DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á incorporación este curso dun numeroso grupo de estudantes

O Coro Universitario do Campus de Ourense supera o medio centenar de membros

Ensaian cada luns e xoves nas instalacións universitarias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 05/10/2021

Superando as expectativas iniciais e as cifras de anos anteriores, este curso académico o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum conta con 54 cantoras e contares. Tras o parón que supuxo a pandemia, a formación recupera con ganas a súa actividade presencial e faino coa satisfacción de ver a excelente acollida que está tendo entre a comunidade universitaria, especialmente entre o alumnado.   

O coro, explica Ruth González, a súa directora, arrancou a principios de setembro con arredor dunha trintena de persoas inscritas pero unha vez xa incorporado plenamente o alumnado á dinámica universitaria a cifra ascendeu a medio centenar grazas “a un grupo fantástico de estudantes que quixo vir a probar e a participar desta actividade cultural”. A súa participación, engade, é especialmente significativa porque precisamente ese colectivo era o que menos estaba presente na formación coral, a pesar dos esforzos realizados. A cifra total acadada de 54 persoas, sinala, “son moi boas novas” para o coro e a súa renovación.

Do que supón para os cantores e cantoras a experiencia de participar nesta actividade, a responsable do coro universitario sinala que “gústame pensar sempre que o coro na súa faceta educadora axuda aos coralistas a ser organizados e independentes”, destacando igualmente a faceta cooperativa da formación xa que, indica, “todos formamos parte dunha familia que axuda aos novos integrantes a sentirse cómodos e a gozar do canto colectivo”. Igualmente recalca a o seu carácter "inclusivo e interxeracional, porque os que convivimos neste coro temos diferentes idades, profesións, gustos, etc. pero cun nexo común: a paixón por cantar e formar parte dun colectivo que afronta novos retos con ilusión, enerxía, forza e moito humor. Achegamos as nosas características persoais en beneficio de todos para acadar unha labor humanitaria, formadora e artística”.

Ensaios e repertorio

Divididos en varios grupos, o coro ensaia luns e xoves na aula de música do Edificio de Facultades e noutras aulas do campus, seguindo os protocolos anti-covid. Para este curso académico, a directora do Coro Universitario do Campus de Ourense indica que “as expectativas son moi positivas xa que todos os membros do coro están vacinados e poderemos afrontar concertos, gradacións e outros retos culturais con moita máis flexibilidade e confianza”. Estes retos, detalla, “son repasar o repertorio do curso pasado e amplialo con novas cancións de diferentes estilos e poder preparar un concerto que reflexe a boa situación que vivimos no coro e seu nivel formador e artístico”.

O repertorio que prepararán este curso, detalla Ruth González, “inclúe pezas sacras de gran ritmo e dinámica; pezas africanas divertidas con percusión; cancións con textos noutros idiomas de gran beleza, sentido reinvindicativo e que forman parte da historia cultural; pezas en galego con textos de poetas galegos, tamén temas galegos baseados no rock; bandas sonoras de películas ou musicais e pezas do pop actual”. Trátase, sinala, dun “repertorio ecléctico que poida atraer a máis estudantes e que tamén teña unha calidade artística e musical que poidamos traballar con intensidade nos ensaios, coa profesora de técnica vocal que axudará no empaste e na afinación, e co pianista que poderá achegar firmeza no ritmo das cancións”. Contar co apoio de músicos, engade, tamén axudará a enriquecer "a calidade das cancións e dará diversidade, calidade e boa química entre diferentes colectivos artísticos.

Este curso académico é o segundo de Ruth González á fronte da formación, xa que asumiu a dirección do coro durante a pandemia. “O meu balance deste primeiro ano de dirección é moi positivo e magnífico. Tendo en conta que afrontabamos un curso no que tivemos que loitar por facer os ensaios moi reducidos, dende a casa cando tivemos que facer outro confinamento e sen poder amosar o traballado porque as condicións recrudecían as nosas expectativas na cidade, a miña conclusión é que sentín moitísima enerxía por parte dos coralistas e da Universidade”. Este novo ano, engade, “afronto coa mesma ledicia, forza, paixón e empatía os novos retos que poidan xurdir”, amosando a súa confianza en que este curso académico si se poida desenvolver a actividade do coro coa maior normalidade posible.