DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana o espectáculo correu a cargo do grupo Maricastaña

Continúan no Teatro Vidal Bolaño as representacións da Miteu

A mostra clausurarase o vindeiro mércores coa actuación da Aula de Teatro do Campus de Vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 13/05/2021

Continúan no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria as representacións da XXIII edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, e esta semana fixérono da man do grupo Maricastaña da Aula de Teatro do Campus de Ourense que, dirixidos por Fernando Dacosta, representaron a súa nova montaxe  Aínda que siga brillando a lúa, inspirada en Crónicas Marcianas de Ray Bradbury.

A cita tivo lugar, unha vez máis, onte mércores ás 18.30 horas, nun auditorio co público sentado cumprindo todas as medidas de seguridade covid. Foi unha particular viaxe a Marte, un planeta por colonizar desde o punto de vista da Terra, con todo o que iso supón: marcianos que queren coidar o seu planeta e non conciben a chegada de seres doutro mundo que poidan cambiar as súas condicións de vida ou, incluso, provocar a súa extinción. E, da outra banda, uns terrícolas a máis de 60 quilómetros do seu planeta de orixe, dispostos a reproducir alí o único que saben: comportarse como terrestres. O espectáculo estaba servido e non deixou indiferente a ninguén.

Formaron parte do elenco –por orde de intervención- Conchi Pérez, Russo Nnandong, Candela López, Chelo Cortiñas, Silvia Domínguez, Iván Iglesias, Luz Ocampo, Abraham Pérez, Óscar Castromán, Lola Fernández, Claudia Pérez, Nuria Saco e Patricia Gómez.

Clausura con Tic Tac, de Suso de Toro

Tras varias semanas de representacións, a clausura da mostra terá lugar o vindeiro mércores día 19 coa actuación dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, que porá en escena Tic Tac, unha obra de Suso de Toro dirixida por Sonia Rúa e Casilda Alfaro. “Tic Tac é un pranto amargo onde se van sucedendo as escenas como se fosen as distintas páxinas dunha vida, ao mesmo tempo que ofrece unha visión lúdica e tráxica da nosa existencia, todo a un tempo”, tal e como salienta a compañía na sinopse da obra.

Ante a actual situación sanitaria, para acudir a representación, é preciso reservar a butaca enviando un correo electrónico a extension@uvigo.gal ou a través do teléfono 986.813.626 ata as 13.00 horas do día da función.