DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles Cancela é a nova directora do programa en Creatividade e Innovación Social e Sostible 

A covid-19 fai temporalmente virtual a formación no doutoramento do Campus Crea

Dirixido a promover investigacións interdisciplinares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/11/2020

Dirixido a promover investigacións de carácter interdisciplinar, que vinculen cando menos dúas das súas seis liñas de traballo, o programa de doutoramento do Campus Crea desenvolve nestas semanas unha serie de seminarios formativos que, por mor da crise sanitaria, tiveron que reconverterse en virtuais. “Foi un cambio totalmente forzado, pero que tamén estanos a valer como proba, para saber se facer os seminarios vía online pode facilitar que haxa máis alumnos matriculados nestes”, sinala a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Ángeles Cancela, nova directora deste programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable.

Docente do Departamento de Enxeñaría Química e subdirectora da EE Forestal, Cancela tomou este curso o relevo da profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto á fronte dun programa xurdido hai catro anos ao abeiro do proxecto de especialización do campus pontevedrés. “O doutoramento xa está totalmente formado, agora a idea é darlle continuidade, tratar de potencialo e darlle visibilidade”, salienta Cancela, que sinala que un dos motivos que a levou a situarse á fronte do doutoramento, que ten na profesora da Área de Ciencia Política e da Administración Rosa Ricoy a súa nova secretaria académica, foi o de tratar de potenciar nel “os perfís de ciencias e de enxeñaría”, tendo en conta, lembra, que a creatividade e a innovación “é algo preciso en todos os campos”. 

Investigacións nacidas da interdisciplinariedade

O doutoramento do Campus Crea abrangue seis liñas de investigación; Innovación en saúde, coordinada por Carmen Iglesias; Innovación, sustentabilidade e comunicación, que ten á fronte a Fernández Souto e Miguel Cuevas; Deseño e innovación social, coordinada por Lola Dopico; Innovación e sustentabilidade dos recursos naturais, da que se responsabilizan Juan Picos e Enrique Valero; Gobernanza e innovación, coordinada por Ricoy e Celso Cancela, e Innovación pedagóxica na profesionalización docente, que ten á fronte a Antonia Blanco. “Na dirección das teses teñen que participar docentes de dúas destas seis liñas”, sinala Cancela, que incide en que, deste xeito, lógrase unha interdisciplinariedade, “que che facilita facer unha tese que doutra forma non sería posible levar cabo”. 

Con este punto de partida, as investigacións que nestes anos se desenvolven ao abeiro deste programa comprenden desde a obtención de tintas a partires de materiais naturais para procesos de gravado ou estampado ao estudo do valor que poden ter as redes sociais en situacións de emerxencias como un lume forestal, pasando polo deseño de prendas con sensores que permitan controlar variables corporais.

Un cambio obrigado con boa acollida

Con 12 novos matriculados no presente curso, no que se prevé que o programa cubra, no período de matrícula que se abrirá en febreiro, as súas 20 prazas de novo ingreso, “algo que se acadou en todos os cursos ata agora”, o doutoramento desenvolve nestas semanas un programa de seminarios a través de Campus Remoto. Tralo taller de presentación de liñas de investigación, a pasada semana tivo lugar un seminario de comunicación en público, ao que se suman nestes días os talleres sobre metodoloxías de investigación, sobre difusión científica e sobre acceso, xestión e avaliación de publicacións. Este cambio á modalidade virtual contribuíu, como sinala Cancela, a que algúns destes cursos sumasen máis de 30 matriculados e matriculadas, o que a leva a incidir en que, nunha futura reforma da memoria do programa, podería avogarse polo seu cambio a esta modalidade, xa que isto permitiría “facer o doutoramento desde outras zonas”. 

Dado o carácter interdisciplinar deste doutoramento, trátase, como sinala Cancela, de “seminarios que dan unha visión global e nos que se procura explicar como tería que desenvolverse unha investigación en todas as áreas que cubre o programa”. Partindo desa idea e co obxectivo de que os futuros doutores e doutoras poidan formarse nos “diferentes métodos de investigación, que poderán aplicar en maior ou menor medida nos seus campos”, no presente curso sumarase a esta serie de actividades un novo seminario de metodoloxías de investigación cualitativa, dirixido a abordar en maior profundidade as súas principais técnicas, “como a entrevista, a observación e os grupos de discusión”. Así mesmo, o doutoramento tamén estreará no segundo cuadrimestre un seminario sobre bases de datos normativas, “no que se pretende dar a coñecer como utilizar a normativa e a xurisprudencia en casos concretos”, tendo en conta, como salienta a súa directora, “que fagas a investigación que fagas, sempre hai unha regulación que é necesario ter en conta”.