DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa para a mellora das competencias dixitais arrancará este venres

Conta atrás para unha nova edición de e-destrezas con sete propostas para a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 22/09/2022

Fundamentos de ofimática con Office; Python para principiantes; Iniciación ao desenvolvemento de páxinas web con Wordpress; Fundamentos de deseño gráfico con Ilustrator e Photoshop; Curso básico de deseño BIM con Revit; Fundamentos de análise e tratamento de datos con Excel e Iniciación as bases de datos. Microsoft Access. Estes son os sete cursos de formación gratuítos que a Vicerreitoría de Extensión Universitaria oferta para o primeiro cuadrimestre do curso 2022/2023 ao abeiro do programa e-Destrezas, unha iniciativa coa que a UVigo procura o desenvolvemento e mellora das competencias dixitais do seu estudantado, PDI e PAS. 

Os cursos, que se desenvolven coa colaboración do Consello Social da UVigo e do Santander, celebraranse en formato virtual a través do Campus Remoto, ata sumar 30 horas, o que inclúe seis sesións de catro horas presenciais e seis horas de traballo non presencial. Ao remate do curso entregarase un diploma acreditativo (asistencia obrigatoria ao 85% das horas) con recoñecemento de 1 crédito ECTS para as ensinanzas de grao por cada 30 horas.

Inscrición e inicio da formación 

A inscrición no programa de formación e-Destrezas, que este curso acada a súa cuarta edición, pode realizarse a través do Campus Activo da UVigo. Fundamentos de ofimática con Office será o primeiro curso que se impartirá entre o 23 e o 30 de setembro e os días 7,14, 21 e 28 de novembro e nel o docente Guillermo Rey González achegará ás persoas asistentes os coñecementos necesarios para desenvolverse coas ferramentas ofimáticas Office de Microsoft para afrontar a elaboración de documentos profesionais como os traballos de fin de grao, de mestrado, etc.