do centro”.

De saír adiante o proxecto, como se confirmou tras a votación, Reigosa manifestou que este centro será “a única facultade de Galicia, e probablemente de España,  que teña a visión de ter unha Facultade de Enfermaría investigadora “. Neste sentido indicou que desde o goberno da UVigo se porá enriba da mesa todo o necesario para que sexa “orgullo para as galegas e galegos e unha fonte de coñecemento, algo moi relevante porque, estou seguro, a calidade dos coidados en enfermaría vai modular a calidade da propia sociedade”, insistiu o reitor.

Tras a intervención do reitor pediu a palabra o profesor Vicente Romo, quen salientou que “deixar pasar esta oportunidade sería unha enorme irresponsabilidade”, polo que, fixo unha chamada a facelo coa creatividade suficiente para garantir os dereitos de todas as partes implicadas. A continuación, o vicerreitor Alfonso Lago subliñou o feito de que todo o proceso foi realizado “cumprindo a legalidade” e, de non aprobarse as modificacións, se paralizaría o proceso de creación da facultade, pois careceríase de títulos que adscribirlle.

Finalmente, e despois da votación, no que atinxe aos graos, aprobouse a verificación dun novo PCEO de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial así como as modificación de dous títulos xa existentes: Enfermaría e Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. No referido aos mestrados, aprobouse a verificación de sete novos títulos: Máster en Literatura Dramática, Música e Artes Escénicas; Máster en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas; Máster en Realidade Estendida; Máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva; Máster en Enfermería de Práctica Cardiovascular e Respiratoria Avanzada; Máster en Creación Artística Contemporánea e Máster en Criminoloxía. Paralelamente, tamén se deu o visto bo ás modificacións de tres mestrados que xa se están a impartir: Enxeñaría de Telecomunicación; Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica e Enxeñería Informática - Mención dual. Finalmente, aprobouse a verificación do novo Programa de doutoramento en Investigación Sanitaria e a modificación do de Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable.

Informe do reitor: plan Integra, Palestina, Universidade sem Fronteiras

No punto correspondente ao informe do reitor, Manuel Reigosa referiuse, entre outros temas, ao Plan Integra, Programa de incorporación de talento docente e investigador nas universidades públicas españolas, no que participan o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e as comunidades autónomas. O reitor salientou que, precisamente onte mércores, recibiu o visto e prace da Conferencia de Política Universitaria, co voto favorable da comunidade autónoma galega, o que significa que a institución poderá contar cunha serie de prazas adicionais sen practicamente ningún gasto adicional, xa que estarán financiadas arredor dun 60% polo ministerio e o 40% restante pola propia comunidade. “Son prazas que axudarán a incrementar a velocidade do proceso de remuda do noso persoal docente e do reequilibrio de áreas e ámbitos”, subliñou Reigosa, quen tamén indicou que nas vindeiras semanas se asinará un convenio bilateral entre o goberno central e cada unha das comunidades autónomas que se sumaron a este proxecto e, a continuación, será a propia consellería a que indique en que prazo e cantas prazas lle corresponderán a cada universidade do SUG, “se ben xa se pode afirmar que Vigo será a que máis prazas reciba”. A idea, segundo explicou, é que antes do parón de agosto se poida contar xa co calendario de actuación destas prazas “que se sumarán ás 30 que sacamos da convocatoria deste ano e que van permitir mellorar a calidade da docencia, facer a remuda dun xeito moito máis natural e preparar o profesorado de dentro de 10, 15, 20 anos para cando se produzan as xubilacións masivas”.

Ao marxe desta cuestión, Reigosa tamén anunciou no seu informe ao Consello a vindeira convocatoria dunhas bolsas específicas para persoal procedente de Palestina, ás que se referiu como “unha pinga de auga dentro dun océano, pero das que se agarda que poidan ter algunha utilidade”. Nesta liña, o reitor salientou a vontade da UVigo de “sumarse á solución e non aos problemas, facendo unha aposta decidida pola paz e a resolución de conflitos”, adiantando que na vindeira sesión do Claustro, prevista para o mes de xullo, se levará a aprobación, por petición dun grupo de persoas da comunidade universitaria, entre eles dez claustrais, un manifesto a favor de Palestina. “É algo que aínda se está a preparar, pero a min gustaríame que fose un texto moi agarimoso coa situación que se está a vivir en Gaza e, ao mesmo tempo, que tivese un recoñecemento amplo da comunidade universitaria, a ser posible do Claustro na súa totalidade”, apuntou o reitor.

O informe ao Consello de Goberno serviulle tamén a Reigosa para anunciar o inicio dos trámites para solicitar a renovación do proxecto Unisf, Universidade sem Fronteiras, no que as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia norte de Portugal (A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro) uniron esforzos para a creación conxunta de dous mestrados e dous programas de doutoramento. “Este programa foi valorado desde Europa como un grande éxito e estannos a pedir que se presente unha versión renovada, un Unisf 2.0, polo que dende aquí pido as vosas achegas e suxestións, cousas que poidamos facer, pensando incluso na posible posta en marcha dun grao conxunto. De momento, aínda está todo por escribir”. 

A maiores, o reitor tamén aproveitou este Consello de Goberno para felicitar ao equipo de organización do acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas, “un acto realmente agarimoso”, así como a todos aqueles membros da comunidade universitaria que organizaron actos alternativos, o que, ao seu modo de ver, “demostra o compromiso real da institución coa nosa lingua”.

Modificación de normativas do eido da I+D

Un dos bloques máis importantes abordados e debatidos nesta sesión foi o correspondente aos puntos 14, 15 e 16, un paquete de medidas e regulacións no eido da investigación “para axustarse á nova lexislación e dar resposta a unha demanda maioritaria da comunidade universitaria de máis flexibilidade ata onde nos permite a lei”, como indicaba o vicexerente de Investigación, Anxo Moreira. Por unha banda, aprobouse, para adaptala á LOSU, a modificación da normativa relativa á contratación de traballos de carácter científico, técnico, humanístico e artístico. Como informaba a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, os principais cambios, ademais da denominación, son o incremento dos custos indirectos do 10% ao 15% e que poderá exercer como investigador principal calquera PDI con vinculación igual ou superior á duración da actividade. Tamén se establece o incremento da porcentaxe que pode ser transferida á AEI, ata o 40%, así como a posibilidade de non pasar nada á AEI nin ao departamento, e utilizar todo o “remanente” para retribucións do profesorado. Ademais, establécese que a vía de entrada será sempre a Oficina de I+D, eliminando así a dualidade entre Oficina de I+D/Servizo de Investigación.

Tamén se aprobou a modificación do protocolo para o desenvolvemento do programa de accións estratéxicas para grupos de investigación da UVigo (AEI). Os principais cambios, como indicaba Belén Rubio, son o compromiso de execución dunha porcentaxe de gasto para a concesión dunha prórroga da AEI; a eliminación do crédito orzamentario máximo de 2 millóns de euros para o conxunto das AEIs; a eliminación da posibilidade de retribucións adicionais dende as AEIs e a posibilidade de execución dos gastos complementos salariais do persoal contratado baixo algunha modalidade de axuda de RRHH de investigación.

A terceira normativa modificada foi a de xestión de recursos liberados dispoñibles nos proxectos de investigación, que foi aprobada polo Consello de Goberno. Neste caso, os principais cambios son a aplicación tamén a outros proxectos de I+D+i susceptibles de xerar RLDs, aínda que non sexan europeos, como o Facendo+, pero como destacaba Belén Rubio “segue sen aplicarse aos proxectos internacionais do ámbito educativo”. A nova normativa tamén contempla un incremento dos custos indirectos para chegar ao que marque á convocatoria, así como o incremento da porcentaxe dispoñible para o grupo de investigación, pasando de 2/3 ao 75% ou a eliminación da porcentaxe de indirectos adicional (20%) que se aplicaba cando se usaban RLDs para o pagamento de retribucións complementarias. 

Regulamento de estudos de doutoramento 

Outra das normativas aprobadas este xoves foi o Regulamento de Estudos de Doutoramento. O novo documento presenta varios aspectos destacables segundo o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, por exemplo, no que se refire á titoría do programa de doutoramento, xa que recolle que “non poderá ser titora ou titor quen teña un vínculo matrimonial ou situación de feito asimilable, parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo grao coa persoa titorizada”. No que atinxe á dirección da tese, o número máximo de persoas que poderán exercer esta función será de dúas, agás no caso de ser de carácter claramente interdisciplinario, cando se desenvolva no marco dun proxecto de investigación nacional ou internacional obtido mediante convocatoria competitiva en colaboración con outro centro ou institución ou cando a tese se desenvolva en réxime de cotutela con máis dunha universidade estranxeira. Tamén poderán ser máis de dous directores cando a tese opte a mención de doutoramento industrial ou cando teña un codirector ou codirectora dunha institución estranxeira.

Finalmente, en relación coa tramitación de depósito da tese, “párase o reloxo de permanencia unha vez depositada mentres se solicitan os dous informes externos preceptivos que poden solicitar modificación da mesma”. En resumo, engade o vicerreitor, “a duración da tese contaríase desde a primeira matrícula do estudante polo concepto de tutela académica do doutoramento ata a presentación da solicitude do depósito da tese de doutoramento”. Este regulamento está acordado “nunha porcentaxe alta (aprox. 80%) coas outras tres universidades galegas e as diferenzas están baseadas principalmente nos procedementos internos das mesmas”, destaca Lago.

Prazas de persoal investigador e Plan de estabilización do profesorado asociado

Outro dos temas abordados nesta sesión foron as bases reguladoras para a selección de áreas de coñecemento para a convocatoria de cinco prazas correspondentes ao 15% reservado para persoal investigador nas ofertas de emprego da UVigo para 2024. O consello aprobou o documento presentado polo vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Martín López Nores, que estipula que as persoas aspirantes a estas prazas deberán dispor da acreditación da Aneca como profesorado titular de universidade, da acreditación I3 ou R3 e ter unha resolución favorable do proxecto na convocatoria de axudas para incentivar a consolidación investigadora do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do ano 2022. Nas bases tamén se estipula que se delega na COAP a selección das áreas de coñecemento para a convocatoria entre as persoas que cumpran os requisitos e a creación das prazas correspondentes.

No transcurso da sesión, o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Martín López Nores, presentou un informe sobre a convocatoria do Plan de Estabilización de promoción de Profesorado Asociado co título do doutor da Universidade de Vigo para o curso 2024/2025. Nel deu a coñecer a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para  as cinco prazas que se convocan así como a relación de unidades docentes seleccionadas segundo a relación de persoas admitidas.

Plan de acción CoAra

Aprobouse tamén hoxe o plan de acción CoAra, Coalition for Advancing Research Assessment 2024-2027, entidade á que a UVigo se adheriu en 2022 e que, con máis de 700 entidades adheridas, ten como finalidade é que a avaliación da investigación, o persoal investigador e as organizacións de investigación recoñeza os diversos resultados, prácticas e actividades que maximizan a calidade e o impacto da I+D. No documento aprobado recóllense os obxectivos anuais para o período 2024-2027, que van dende a creación dun comité, a elaboración dunha estratexia de visibilización, a implicación da comunidade universitaria no proceso de cambio e a implementación das ferramentas precisas para que, en 2026, se poida poñer en marcha unha proba piloto para a revisión dos protocolos de avaliación. Deste xeito, a idea sería que en 2026 e 2027 se implantasen os protocolos de avaliación revisados en consonancia con CoARA.

Aprobación da conta de liquidación do orzamento do exercicio 2023 

Nesta sesión aprobouse a liquidación do orzamento do 2023 para o seu trámite no Consello Social. Segundo informou a xerenta, Yolanda Lesmes, a conta anual, que foi sometida á auditoría pública, comprende a conta do resultado económico patrimonial, o estado de cambios no patrimonio neto, o estado de fluxos de efectivo, o estado de liquidación do orzamento e a memoria. O resultado orzamentario do exercicio acada a cifra de + 195.801.80,22 €; ao engadirse os axustes, o resultado orzamentario axustado acada a cifra de + 2.299.734,52 €. A comparativa dos gastos (obrigas contraídas) por capítulos, entre os anos 2023 e 2022, mostra a continuidade sobre as decisións de xestión adoptadas e o grao de execución destas ao longo de cada exercicio. O balance de situación amosa a solidez da posición da Universidade detallado nos indicadores financeiros, patrimoniais e orzamentarios. 

Por outra banda, a xerenta tamén presentou, para a súa aprobación, dúas solicitudes de transferencias de crédito da Facultade de Historia por un montante total de 2500 euros respectivamente así como outra de 80.000 euros ao campus de Pontevedra. 

Outros temas

Entre os outros temas da orde do día, tamén se aprobou a proposta de memoria do máster de formación permanente: Xestión e Liderado de Organizacións Sanitarias; o nomeamento como profesorado emérito dos docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Ana Pita Grandal e Francisco Javier de Vicente Remesal e do profesor da Facultade de Química Yagamare Fall Diop, así como a prórroga desta mesma condición para o profesor da Facultade de Belas Artes José Chavete. O consello tamén deu o visto bo á solicitude de comisión de servizos cruzada simultánea de María Magdalena Cid Fernández (vinculada á Universidade de Vigo) e de Félix Manuel Freire Iribarne (vinculado á USC). O proxecto de investigación actualmente liderado por María Magdalena Cid Fernández ficará na UVigo, a través da inclusión dun novo investigador principal.

Finalmente, aprobouse o regulamento de réxime interno do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, así como o nomeamento de membros da Comisión de Mobilidade Internacional polo sector de responsables de relacións internacionais; a modificación do Regulamento de Mobilidade Internacional e a modificación do modelo de gobernanza do Campus Auga.