DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 persoas forman parte desta agrupación

O coro do campus recupera a súa voz

Traballan na preparación de novo repertorio de cara a futuras actuacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/01/2023

Despois de seis anos de traxectoria, a pandemia provocada pola covid-19 provocou en 2020 un parón de case dous anos na actividade do coro do campus de Pontevedra, que o pasado mes de outubro retomaba a súa actividade co obxectivo de sumar novos e novas integrantes á agrupación. Inserido na programación de actividades culturais e educativas abertas ao conxunto da cidadanía da Vicerreitoría do campus, esta iniciativa logrou reunir nestes meses un grupo 25 persoas, que, nos ensaios que levan a cabo cada semana, traballan baixo a dirección do profesor Marco Lucato na preparación dun novo repertorio.

“A verdade é que arrancamos ben, incorporouse bastante xente”, recoñece Lucato, que lembra que o coro intentará xa recuperar a súa actividade no segundo cuadrimestre do pasado curso. Desta volta, a incorporación dunha ducia de novos integrantes, sumados á continuidade de boa parte das e os participantes nesta actividade nos cursos previos, fai que o coro conte con 25 integrantes, entre os que se atopan tanto alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, como estudantes do Programa Universitario para Maiores e persoas alleas á comunidade universitaria. “Por fin conseguimos ter unha corda de voces masculinas”, salienta o responsable dunha actividade para a que, lembra, non son precisos coñecementos musicais e que continúa aberta a novas incorporacións nos ensaios que leva a cabo cada martes entre as 16.00 e as 18.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Conformando o novo repertorio

Un dos obxectivos cos que o coro iniciou o presente curso era o de dar forma a un novo repertorio que se achegue tamén a novas tendencias musicais. Nese senso, as sesións que se desenvolven cada semana combinan un bloque inicial centrado na linguaxe musical como a preparación dunha serie de pezas de diferentes épocas e estilos. “Temos algunhas cancións que traballaramos antes e que recuperamos e estamos montando tamén algunhas cancións novas”, explica Lucato dun traballo no que contan tamén coa colaboración, ao piano, do exalumno Germán Torres. “Imos pouco a pouco”, recoñece o director do coro, que sinala que tanto a incorporación de novos membros como o parón que supuxo a pandemia para as e os antigos membros fan necesario abordar “con calma” o proceso de preparación deste repertorio. Non obstante, engade, o obxectivo é que nos próximos meses a agrupación poida realizar de novo unha actuación. De feito, explica, “xa tivemos contacto con Suso Vaamonde”, o responsable da Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, “e temos unhas pezas coas que empezamos a traballar tras o Nadal” co obxectivo de que ambas agrupacións poidan compartir un concerto cara finais de curso.