DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O indicador Abanca-Foro de Coxuntura Económica descende un 34,5% en termos interanuais

A covid-19 orixinou un 'shock' sen precedentes na actividade económica de Galicia no mes de abril 

Amosa o valor máis baixo do indicador da súa serie histórica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigar
DUVI 07/07/2020

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica amosou no mes de abril unha caída interanual do 34,5%, unha cifra que vai en liña co adiantado o 8 de abril polo Foro Económico de Galicia no seu documento sobre o impacto económico esperado do confinamento e no que se cuantificaba a caída de actividade no entorno do 40%. Cómpre lembrar que abril é o primeiro mes completo no que se amosan os efectos da pandemia da covid-19.

Esta cifra proporciona unha boa pista de que é o que pode acontecer no segundo trimestre, tras un primeiro no que o PIB galego caeu un 3,6%, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). Aínda así, a caída interanual en maio e xuño será moi inferior, podéndose prever que no conxunto do trimestre vai moverse preto do anticipado polo Banco de España para o conxunto da economía española (-22%). Porén, os datos parciais dispoñibles apuntan a que, de novo, o afundimento será algo menor en Galicia. 

Outro récord negativo que se a acadou é que todas as variables conxunturais experimentaron un retroceso en termos de variación interanual. De todas elas tres foron as magnitudes máis afectadas con descensos superiores ao 70%: a matriculación de vehículos turismo, os viaxeiros entrados nos hoteis e o consumo de gasolina e gasóleo. No outro extremo situáronse as importacións e o transporte marítimo de mercadorías con descensos pouco significativos (inferiores ao 2%).

Un Indicador adaptado metodoloxicamente á nova situación económica

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica tamén se viu afectado pola covid-19, sendo necesario modificar o seu deseño metodolóxico. A anterior metodoloxía, que tan ben se viña axustado á medición da actividade económica galega, amosouse incapaz de recoller un golpe tan fondo como o acontecido, algo que lle está a ocorrer a todos os indicadores de actividade usados por diferentes institucións nos distintos países
Nomeadamente foron tres os cambios que se precisaron realizar: substituír o traballo coa serie histórica de variables pola consideración en exclusiva da taxa de variación inter-anual do mes de abril; incorporar á variable “afiliacións na Seguridade Social” os ERTEs rexistrados para reflectir de maneira máis fehaciente a repercusión no eidolaboral e eliminar das quince variables orixinais as dúas relativas á vivenda, ao non poder dispor dos datos correspondentes ao último mes.

En todo caso mantense do deseño orixinal o panel de variables (agás as referidas de vivenda) e as ponderación relativas de cada unha delas, baseada na “carga factorial” de cada compoñente.