DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de propostas remata o 18 de maio

A cuarta edición da bolsa Fundación Dorzán premiará un estudo sobre a atención de persoas maiores

Pode participar alumnado e PDI do campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 04/02/2020

A Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade, convoca anualmente coa colaboración da Universidade de Vigo unha bolsa destinada a fomentar a investigación sobre as persoas maiores. A cuarta edición desta iniciativa xa está aberta e os seus responsables convidan a alumnado e persoal docente e investigador a presentar propostas que poidan contribuír a mellorar a calidade de vida deste colectivo.

A bolsa é froito dun convenio marco de colaboración asinado en 2017 entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán. A través da súa convocatoria, a fundación financia un único traballo coa cantidade de 1500 euros, podendo participar alumnado matriculado durante o curso 2019/2020 na Universidade de Vigo-Campus de Ourense e persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo. Poden presentarse tanto persoas físicas como grupos de investigación. O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 18 de maio de 2020.

Diferentes áreas temáticas

Os proxectos de investigación que se presenten a esta convocatoria deberán centrarse, preferentemente, nunha ou varias das áreas temáticas relacionadas coa xerontoloxía e ou a xeriatría, desenvolvidas no ámbito comunitario ou desde algún dispositivo pertencente á rede asistencial de atención ás persoas maiores. Entre as liñas financiables están estudos sobre estereotipos, prexuízos, discriminación ou coñecementos relacionados co envellecemento e os seus procesos; deseños ou validación de instrumentos de avaliación xeriátrica ou xerontolóxica e programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou ao fomento do envellecemento activo.

Outros temas de interese para esta convocatoria son a promoción de hábitos e comportamentos que contribúan a mellorar a saúde deste colectivo; innovacións tecnolóxicas que favorezan a atención da terceira idade e investigacións e programas de prevención de accidentes ou de intervención preventiva ou correctiva dirixidos a reducir a incidencia e prevalencia de enfermidades ou trastornos psicosociais frecuentes. Completan este listado programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores con enfermidades neurodexenerativas ou dos seus coidadores ou calquera investigación, programa de intervención ou desenvolvemento tecnolóxico que contribúa a mellorar o benestar, a saúde ou a imaxe social das persoas maiores. Os estudos deben enmarcarse en Galicia, cun ámbito preferente de actuación na provincia de Ourense. Na valoración dos proxectos teranse en conta factores como a experiencia da persoa solicitante e a innovación, a calidade científico-técnica e a viabilidade e aplicabilidade do traballo.

Os precedentes

Na súa primeira edición gañou a bolsa o proxecto Deseño dunha ferramenta de avaliación do 'elderspeak' ou 'hablageria' para profesionais en contornas de atención a persoas maiores, do profesor asociado da Facultade de Ciencias da Educación Miguel Ángel Vázquez. O galardón da segunda edición recaeu no estudo Presencia e potencialidades da educación social no ámbito da intervención con persoas maiores, promovido polos membros do Grupo PT1 Psicoloxía da Saúde José María Faílde, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación, e Laura Ruiz, investigadora predoutoral. Por último, o pasado ano o gañador desta iniciativa foi o proxecto Intervención socioeducativa desde a educación social en persoas maiores con alzhéimer ou outras demencias, de María D. Dapía, profesora do mesmo centro do campus de Ourense.