DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total, comprende 17 alternativas formativas para as que está aberta a matrícula

A cuarta edición do Itinerario Virtual de Formación en Xénero estrea oito novos cursos

Abranguen dende o eido afectivo-sexual ata a perspectiva de xénero da investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/03/2021

En marzo de 2020 e coincidindo coa celebración do 8M, presentábase no campus de Ourense o estudo Valoracións, percepción e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo. Unha das súas principais conclusións era que o 70% dos membros da comunidade universitaria querían mellorar os seus coñecementos sobre igualdade. Desa necesidade naceu o Itinerario Virtual de Formación en Xénero, unha iniciativa formativa da Unidade de Igualdade que xa acada a súa cuarta edición. O obxectivo é ofertar un catálogo de cursos de diferentes temáticas que axuden a incrementar a calidade na docencia universitaria a través da incorporación da formación teórica en xénero e da inclusión do enfoque de xénero. 

Máis de 2800 persoas da comunidade universitaria participaron xa nalgunha das edicións do itinerario, unha cifra que dende a Unidade de Igualdade agardan que siga crecendo. En total, nesta cuarta edición ofértanse 17 cursos, oito deles novos, que se veñen a sumar ao catálogo xa existente. Como remarca Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, os cursos abranguen dende o eido afectivo-sexual ata a perspectiva de xénero da investigación pasando polas políticas públicas de igualdade, tratando de ofertar formación “nos eidos nos máis carencias hai, segundo recollemos nas enquisas de avaliación das edicións anteriores”. 

Os cursos son en liña e permiten que cada persoa se conecte cando teña maior dispoñibilidade, xa que son pre-gravados. Trátase de ofrecer unha formación “masiva e flexible” que se adapte ás demandas dos membros da comunidade universitaria. Así, o obxectivo final é que cada traballador ou traballadora e cada alumno ou alumna da UVigo poida pasar por algún deste cursos nalgún momento, tratando así de estender a perspectiva de xénero en todos os planos e eidos da vida universitaria. De feito, engade Águeda Gómez, dende a Unidade de Igualdade e dende a Reitoría están a avaliar a posibilidade a abrir o itinerario, nun futuro, a toda a sociedade, estendendo as achegas das destacadas expertas que imparten os cursos, a toda a cidadanía, tras detectar “moita demanda, por exemplo, no profesorado de Secundaria”, entre outros colectivos.

Para os 17 cursos desta edición o prazo de matrícula está aberto ata o 31 de marzo. Cada unha das actividades, toda de balde, será certificada pola Universidade de Vigo. A formación para o alumnado será recoñecida por créditos ECTS, para o PDI terá o recoñecemento de Actividades de formación permanente e para o PAS computará como méritos para concursos.

Oito cursos novos...

Esta cuarta edición do itinerario inclúe oito cursos novos, que se suman aos que se viñan impartindo. Entre as novidades está Pensar o amor no século XXI, que imparte a profesora da UVigo Amada Traba xunto con Chis Oliveira e María Luisa Abad Abad, docentes de Secundaria. Outros dos cursos que se estrean son Políticas públicas de igualdade, da man de Laura Seara, ex directora Instituto da Muller; Novas masculinidades, impartido por Jorge García Marín, da Universidade de Santiago de Compostela; A prostitución no marco do capitalismo neoliberal, que impartirá Rosa Cobo, da Universidade da Coruña e Pornografía, que corre a cargo de Mónica Alario, da Universidad Rey Juan Carlos. 

Tamén son novidades nesta edición outros tres cursos que arrancaron no mes de febreiro co gallo da celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia: Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC, da man de Soledad Torres, docente da UVigo; Mulleres e ciencia, que imparten Nieves Lorenzo e Amelia Verdejo, da UVigo e Encina Calvo, da USC e A inclusión da perspectiva e a análise de xénero/sexo na investigación e a innovación, que imparte Capitolina Díaz, da Universidade de Valencia.

...e nove que volven a impartirse

A oferta complétase con outros cursos que xa se viñan impartindo no marco do Itinerario Virtual de Formación en Xénero nas pasadas edicións. Así, volven ofertarse A perspectiva de xénero na educación, da man de das profesoras das UVigo Mari Lires e Iria Vázquez; Economía de xénero, con Xulia González, da UVigo; Educación afectivo-sexual, con Carmen Ruiz Repullo, da Universidad Pablo Olavide; Introdución á perspectiva de xénero, que imparte a propia Águeda Gómez, xunto con María Ángeles Lemos, da UVigo; A comunicación e o xénero, da man de Isabel Menéndez, da Universidad de Burgos; A sostenibilidade da vida no centro. Conciliación e corresponsabilidade, con Enma Rodríguez, da UVigo; Normativa básica de xénero, con Imma Valeije, profesora da UVigo; O acoso sexual e o acoso en función do sexo: Unha inxustiza invisible, con Yolanda Rodríguez, da UVigo e O xénero e o sexo no século XXI, que imparte a docente da UVigo Beatriz Suárez Briones. 

A todos estes cursos, avanza a directora da Unidade de Igualdade, está previsto que se sumen outros. Por unha banda, un sobre xénero e intelixencia artificial, que impartirá a catedrática Amparo Alonso Betanzos, presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial e coordinadora do grupo de investigación LIDIA da Universidade da Coruña e membro do Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Tamén están a traballar para poñer en marcha un curso centrado no eido da investigación, dando resposta a unha demanda do PDI ante os novos requisitos das convocatorias europeas Horizonte 2020 en relación á perspectiva de xénero.