DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por 36 votos a favor, cinco en contra e dúas abstencións

O Consello de Goberno aproba un orzamento de preto de 195 millóns de euros para 2020, o maior da historia da Universidade de Vigo 

Aprobado o teito de gasto para o vindeiro ano, que ascende a 196 millóns de €

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/12/2019

Na derradeira sesión do ano celebrada este venres, as e os integrantes do Consello de Goberno deron luz verde ao proxecto de orzamentos para 2020, que ascende a 194.995.837 €, unha cifra que o confirma como o máis elevado da historia da Universidade de Vigo. Este orzamento supón un incremento do 6,83% respecto do exercicio anterior, un aumento derivado, principalmente, do incremento nas axudas finalistas conseguidas no programa marco H2020 da Unión Europea, así como ao éxito nas convocatorias competitivas de infraestruturas de investigación e as de eficiencia enerxética. En canto á distribución do gasto, a partida de persoal continúa a ser a maior, representando máis da metade do total, cun importe estimado para 2020 de preto de 113 millóns de €, case catro millóns máis ca en 2019.

A sesión de hoxe, na que tamén se deu luz verde ao teito de gasto para o vindeiro ano, que supera os 196 millóns de euros, comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa volveu deixar patente o seu rexeitamento á implantación dunha universidade privada en Galicia. O reitor lembrou o acontecido no último Consello Galego de Universidades e reiterou que “aínda que é legal e lexítimo, estaremos vixiantes e seguiremos levantando a voz para denunciar os incumprimentos que se poidan producir”. En relación co vindeiro Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, Reigosa avanzou que, mentres a Xunta propón unha prórroga dun ano do actual, os equipos reitorais das tres universidades “pensamos que non hai que entrar na loita polos indicadores, pero si é necesaria unha aposta máis decidida polo sistema público de educación superior, inxectando máis cartos”. Tras asegurar que a parte estrutural e por obxectivos do Plan “non deben ser estritamente vasos comunicantes”, o reitor sinalou que pensa que as tres universidade irán da man solicitando unha mellora do Plan. Sobre o futuro do Grao en Deseño e Creación, o reitor apuntou a celebración dun xuntanza coa Consellería de Educación “para fixar as regras de xogo” despois que este departamento emitise un informe no que se di que hai algunhas cuestións que non se poden implantar porque chocan con varias titulacións existentes no SUG, “pero nós discrepamos” dixo. E en relación con Máster en Enxeñaría Aeroespacial, Reigosa destacou que o acordo final adoptado pola Consellería foi que o mestrado “se vai implantar única e exclusivamente en Ourense e aínda que haxa participación de profesorado da Universidade de A Coruña, impartirase por completo no campus ourensán” sinalou Reigosa, que manifestou o seu desexo de que a titulación poida implantarse o vindeiro curso.

Luz verde ao maior orzamento da historia da Universidade

Previamente á aprobación por maioría do proxecto de orzamentos, que recibiu 36 votos a favor, cinco en contra e dous abstencións, o órgano de goberno da Universidade de Vigo deu luz verde ao teito de gasto para o vindeiro ano por un importe de 196.138.842,49 de € , calculado tendo en conta o límite porcentual aprobado pola Xunta de Galicia no Parlamento en outubro de 2019 que o limita nun crecemento do 3,10%, así como o plan de reequilibrio para as universidades do SUG aprobado pola Xunta, así como  que os fondos finalistas e a suba salarial aprobada polo goberno central para o exercicio 2020 non contan no cálculo do teito de gasto.

Tras lembrar que as achegas do Plan de Financiamento Autonómico para o vindeiro ano situaranse en 118.5 millóns e confirmar “que seguimos nunha senda positiva, sen incluír ningunha venta de activos por parte da Universidade”, o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno destacou que se segue a manter o equilibrio económico, ao tempo que se quere seguir a incentivar a captación de recursos en fontes que non proceden directamente do Plan de Financiamento. Analizando os case 195 millóns de euros que o equipo de goberno prevé como orzamento para 2020, no que se refire aos ingresos, destaca o incremento das transferencias de capital (32,37 %), debido ao maior éxito na captación de fondos alleos. No que se refire ao gasto previsto, o capítulo I, de gastos de persoal, segue a ser a principal partida, representando o 57,95 % do total do orzamento cun importe de 112.996.556 €. O capítulo correspondente aos investimentos reais acada unha contía de 41.883.124€ (a segunda partida en importancia), cun incremento de 17,62 % sobre 2019, representando o 21,48 % do orzamento, un aumento que se explica polo éxito acadado na consecución de fondos finalistas destinados a infraestruturas de investigación e de eficiencia enerxética.

Desde as filas de Ideas que Suman o seu voceiro, Emilio Fernandez, interpelou ao vicerreitor de Economía polas reducións que o proxecto de orzamentos contempla en apartados como docencia, apoio ao alumnado, fondos bibliográficos ou bolsas, así como o orzamento da Valedoría, que se reduce á metade. “Entendo que hai pouca marxe de manobra, pero non estaremos baixando a niveis preocupantes nalgúns aspectos? Eu entendo que si”, dixo Fernández, cuxas críticas foron secundadas pola representante do grupo de decanos-directores Carmen Ruíz Hidalgo, no caso da baixada rexistrada nos fondos bibliográficos, e polo representante do grupo de Estudantes Jesús Rico, en relación coas bolsas. O vicerreitor de Economía sinalou que o equipo de goberno “procura a eficiencia do gasto, e nun escenario de estabilidade de ingresos, para manter o equilibrio hai que reestruturar en base a buscar a eficiencia”, dixo Martín Moreno, que lembrou que este orzamento, fronte ao do ano pasado, non contempla rebaixas nos centros. Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, confirmou que “todos os departamentos volverán a ter libros e tamén haberá manuais para o alumnado”, se ben recoñeceu recortes nos accesos a revistas electrónicas moi pouco demandadas, mentres que o reitor sinalou que o descenso rexistrado para bolsas teñen previsto cubrilo con financiamento externo. Manuel Reigosa tamén respondeu ao representante da CIG do Comité de Empresa de Pontevedra, Carlos Mollinedo, en relación co incumprimento dos compromisos do equipo de goberno en relación coas melloras previstas para o PAS laboral. Nestes sentido, avanzou a súa intención de presentar no primeiro trimestre de 2020 unha oferta de funcionarización, “suxeito á negociación na mesa correspondente”.

Finalizado o debate, a proxecto de orzamentos foi sometido a votación, rexistrando un total de 36 votos a favor, cinco en contra e dúas abstencións.

Creación prazas; mobilidade entre campus do PDI e cambio de denominación da Facultade de CC da Educación

Noutra orde de cousas, na sesión de hoxe tamén se deu luz verde á aprobación da convocatoria e creación de cinco prazas de profesorado docente e investigador reservadas a persoal que finaliza o programa Ramón y Cajal teña a certificación I3 e dispoña de acreditación para as dúas prazas de profesorado contratado doutor da OEP 2018 nas áreas de Enxeñaría Química e Fisioloxía Vexetal e tres prazas de profesorado titular de universidade da OEP de 2019, das que dúas corresponden á Área de Física da Terra e outra a de Química Orgánica.

Noutra orde de cousas, aprobouse o acordo para a mobilidade entre campus do PDI con vinculación permanente con carácter previo á creación de novas prazas ou cobertura de vacantes. Así, con carácter previo á creación dunha nova praza con vinculación permanente nun determinado campus correspondente á reserva do 15% das Ofertas de Emprego Público para o persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal ou outros programas de excelencia nacionais ou internacionais e dispoñan do certificado I3, o persoal docente e investigador poderá cambiar de adscrición a unha das prazas adscritas a outro campus do mesmo departamento e da mesma área que se pretende cubrir.

Na derradeira sesión do ano 2109, aprobáronse os criterios para autorizar a prestación de servizos a tempo parcial en empresas da Universidade de Vigo e acordouse que a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, pase a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social, un cambio de denominación co que, segundo a súa decana Mar García Señorán “se procura dar visibilidade ao Grao de Traballo Social, atendendo a unha demanda compartida polo alumnado, profesorado e a comunidade profesional e que pon en valor a multidisciplinariedade e interdisciplinariedade da facultade”, dixo.

Defensa do campus de Ourense e representación sindical no Consello de Goberno

Xa na quenda de rogos e preguntas, a reitor, ante a solicitude do representante do Consello Social César Blanco demandándolle unha defensa en primeira persoa do campus de Ourense, reiteroulle o seu respaldo e volveu destacar as súas fortalezas, “que lle permiten mirar cara a cara a calquera outro campus e que ten moito futuro, aínda que ao mellor non estamos a ser quen de transmitilo”, asegurou Reigosa. Pola súa banda, Luís Pérez representante do comité de empresa do campus de Ourense, volveu demandar que a representación sindical no Consello de Goberno se axuste ao contemplado nos novos estatutos, unha cuestión que o secretario xeral confirmou que está a ser analizada tralo informe solicitado á Asesoría Xurídica no que se apunta a que representación debería manterse ata que remate o actual mandato.