DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Raquel Souto chega á Xerencia procedente da Consellería de Facenda 

O Consello de Goberno bota a andar nomeando nova xerenta e cargos académicos

O reitor defendeu un consello “vivo e no que se escoiten voces distintas” 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/07/2018

Tras unha sesión extraordinaria de constitución, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, elixido despois das eleccións celebradas o pasado mes de abril, celebrou este mércores a súa primeira sesión ordinaria, na que se aprobou o nomeamento da nova xerenta, así como das persoas que ocuparán cargos académicos como direccións de área e de centros de investigación, comisionados e delegacións en centros adscritos. A sesión ordinaria comezou cunha intervención na que o reitor deu a benvida e agradeceu ás e aos asistentes o seu compromiso coa Universidade e cun órgano de goberno “no que agardamos que se produzan debates vivos, no que se escoiten moitas voces e se cheguen a acordos”, dixo Manuel Reigosa, que a continuación presentou un informe, no que deu conta dos encontros mantidos con representantes de institucións académicas e políticas desde a súa chegada ao cargo.

O reitor lembrou as reunión mantidas cos alcaldes de Vigo, Ourense e Pontevedra, e  presidentes das deputacións provinciais de Pontevedra e Ourense e a delegada da Zona Franca de Vigo, facendo especial fincapé no encontro de traballo co conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ao que lle trasladou varias peticións nos ámbitos académico, laboral e investigador. A insuficiencia da masa salarial “que non é dabondo para cubrir as necesidades”, foi unha das cuestións que Reigosa trasladou ao conselleiro, ao que adiantou a súa intención de convocar dúas ofertas públicas de emprego de profesorado “que nos permitirá axilizar a lista de acreditados que están á espera de acadar unha praza e tamén para o tema das pagas extra”, explicou o reitor. As necesidades relativas á estabilidade de persoal investigador, foi outra das cuestións que Reigosa explicou que tratou co titular da Consellería de Educación, con quen tamén abordou “a captación de talento sénior. Queremos neste mandato traer un par de investigadores de sona internacional que nos fagan subir postos nas clasificacións e que reforcen os ámbitos de coñecemento nos que xa somos fortes”. A posibilidade de incrementar a masa salarial para a nova RPT, “aínda que non empezaremos a negociar ata 2019” e a petición de infraestruturas para o novo Grao en Enxeñaría Biomédica, que comezará a impartirse o vindeiro curso, son outras cuestións que Reigosa confirmou que tratara co Román Rodríguez no seu primeiro encontro.

O reitor tamén se referiu na súa intervención ante o Consello de Goberno á xuntanza mantida cos responsables do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que lle trasladaron as súas inquedanzas en relación coa captación de persoal docente, así como de instalacións e equipamentos cos que conta a titulación. “Antes do 15 de decembro estarán mercados os equipamentos necesarios para a posta en marcha do terceiro curso da titulación, mentres que en relación coa incorporación de persoal somos optimistas e esperamos que o vindeiro ano teñamos arranxado isto”, dixo Reigosa, que tamén sinalou que “semella lóxico que unha titulación importante teña no seu momento un edificio”.

Nova xerente e cargos académicos 

Por asentimento as e os asistentes á primeira sesión ordinaria do Consello de Goberno aprobaron o nomeamento de Raquel Souto como nova xerenta da Universidade de Vigo. Nacida en Santiago no ano 1969, Souto é licenciada en Dereito pola USC e desempeñou diversos postos na dirección xeral da función pública da Xunta de Galicia, onde, ata a súa incorporación á Universidade de Vigo, exercía como subdirectora de provisión de postos e selección de persoal da Consellería de Facenda. “Capacidade técnica e de negociación” son as dúas características que Reigosa salientou da nova xerenta, que estará ao fronte dun equipo que completan Francisco Javier López Corrales, docente e investigador do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade que será o vicexerente de Economía; José González Groba, ata o de agora administrador de centros do campus de Pontevedra, que ocupará o posto de vicexerente de Persoal e Rodrigo Cerviño, vicexerente de Asuntos Económicos co anterior equipo de goberno, que exercerá como asesor de xerencia, planificación e economía. 

O Consello de Goberno tamén aprobou na súa primeira sesión ordinaria a relación de cargos académicos que inclúe: tres comisionados (Coordinación Institucional: Javier Rodríguez Berrocal; Novos Proxectos: Óscar Rubiños e CIUG: Iván Area); 26 direccións de área, das que máis dunha ducia son de nova creación; sete delegacións en centros adscritos e nove direccións de centros de investigación e campus de especialización (Campus do Mar: Daniel Rey; Vigo Tecnolóxico: Daniel Villanueva; Campus da Auga: Enrique Barreiro; Campus Crea e Green Campus: José Carlos Souto; Cacti: Jorge Pérez; Cinbio: África González; EIDO: Antonio García Pino; Ecimat: José Manuel García e AtlanTTic: Carlos Mosquera).

A sesión de hoxe rematou coa aprobación da inclusión na convocatoria de axudas predoutorais da Universidade de Vigo do ano 2017 da posibilidade de suplencia por renuncia; o visto e prace a unha relación de convenios e os rogos e preguntas de representantes do alumnado das escolas de enxeñaría de Minas, Telecomunicación e Industrial referidas ao transporte público e a ocupación dos bibliotecas do campus de Vigo e á normativa dos TFM.