DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por outra banda, a sesión aprobou a participación da UVigo no capital da spin-off Unmanned Galicia 

O Consello de Goberno recoñece a excelencia de 49 estudantes de grao 

Hoxe tamén se fixo pública a resolución reitoral que adecúa a docencia ás novas restricións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 27/01/2021

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou por asentimento na súa primeira sesión do ano 2021 a proposta de premios extraordinarios de grao do curso 19/20, outorgados a 49 estudantes dos tres campus, que recibirán a insignia da institución académica viguesa. Non obstante, a suspensión, por mor da covid, do acto de celebración de San Tomé, previsto para mañá xoves, impedirá que o alumnado galardoado poida recoller en persoa a insignia e o diploma acreditativo, que lle serán remitidos por correo, “aínda que non desbotamos poder facer máis adiante un acto semipresencial de recoñecemento”, dixo o reitor, Manuel Reigosa no transcurso da sesión. No acto de celebración de San Tomé previsto para mañá, e finalmente suspendido, tamén estaba prevista a entrega dos premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de máster e dos premios á excelencia académica de grao e de mestrado ao alumnado de novo ingreso.

Do total de 49 galardóns aprobados hoxe, 24 corresponden a estudantes do campus de Vigo; 14 a Ourense e 11 a Pontevedra. Un curso máis son as mulleres as que acadan un maior número de recoñecementos polo seu expediente, un total de 32, fronte aos 17 homes premiados. No caso do campus vigués, dos 24 galardoados, 15 son mulleres e 9 homes; no de Ourense, 8 son mulleres e 6 homes e en Pontevedra, 9 mulleres son recoñecidas polo seu expediente académico, fronte a 2 homes.

Apoio aos bos resultados da investigación

Por outra banda, o Consello aprobou hoxe a participación da UVigo no capital da spin-off Unmanned Galicia, un proxecto empresarial orientado á solución de metodoloxías actuais de traballo de inspección, baseadas na medición in situ por parte de operarios, que na maioría das ocasións traballan en altura e están suxeitos aos riscos asociados a dito traballo. A iniciativa promovida polos enxeñeiros Higinio González, Luis Miguel González e Joaquín Martínez traballará na incorporación de solucións baseadas en Sistemas Aéreos Remotamente Pilotados (RPAS), que permitirá un aumento de eficiencia nas tarefas de inspección de infraestruturas e a diminución dos riscos laborais asociados a eses traballos. 

Antes da votación, o reitor sinalou a importancia de que a Universidade siga cun labor continuista e “continúe apoiando ás spin-off que están acadando bos resultados no mercado”.

Unha resolución reitoral concreta as medidas vixentes ata o 17 de febreiro

Por outra banda, hoxe publicouse a resolución reitoral para a adecuación da actividade docente na Universidade de Vigo ás novas restricións adoptadas pola Xunta. A resolución recolle que do 8 ao 17 de febreiro todas as actividades docentes de grao, mestrado e doutoramento realizaranse de maneira virtual, incluíndo as titorías; as revisións das probas de avaliación do primeiro cuadrimestre e as defensas públicas de Traballos Fin de Grao, Traballos Fin de Máster e teses de doutoramento. Respecto ás probas de avaliación fixadas para o primeiro cuadrimestre, a resolución confirma que continuarán a celebrarse de xeito presencial, tal e como estaba previsto, sen prexuízo de que os centros poidan levar a cabo os axustes menores que entendan oportunos, de tempo ou de espazos, de cara a facilitar a organización gradual das probas, para garantir o cumprimento das medidas de prevención, e que, de establecerse, deberán ser comunicados en todo caso ás persoas interesadas coa debida antelación. 

No que se refeire ás prácticas curriculares e extracurriculares, tanto en empresas como noutros organismos e institucións situados na Comunidade Autónoma de Galicia, o texto establece que se efectúen na modalidade de teletraballo, sempre que sexa posible. De non selo, estas actividades suspenderanse mentres estea en vigor a resolución. Constitúen unha excepción o prácticum das titulacións de Educación, que seguirá coa modalidade e coa programación prevista antes da entrada en vigor desta resolución, e as prácticas clínicas en institucións sanitarias, que os centros reprogramarán en función do que acorden con estas entidades.

Coa entrada en vigor desta resolución reitoral restrínxense, así mesmo, e ata novo aviso, as actividades nas instalacións universitarias ao persoal con contrato en vigor coa Universidade, se ben os membros da comunidade universitaria e o público en xeral poderán acudir aos centros para realizar xestións presenciais empregando o sistema de cita previa. Nesta liña, tamén se especifica que só poderán acceder ás dependencias das bibliotecas da Universidade o persoal adscrito á Biblioteca Universitaria, se ben o PDI  poderá facer uso deste servizos, sempre que sexa con cita previa. No caso das instalacións e pavillóns deportivos da Universidade o seu uso queda restrinxido ao persoal adscrito ao Servizo de Deportes, se ben, a maiores, se autoriza á Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade a autorizar o uso destas instalacións para a realización de probas presenciais do primeiro cuadrimestre.

Polo que respecta ao PDI e o PAS da Universidade a resolución establece que ambos grupos deben continuar realizando a súa actividade laboral na mesma modalidade na que o viñan facendo ata o de agora.

Acordo do Comité Asesor Covid-19 

Pola súa banda, o Comité Asesor Covid-19 acordou hoxe que para o uso de establecementos de restauración de centros de traballo da Universidade de Vigo por parte de docentes e traballadores do centro, limitarán a súa actividade según se establece na orde do 26 de xaneiro de 2021 da Consellería de Sanidade (DOG núm 16-BIS), tendo en conta, como establece o punto III.2.5.3, que a  ocupación máxima será de catro persoas, e deberán ser todas elas convivintes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo. Así mesmo, recoméndase facer un uso individual das mesas nestes casos.
 
Acórdase tamén realizar o reparto dun novo kit de prevención para cada membro dos colectivos PAS e PDI, consistente en 25 máscaras FFP2, dúas máscaras de tela serigrafiadas co logo da Universidade de Vigo e un dispensador individual de xel hidroalcohólico. Pola súa banda, a cada membro do alumnado facilitaráselle  tres máscaras FFP2 para a súa utilización preferente nas prácticas, cando sexa autorizada a presencialidade polas autoridades competentes.