DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poden presentarse grupos de investigación do campus

A convocatoria Inou destinará 47.100 euros a proxectos que contribúan ao desenvolvemento de Ourense

A iniciativa pretende impulsar a colaboración interdisciplinar

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 23/02/2021

A Universidade de Vigo convocou este martes as Axudas a Grupos de Investigación do Campus de Ourense Inou 2021. Dotada con 47.100 euros, esta convocatoria está destinada a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do Campus de Ourense-Campus da Auga. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 23 de marzo. 

A convocatoria financiará “proxectos de interese para a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense” relacionados “cos ámbitos socioeconómicos máis propios da provincia” (como o turismo, a agricultura, a gandería, o comercio, a xestión integral e o aproveitamento de recursos hídricos, especialmente os relacionados coa especialización do Campus da Auga) ou calquera outro ámbito relacionado coa provincia. A iniciativa, engádese na súa convocatoria, tamén pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo e que teña máis dificultades para acudir a outras convocatorias poida pór en marcha os seus proxectos. Igualmente, entre os obxectivos desta iniciativa está impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense dos diferentes ámbitos de coñecemento: Ciencias; Ciencias da Saúde; Enxeñería e Arquitectura; Ciencias Sociais e Xurídicas e Arte e Humanidades.

Prioridade para proxectos coordinados de ámbitos diferentes

A estas axudas poden presentarse propostas de proxectos coordinados constituídos como mínimo por dous subproxectos de ámbitos de coñecemento diferentes ou proxectos coordinados entre distintas áreas de coñecemento. Os grupos de investigación participantes deberán estar rexistrados no catálogo de grupos de investigación da Universidade de Vigo e só poderán participar nun subproxecto por grupo. Entre os requisitos esixidos ao persoal dos equipos de investigación están que cada subproxecto terá que estar apoiado por un equipo de investigación proporcional coas tarefas a realizar e que o persoal investigador deberá desenvolver o seu labor investigador no campus de Ourense, con dedicación a tempo completo, durante todo o período de execución do proxecto. Ademais, queda excluído o persoal contratado con cargo a proxectos de investigación e ningún investigador ou investigadora poderá figurar na solicitude de máis dun subproxecto ou ser actualmente investigador principal en ningún outro proxecto de investigación de carácter competitivo de ámbito autonómico, estatal ou europeo. 

Na solicitude, entre outra documentación, deberá presentarse un resumo do proxecto coordinado, a xustificación do seu interese e estado actual do tema, una memoria de coordinación e o resumo e os datos dos membros do equipo de cada subproxecto. A selección dos beneficiarios será efectuada por unha comisión de avaliación. Na puntuación das propostas terase en conta, entre outros aspectos, as súas achegas innovadoras, o número de ámbitos participantes, a súa planificación e coordinación e o seu interese para a provincia. Co fin de impulsar a interacción entre grupos de investigación de distintos eidos de coñecemento, terán prioridade no financiamento os proxectos coordinados de ámbitos diferentes.

A convocatoria do pasado ano de axudas Inou financiou catro iniciativas multidisciplinares centradas na oferta e reputación dixital do enoturismo ourensán; a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei; o emprego de restos de podas de vide para a obtención de produtos de valor engadido e a análise e prevención de condutas aditivas e de risco nas redes sociais e a intervención para o uso seguro de cara ao benestar dixital.