DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle a exposición ‘Vacas, cerdos, ferias y brujas’

Creacións e investigacións que se unen na fuxida

Reúne unha serie de obras vinculadas ás teses de Ventura Pérez, Andrea Torres e Rebeca Lar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/05/2021

A fuxida como un termo que alude á liberdade que implica rebelarse contra o establecido, que fala da necesidade, humana e animal, de escapar do conflito e da violencia e que afonda en como a arquitectura pode chegar a evadirse do territorio que habita. Este concepto polisémico serve como nexo de unión entre as obras que Ventura Pérez, Andrea Torres e Rebeca Lar desenvolveron nos últimos anos de xeito paralelo as investigacións que centran as súas teses de doutoramento. Baixo o título de Vacas, cerdos, ferias y brujas, a Sala X reúne deste este venres as creacións destes tres investigadores e artistas, nunha exposición que, partindo desa idea da fuxida, conecta temáticas como as utopías, o feminismo e o animalismo a través de instalacións, fotografías, pinturas, esculturas e creacións audiovisuais.

Buscar nas súas tres investigacións “un mínimo común múltiplo, unha conexión entre as nosas teses” constituíu, como salientou Ventura Pérez, o punto de partida desta exposición, que poderá visitarse ata o 16 de xuño. Unha conexión que tivo como eixo esa idea da “fuxida como un concepto polisémico”, que as súas investigacións analizaban desde “diferentes perspectivas”, como explicou na inauguración desta exposición, na que estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Jorge Soto; a coordinadora da Sala X, Chelo Matesanz; e a directora de Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. “Ser capaz de conceptualizar en diferentes obras, en diferentes materiais, esa idea común de fuxida non é doado”, salientou Soto neste acto inaugural desta exposición, que se ve complementada pola publicación dun fanzine no que estres tres investigadores afondan nos seus procesos creativos e investigadores. 

Violencias das que fuxir

A idea de “intentar escapar do que nos oprime”, sexa dunha “situación de cativerio ou dun conflito” conectan nesta exposición o concepto de fuxida coa investigación que Andrea Torres desenvolve para a súa tese, na que afonda na “transversalidade e interseccionalidade entre distintas violencias”. Como apunta na publicación que acompaña á mostra, “ao final todas as violencias gardan moita relación entre si, aínda que non o percibamos, case todas elas teñen a súa orixe nun prexuízo de superioridade”. Nese senso, na mostra presenta pezas como Migración ou o vídeo Libres, no que a representación de paxaros mortos “actúa como metáfora dos milleiros de persoas que fuxindo do conflito armado do seu país, falecen no mar”. Mais tamén outra serie de obras como como Armados, Volaré bien ou Lección 34. Adoctrinamiento a la violencia especista que constatan un “cambio de rumbo” na súa investigación, que desenvolve baixo a dirección de Sol Alonso e que pasou a centrarse na “violencia obxectiva, invisible, imperceptible e anónima e, mais concretamente, na violencia especista”, promovendo unha reflexión sobre como como aos “animais non humanos” se lles nega o que á súa vez é “considerado como o ben máis precioso do ser humano”, a liberdade. 

A fuxida como liberación

A figura da bruxa constitúe o núcleo temático da tese que Rebeca Lar desenvolve baixo a dirección de Susana Cendán; figura que nesta exposición se conecta coa fuxida “a través do movemento da liberdade da muller, da bruxa como unha outsider, capaz de revelarse”. As súas obras afondan nese senso en como esta figura foi representada ao longo da historia como “unha muller malvada”, perpetuando “estereotipos e roles sexistas”, que a súa creación artística busca reverter desde unha mirada feminista que “identifica o bruxesco cun símbolo de revolución”. Con ese propósito, Rebeca Lar desenvolveu obras como Borrar las mentiras, que tratan de eliminar esas connotacións negativas que recollidas en textos como o tratado Malleus Maleficarum, ou Testigos de confianza, na que reinterpreta o “elemento inquisitorial da coroza”. As gargalladas asociadas á figura da bruxa na historia do cinema reflíctense por outra banda na instalación audiovisual que a artista suma á exposición, á vez que serven como punto de partida para creacións pictóricas como Sortilexio, “un traballo inspirado visualmente no tarot”, mentres que outra das obras, Amelia, Agustina y la Zapatera, amosa como as bruxas foron achegando a súa investigación “ao territorio da memoria histórica”.

Arquitecturas en fuxida

Un conxunto de pezas arquitectónicas en miniatura conforman a obra que Ventura Pérez presenta nesta exposición e que deriva da tese que defendeu recentemente e que levou a cabo baixo a dirección de Mónica Ortuzar. A idea das feiras e dos parques de atraccións como construcións que “no seu afán lúdico recollían diferentes fragmentos do mundo nun só emprazamento” constitúen o punto de partida dunha reflexión que o levou a afondar na idea dos rañaceos como construcións que “fuxían do territorio” no que se alzaban. Deste xeito, a idea da “construción evasiva”, que presenta a fuxida non como unha resposta a un perigo, senón como como unha “actitude que nos libera dun contexto alienador”, serviu como inspiración para esta serie de miniaturas cerámicas de aparencia arquitectónica, que presenta sobre unha serie de estruturas de ferro xunto a “teselas que recollen o relieve xeográfico español, fraccionado e obxectualizado”. Un conxunto de pezas arquitectónicas que, sinala, defínense como “unha forma de estar no mundo”, de tal xeito que representan un “territorio portátil, que se pode case que gardar no peto, como se fose un modo de fuxir do mundo”.