DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras catro anos crecendo descende un 5,3%, pero increméntanse os fondos estruturais

O Consello de Goberno aproba un orzamento de 184,6 millóns de euros para o vindeiro ano

Luz verde ao Plan Estratéxico da UVigo para o período 2021-2026

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 21/12/2020

Á falta da aprobación por parte do Consello Social, que se celebrará pasado mañá, a UVigo contará en 2021 cun orzamento de 184.640.912 €, o que supón, despois de catro anos de incremento, un descenso do 5,3%. O Consello de Goberno, na derradeira sesión de 2020, aprobou con 33 votos a favor e cinco abstencións o proxecto de orzamentos para o vindeiro ano, "elaborado nun contexto de absoluta incerteza", destacou o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, en referencia á ausencia de confirmación a día de hoxe dos ingresos detallados que a UVigo recibirá por parte da Xunta de Galicia. O vicerreitor lembrou tamén na sesión de hoxe que, a pesar do descenso no montante total, a Universidade contará en 2021 co orzamento estrutural máis alto da súa historia, de xeito que os ingresos estruturais, é dicir, os non afectados, ascenderán a 150.806.172 €, 3 millóns de euros máis que nas contas de 2020. "O orzamento non afectado sube tres millóns respecto do ano pasado por mor do incremento salarial do 0,9%, a incorporación dos sexenios de transferencia e os ingresos da Xunta derivados da pandemia da covid-19", detallou Martín Moreno, en relación co orzamento estrutural máis elevado da historia da institución académica.

Antes da aprobación dos orzamentos para o vindeiro ano, os membros do Consello de Goberno fixeron o propio co teito de gasto para o exercicio 2021 que quedou fixado en 196 millóns de euros. A derradeira sesión do ano comezou co informe do reitor e nela tamén se deu luz verde ao Plan Estratéxico da UVigo para o período 2021-2026, aprobándose tamén a nova denominación de Facultade de Comercio para a hasta agora EU de Estudos Empresariais. A creación do centro interuniversitario de matemáticas, o nomeamento da catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela María Loureiro Garcia como investigadora honorífica da Universidade de Vigo e a aprobación da normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, do manual do programa Docentia e do modelo e especificacións da enquisa de avaliación docente, foron outras cuestións abordadas este luns polo órgano de goberno da UVigo. 

Finalizada a quenda de intervencións, o reitor reiterou o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria pola súa actuación durante estes meses de pandemia e asegurou que este éxito reforza a seriedade de institución. "Pedimos máis luz para o ano que vén e o mellor para este Nadal raro e na casa", dixo Reigosa ao rematar a sesión.

Respaldo maioritario ao proxecto de orzamentos

Na súa presentación ante os membros do Consello, que hoxe seguiron a sesión a través de Campus Remoto e tamén de xeito presencial no Paraninfo do campus de Vigo, o vicerreitor de Economía reiterou a prudencia coa que se calcularon os ingresos que este ano se poden recibir no Plan de Financiamento da Xunta, ao tempo que lembrou o equilibrio económico da UVigo desde o ano 2012, así como o traballo realizado estes anos para incentivar a captación de recursos e para dar cumprimento aos prazos dos pagos. En canto ao descenso que este ano experimenta o orzamento, un 5% respecto do 2020, Martín Moreno rexeitou que se deba a que se captasen menos fondos, "senón a que este ano non houbo convocatorias da Xunta, nin convocatorias nacionais de infraestruturas de investigación e o convenio e I+D+i aínda o estamos a negociar", explicou. 

Atendendo á distribución dos gastos, o capítulo de persoal segue a ser a principal partida (63,28 % do total) cun importe de 116.833.700 €, por riba dos 112.996.556 € de 2020. “A xustificación deste cambio está en varias causas: o incremento salarial do 0,9 % reflectido nos orzamentos do Estado para o exercicio 2021, os sexenios de transferencia e as ofertas de emprego público 2021”, explicou o vicerreitor. Tamén se reduce o capítulo de transferencias correntes (-9,45 %), debido á diminución de axudas do ministerio para os proxectos de relacións internacionais (Erasmus, Marmooc, Leap..., axudas para dotacións bibliográficas e bolsas de mobilidade internacional). e tamén descenden nun -32,41% os investimentos reais.

A votación do proxecto de orzamento estivo precedida das intervencións dos representantes do PAS, Xan Cebro e Luis Perez, que lamentaron a que consideran "política asimétrica de persoal entre o PAS e o PDI", ao tempo que defenderon a funcionarización "como unha mellora para os traballadores, pero tamén para a institución". Pola súa banda, o voceiro de Ideas que Suman, Emilio Fernández, defendeu que "é mellor ter un orzamento con incertezas que non telo", pero reiterou, como fixera o ano pasado, o seu desacordo co fondo do proxecto, razón pola que xustificou a súa abstención. Contabilizados todos os votos, o proxecto de orzamentos para o vindeiro ano quedou aprobado por 33 votos a favor e cinco abstencións. 

Novo Plan Estratéxico para o período 21-26

Logo de oito anos, a Universidade de Vigo conta desde hoxe cun novo Plan Estratéxico que abranguerá o período comprendido entre os anos 2021 e 2026. Despois que o Claustro da semana pasada aprobase o texto definitivo, hoxe o Consello deu luz verde "á folla de ruta que ten que servirnos para chegar a ser a Universidade que queremos ser. Este Plan Estratéxico ten que axudarnos a facer unha Universidade de Vigo máis forte, máis integrada na súa sociedade, máis moderna, internacional, sen perder a nosa identidade, o noso compromiso coa sostenibilidade ou a nosa responsabilidade social", explica o docente e investigador Jacobo Porteiro, secretario do Comité de Dirección encargado da elaboración deste documento.

Despois que o reitor lembrase o máis destacado do proceso de elaboración do Plan que substitúe ao seu antecesor, que abarcou o período 2008-2012, Porteiro afondou nos cinco eixos estratéxicos (a formación; a relación coa sociedade; a organización e os recursos; a investigación e a transferencia e as persoas), os tres valores (internacionalización, defensa da igualdade e fomento da lingua galega) e os obxectivos de desenvolvemento da sostibilidade e Axenda 2030, sobre os que se articula o Plan. "Aínda que houbo unha moi boa participación e absolutamente todo o mundo que quixo participar tivo oportunidade e facelo, sempre tería cabida a opinión de moita máis xente. Eu persoalmente teño a total certeza de que todo aquel que tivo algo que achegar, atopou o tempo e os mecanismos para facelo", sinala o secretario do Comité de Dirección. 

Desde as filas de Ideas que Suman, Emilio Fernández, recoñeceu o que considera un "plan impecable desde o punto de vista formal", pero manifestou a súa discrepancia no "para que sirve", así como na falta de "presión" que cre que se produciu para contar coa participación de responsables de centros, ex reitores o persoas responsables de grupos de investigación. A decisión de Fernández de absterse forzou unha votación que rematou con 35 votos a favor e catro abstencións.

Unha Facultade de Comercio 

A EU de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo pasa desde hoxe e no curso no que cumpre 100 anos a denominarse Facultade de Comercio. A aprobación da nova denominación contou co respaldo unánime de todos os membros do Consello, ante os que a súa  directora, Consuelo Currás, destacou, que tras un século de existencia "o centro conta con identidade e marca propia recoñecidas dentro e fóra da institución académica". O feito de "estar fora de norma", dado que as escolas universitarias xa deixaron de existir, "urxe porque levamos moito tempo de atraso", lembrou Currás. 

Unha nova investigadora honorífica e un novo centro de investigación

Na derradeira sesión do ano o Consello de Goberno aprobou o nomeamento da catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela María Luz Loureiro Garcia, como investigadora honorífica da Universidade de Vigo. Previamente, en outubro deste ano o comité de dirección da agrupación estratéxica Ecobas nomeraa  directora científica de Ecobas e solicitara a súa adscrición á Universidade de Vigo.

Asi mesmo, este mediodía se luz verde á creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas, foi outro dos temas abordados na xuntanza. Creado co obxectivo, de compartir visión e estratexia para aproveitar as capacidades e reputación actuais das matemáticas galegas, creando unha entidade de I+D sostible, con relevante impacto académico, social e económico,  o centro, explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, "integrará as capacidades científicas e tecnolóxicas máis competitivas das tres universidades nunha axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos polo Programas Marco europeo (Horizon Europe), a Estrategia Española de Ciencia, Tecnología e Innovación e a RIS3 de Galicia", sinalou Rubio.