DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel ofrecerase información de resultados de investigación maduros

A crise da COVID-19 impulsa a creación do Escaparate Virtual de Transferencia da Universidade

A iniciativa pretende fomentar a colaboración do persoal investigador co tecido industrial galego

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI 20/04/2020

A Universidade de Vigo pon en marcha a creación dun Escaparate Virtual de Transferencia para visibilizar os resultados e as capacidades dos diferentes grupos de investigación da institución académica que teñan unha aplicabilidade e transferencia directa ás empresas e aos diferentes organismos da administración pública. A iniciativa arranca tendo en conta as dificultades económicas derivadas da pandemia da COVID-19 e “as funcións e obrigas que como universidade temos coa nosa sociedade”, tal e como destaca María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia.

Dende o ano pasado, explica María Consuelo Pérez, a súa vicerreitoría, en colaboración coa Oficina de I+D da Universidade, tiña en mente a elaboración deste Escaparate Virtual de Transferencia. “Non é algo improvisado, xurdido polo crise da COVID-19, é un proxecto moi pensado e planificado dentro dun proxecto máis amplo da Vicerreitoría de Transferencia”, sinala a responsable académica. Grazas a esta planificación previa, engade, o proxecto “pode ser moi importante non só para estes momentos de crise sanitaria, senón para axudar ao tecido empresarial galego ante a posterior crise económica que lamentablemente virá”. 

O Escaparate Virtual de Transferencia, comenta a vicerreitora, proponse como “unha ferramenta que lle permitirá ás empresas visualizar de xeito áxil o coñecemento desenvolvido polo noso persoal investigador e poder espertar o seu interese”. Ao mesmo tempo, engade, “servirá para que se establezan de xeito máis estable canles de comunicación permanente entre o tecido produtivo e os grupos de investigación: os grupos da universidade teñen o coñecemento mentres que as empresas saben o que demanda a sociedade e como trasladarllo”. A idea, apunta, non é a posta en marcha dunha páxina web senón dun catálogo virtual de áxil manexo.

Primeiro obxectivo, ámbitos relacionados directamente coa COVID-19

A iniciativa, indican desde a súa organización, xorde con dous obxectivos. O primeiro, a curto prazo, proponse recadar toda a información de produtos/procesos/capacidades/servizos que se poidan implementar de xeito áxil e rápido nunha empresa en ámbitos relacionados directamente coa COVID-19. “Deste xeito, axudaríamos a que as empresas desen unha resposta case inmediata na fabricación de produtos de todos os ámbitos para solventar as carencias que se evidenciaron na situación actual”, sinala a vicerreitora de Transferencia. Como exemplo da combinación dos coñecementos existentes na Universidade coa capacidade produtiva da empresa, María Consuelo Pérez apunta á iniciativa EscudoCovid19, coordinada pola UVigo e Asime e que coa participación de case unha vintena de empresas está a fabricar produtos, como pantallas protectoras, para a loita contra o coronavirus. A medio e longo prazo, o obxectivo desta ferramenta sería, apuntan desde a vicerreitoría responsable, amosarlle ás empresas aqueles produtos/procesos/capacidades que non respondan a unha situación de emerxencia como é a actual senón que o escaparate sexa a ferramenta á que se acheguen as empresas para atopar novas ideas, novos produtos ou novas maneiras de facer as cousas.

Na actualidade, subliña María Consuelo Pérez, o proxecto está na primeira fase, que é a de recompilación da información. Concretamente, apunta, estase a recompilar información daqueles resultados de investigación cun nivel de madurez da súa tecnoloxía TRL5 ou TRL6 e que polo tanto se atopan en fase de desenvolvemento e valoración ou ben ideas de negocio. Neste contexto, apunta a vicerreitora, “facemos unha chamada urxente a todos os investigadores e investigadoras para que cubran o formulario habilitado coas súas ideas/produtos/proxectos relacionados coa COVID-19”. Desde a vicerreitoría organizadora salientan como na iniciativa poden participar todos os membros da comunidade universitaria, de calquera ámbito de coñecemento, “que consideren que teñen algo que as empresas poden empregar”.  

Amosando o seu desexo de que este proxecto se poida “ampliar a todo o sistema universitario galego”, a vicerreitora de Transferencia apunta a importancia de fomentar a transferencia co sector industrial galego tendo en conta como “a Universidade non ten capacidade produtiva e por iso, a combinación coñecemento-capacidade produtiva permite establecer a colaboración necesaria para acadar grandes logros”.