DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Universidade de Vigo e o Consello Galego de Relacións Laborais

A covid-19 fai virtual e “máis necesario que nunca” o curso sobre negociación colectiva

Abriu a súa terceira edición cunha conferencia sobre os efectos da pandemia neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/09/2020

A situación sanitaria xerada pola covid-19 provocou que o terceiro Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral, que o Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo promove xunto co Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) mudase o formato semipresencial de anos anteriores para dar inicio a unha edición completamente virtual. Dirixido polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza e a profesora deste departamento Emma Rodríguez, o curso celebrou na tarde deste xoves a súa sesión inaugural, na que se puxo o foco en que a crise xerada pola covid-19 fai “máis necesaria que nunca”, como salientou a secretaria xeral do CGRL, Marisa Castro, unha actividade formativa dirixida a “mellorar a negociación colectiva en Galicia”, como engadiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto.

Preto de 30 alumnos e alumnas, entre os que figuran tanto estudantado e titulados universitarios como cadros das organizacións sindicais e empresariais e profesionais das áreas de recursos humanos e relacións laborais, participarán ata decembro na terceira edición dun curso que abriu unha conferencia da catedrática da Universidade de Córdoba Carmen Sáez, centrada nos efectos da pandemia sobre a negociación colectiva. Desenvolvida a través da plataforma Zoom, a apertura contou coas intervencións de Soto, Cabeza e Castro, así como de Jesús Castro, Beatriz Meilán, Francisco González e José Antonio Neira, en representacións de CCOO, UGT, CIG e da Confederación de Empresarios de Galicia, respectivamente. “Vivimos tempos complexos, marcados por un conxunto de cambios provocados pola pandemia que nos están a afectar a todos e a todas, polo que a negociación colectiva cobra gran protagonismo neste momento”, salientou Soto neste acto virtual. Jaime Cabeza, pola súa banda, puxo de relevo que, do mesmo xeito que a pandemia fixo que o curso que ata agora celebraba no campus de Pontevedra as súas sesións presenciais tivese este ano que enfrontarse ao “reto da teleformación”, as TIC tamén poderán servir para evitar que a negociación colectiva quede “estancada” ante a imposibilidade de celebrar certas reunións presenciais.

Xurdido da colaboración entre Universidade de Vigo e CGRL, este curso de formación de preto de 70 horas desbotou nesta edición o seu formato habitual tanto por contar con docentes procedentes de diferentes puntos de España como por reunir alumnado de diferentes puntos de Galicia. Non obstante, mantén, como sinalou Cabeza, a súa “idea orixinaria da semipresencialidade” para posteriores edicións, xa que, sinalou, “seguramente haberá moitos máis se conseguimos manter o interese por algo tan sensible, tan importante e tan transformador da nosa sociedade como é a negociación colectiva”. 

Formación teórica e práctica 

Nun ano marcado pola “conflitividade laboral, a rapidez dos sistemas extraxudiciais e o que implica a negociación colectiva na xestión das relacións laborais non poderían ser máis importantes”, salientaba a profesora Emma Rodríguez antes do arranque dun curso que se desenvolverá a través de Campus Remoto e que combina contidos teóricos e prácticos nos cinco bloques nos que se estrutura. Impartido unha vintena de profesores e profesoras, tanto da institución viguesa como doutras universidades españolas, así como por representantes das organizacións sindicais e empresariais e profesionais da avogacía e a inspección de traballo, o curso afondará en primeiro termo en cuestións relativas á concertación social, a estrutura e os procedementos de negociación ou a interpretación e aplicación dos convenios e os “puntos críticos" na súa negociación. Tamén se deterá nos aspectos estratéxicos e técnicas de negociación e nos acordos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos e individuais, á vez que contará cun módulo sobre comunicación e intelixencia emocional, impartido por profesorado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Por último, completarase cunha parte dedicada á análise de casos reais e experiencias de mediación e arbitraxe e coa sesión de clausura que impartirá a catedrática da Universidad Complutense de Madrid e ex-presidenta do Tribunal Constitucional María Emilia Casas.

As "insuficiencias" detectadas pola pandemia

Negociación colectiva en tempos de pandemia foi o título da conferencia coa que Sáez Lara, que foi tamén letrada do Tribunal Constitucional e conselleira do Consejo Consultivo de Andalucía, abriu o curso. Nela puxo o acento como a pandemia “puxo de relevo moitas insuficiencias” e a necesidade de “regulación de certos temas” referidos ao teletraballo ou o desenvolvemento de medidas de conciliación “ante necesidades extraordinarias e de emerxencia”, nos que “ten que introducirse a negociación colectiva”. 

Previamente, detívose en como, tralo aumento no número de convenios colectivos asinados que viña producíndose desde 2013, a crise da covid-19 supuxo “unha fenda nun camiño de recuperación” da negociación colectiva, “que pasou a ser un instrumento indispensable”. Máis ao mesmo tempo, puxo en valor como nesta etapa produciuse unha “revitalización do diálogo social”, na que tanto as organizacións sindicais como a patronal “están xogando un papel útil socialmente”, lembrando algúns dos acordos acadados neste meses, mesmo días antes de que se decretase o estado de alarma. Sáez detívose así mesmo nalgunhas das medidas “extraordinarias” aprobadas nos últimos meses, como o permiso retribuído recuperable ou o Plan Mecuida, así como no “notable incremento nun brevísimo espazo de tempo” do teletraballo.