DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor José Durán analiza nun libro este proceso de conformación, paradoxal e contraditorio

A construción da identidade nas sociedades modernas, “entre a liberación e a integración”

Estas dúas dimensións foron separándose “ata rachar co equilibrio inestable no que se mantiñan"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/10/2021

As persoas constrúen actualmente a súa identidade nun proceso cada vez máis conflitivo e contraditorio, marcado pola tensión entre a liberación e a integración, xa que a pretensión liberadora dos suxeitos ten cada vez máis dificultades para recoñecerse nalgún universo integrador que lle outorgue sentido. Ese é o punto central do libro de José F. Durán Vázquez, profesor de Socioloxía da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no que explica que esta situación leva a que “os suxeitos se sintan unha e outra vez incompletos cando estaban destinados a completarse”. No libro analiza “como se chegou a esta situación, a través dun percorrido polos mundos nos que nos socializamos, como familia e educación, e nos que producimos e consumimos, como traballo e consumo, creando unha determinada maneira de vivir o tempo, sen demasiada perspectiva de pasado nin de futuro, e unha identidade pública crecentemente individualizada”.

A obra, titulada La integración del sujeto moderno. Entre la liberación y la inclusión. Un relato de arraigos y desarraigos, non só está dirixido, como remarca Durán, a persoas con interese no eido sociolóxico, “senón a todo tipo de persoas que, dun ou outro modo, se vexan reflectidas no que nel se conta”. Nel afonda sobre a “dinámica de arraigos e desarraigos; de liberacións sen unha clara integración que as exprese” que é común aos universos transmisores e socializadores, aos laborais e aos do consumo. 

Cambio nas sociedades occidentais nas últimas tres décadas

Durán sostén na súa publicación que o cambio que nas últimas tres décadas experimentaron as sociedades occidentais, e tamén a española, “aínda que neste caso un pouco máis tarde”, baséase nunha “acentuada apelación á liberación, tanto por parte dos suxeitos como das institucións, sen universos integradores que lle outorguen un determinado sentido, estable e con continuidade no tempo. Por esta razón a liberación, á que cada suxeito se sente chamado, e que é aclamada tamén por todas partes, xera máis e máis inseguridades que nos empurran a dubidar unha e outra vez de nós mesmos, e nos levan tamén a buscar consello terapéutico”.   

E é que como recalca o docente, “as persoas socializadas nos universos da familia, a educación, o traballo e o consumo, en valores que promoven a liberación como medio de integración e non a integración como forma de liberación, xa non atopan, como noutras épocas, nestas institucións un freo á súa vontade liberadora, porque elas mesmas tamén a favorecen”. Por este motivo, engade, o desexo de liberación “non sabe moi ben contra quen dirixirse: “contra os pais, non, porque eles tamén están dispostos a liberar os seus fillos; tampouco contra a escola, que se presenta cada vez como máis liberadora; contra o mundo do traballo é cada vez máis difícil, xa que ninguén pode reclamar unha experiencia laboral prolongada e fortemente integrada cando do que se trata é de liberarse dela. E que dicir do mundo do consumo, vía de escape para a liberación, especialmente para os que perciben os mundos da educación e do traballo como cada vez máis instrumentais e carentes de sentido”. É precisamente por todo isto, segundo Durán, polo que xa non existe unha oposición, e menos aínda unha “continuidade” entre as xeracións, “senón unha simple distancia e separación entre elas”. 

Como saír desta situación?

Na terceira parte do libro, e tras analizar este proceso que provoca “unha crecente sensación de desarraigo e a progresiva desconexión entre xeracións, o docente da Facultade de Ciencias Xurídicas do Traballo propón unha reflexión sobre como “saír dunha situación que desembocou en personalidades cada vez máis fráxiles e inseguras, pero ao tempo altivas e orgullosas, que oscilan entre o ceo e o inferno”. E aposta por facelo sen recorrer a “terapias máxicas”. 

Para acadar as respostas, Durán considera que cómpre atender a unha serie de cuestións. Por unha banda, apunta que “non é posible ningunha liberación que non atope sentido nalgún universo integrador” e, por outra, “que a integración e a liberación necesitan remitirse a algún horizonte de sentido que vaia máis aló dos suxeitos mesmos. Tamén sinala que “este sentido foi colonizado gradualmente polos universos da produción e o consumo, que invitan ás persoas a estar continuamente liberándose para crear novos sentidos, que finalmente os desarraigan e recalca que “ningunha integración e liberación serán posibles se se remiten a unha soa dimensión integradora e liberadora, como sucede actualmente coas esferas da produción e o consumo”. Partindo de todo isto, reflexiona sobre como crear, nos universos analizados ao longo do libro, “situacións que favorezan a integración e a liberación e, polo tanto, a construción de identidades máis fortes e estables, dispostas a trasladarlles ás seguintes xeracións razón para integrarse e liberarse”.