DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode participar alumnado e persoal docente e investigador

Convócase a terceira edición da bolsa de investigación sobre a terceira idade da Fundación Dorzán

O prazo de presentación de propostas remata o 20 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 06/03/2019

Por terceiro ano consecutivo a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade, convoca coa colaboración da Universidade de Vigo a súa bolsa destinada a fomentar a investigación sobre a terceira idade. O obxectivo último desta iniciativa é potenciar o estudo e investigación de técnicas ou protocolos que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e que poidan aplicarse con posterioridade noutros ámbitos.

A bolsa é froito dun convenio marco de colaboración asinado en 2017 entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán. A través da súa convocatoria, a fundación financia un único traballo coa cantidade de 1500 euros, podendo participar alumnado matriculado durante o curso 2018/2019 no campus de Ourense e persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo. Poden presentarse tanto persoas físicas como grupos de investigación. O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 20 de maio de 2019.

Diferentes áreas temáticas

Os proxectos de investigación que se presenten a esta convocatoria deberán centrarse, preferentemente, nunha ou varias das áreas temáticas relacionadas coa xerontoloxía e ou a xeriatría, desenvolvidas no ámbito comunitario ou desde algún dispositivo pertencente á rede asistencial de atención ás persoas maiores. Entre as liñas financiables están estudos sobre estereotipos, prexuízos, discriminación ou coñecementos relacionados co envellecemento e os seus procesos; deseños ou validación de instrumentos de avaliación xeriátrica ou xerontolóxica e programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou ao fomento do envellecemento activo.

Outros temas de interese para esta convocatoria son a promoción de hábitos e comportamentos que contribúan a mellorar a saúde deste colectivo; innovacións tecnolóxicas que favorezan a atención da terceira idade e investigacións e programas de prevención de accidentes ou de intervención preventiva ou correctiva dirixidos a reducir a incidencia e prevalencia de enfermidades ou trastornos psicosociais frecuentes. Completan este listado de liñas financiables programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores con enfermidades neurodexenerativas ou dos seus coidadores, ou calquera investigación, programa de intervención ou desenvolvemento tecnolóxico que contribúa a mellorar o benestar, a saúde ou a imaxe social das persoas maiores. Os estudos deben enmarcarse en Galicia, cun ámbito preferente de actuación na provincia de Ourense. Na valoración dos proxectos teranse en conta factores como a experiencia da persoa solicitante e a innovación, a calidade científico-técnica e a viabilidade e aplicabilidade do traballo.

Os precedentes

Na súa primeira edición gañou a bolsa o proxecto Deseño dunha ferramenta de avaliación do 'elderspeak' ou 'hablageria' para profesionais en contornas de atención a persoas maiores, do profesor asociado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Miguel Ángel Vázquez. O proxecto tivo como obxectivo elaborar unha ferramenta que a modo de cuestionario permitise a obxectiva detección e medida da linguaxe discriminatoria por razón de idade e realizar aplicacións experimentais desta ferramenta en ámbitos de coidados sociosanitarios e de atención comunitaria xerontolóxica. Na súa segunda edición, o galardón recaeu no estudo Presencia e potencialidades da educación social no ámbito da intervención con persoas maiores, promovido polos membros do Grupo PT1 Psicoloxía da Saúde José María Faílde, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, e Laura Ruiz, investigadora predoutoral. O obxectivo deste traballo foi profundar no coñecemento existente sobre as potencialidades da educación social en relación coa intervención socioeducativa con persoas maiores, identificando os ámbitos de actuacións e as funcións que estes profesionais realizan.