DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana e a seguinte 40 persoas participan en Enxebre`18

Corpo(a)terra arranca no campus co seu programa formativo

Desde a organización destacan o alto nivel desta actividade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 06/07/2018

Desde o verán de 2011, Ourense conta cunha oferta cultural que “a través da danza e as artes do corpo promove o encontro do cidadán e turista co espazo urbano”. Trátase de Corpo(a)terra, o Festival de Danza e Artes do Corpo de Ourense. Desde este luns, o campus acolle as actividades formativas que forman parte da programación da súa oitava edición, que se celebra ata o 14 de xullo. 

A dirección do festival corre a cargo de Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paula Quintas, de TrasPediante Cultura, encargadas tamén da Aula de Danza do Campus de Ourense D-ou-tras, e do Concello de Ourense. A cita, sinalan desde a organización, “reivindica un novo uso do espazo urbano que apela á participación cidadá a través da danza”, levando ao público a percorrer prazas e recunchos emblemáticos da cidade para asistir cada noite a un espectáculo artístico. “O festival vaise expandido cada ano e iso é un motivo de satisfacción moi grande”, explica Marta Alonso lembrando como este ano a súa programación non só chegará a Ourense e Allariz, que se incorporou como escenario na pasada edición, senón que tamén a Nogueira de Ramuín. 

Na celebración deste festival, sinalan desde a organización, o campus de Ourense xoga un papel “moi importante” porque cede os espazos para a formación e para unha residencia artística na que Vero Cendoya preparará a obra La Partida, na que un grupo seleccionado de bailaríns e futbolistas elaborará unha adaptación desta peza para representar o 14 de xullo na Praza Maior de Ourense como peche a Corpo(a)terra. 

Unhas formación “de luxo”

Como anticipo á programación de actuacións, que arranca este venres en Nogueira de Ramuín, ao longo desta semana e durante a seguinte, as instalacións do campus de Ourense, concretamente o seu pavillón de deportes, acolle a celebración deste programa formativo, que leva por nome Enxebre`18. Este programa de adestramento en danz divídese en dúas fases, unha primeira que se desenvolve do 4 ao 7 de xullo e unha segunda que terá lugar do 9 ao 12 de xullo. Son, explican desde a organización, “dúas fases de catro días, cinco horas e media de formación diarias, actividades colaterais, máis de oito profesionais implicados e coa dispoñibilidade absoluta dun espazo no que compartir información, experiencias e danza”. Neste edición asisten á formación arredor de 40 persoas, un grupo formado tanto por profesionais, como preprofesionais como afeccionados. 

Este programa formativo, detallan as súas responsables, “concíbese como unha experiencia intensiva e preprofesional de adestramento en danza”. Trátase, apunta a organización, dunha preparación moi física para a danza pensada para persoas interesadas nunha formación neste eido de nivel medio-alta, xa sexan profesionais, estudantes de danza e artes do movemento ou persoas afeccionadas. Enxebre está en marcha desde o ano 2015, e cada ano, indican as súas directoras, “convoca a un maior número de participantes”, entre os que sempre están artistas involucrados no festival. Nesta edición, entre o panel de docentes están Raúl Martínez, Victoria P Mirandaya, Art of Human Movement, Jesús Rubio, Jurij Konjar, Christian Ureña, Vero Cendaya ou Lucía Marotecarla e Guillermo Aguilar. “Estas clases son un auténtico luxo, son de moi alto nivel”, recalca Marta Alonso, lembrando o carácter case único desta iniciativa no panorama escénico estatal.