DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese a inscrición nos sete talleres impulsados pola Vicerreitoría para o segundo cuadrimestre

O cultivo de cogomelos e o adestramento mental no deporte súmanse á oferta de obradoiros do campus

Escalada en rocha, cerámica, lingua de signos, deseño web e control de son completan a programación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Deportes
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 21/01/2020

Sete talleres abertos ao conxunto da cidadanía conforman o programa de obradoiros de Extensión Universitaria impulsado pola Vicerreitoría do campus para o segundo cuadrimestre. De 30 e 32 horas de duración, entre esta serie de talleres, que este mércores abren o seu período de inscrición na plataforma Campusactivo, figuran novas propostas como o cultivo de cogomelos ou o adestramento mental no deporte, así como un curso de escalada en rocha ou un taller de iniciación á cerámica. Xunto a estas actividades, entre febreiro e abril desenvolveranse no campus novas edicións dos obradoiros de creación de páxinas web con Wordpress, control de son en radio e lingua de signos.

Cun prezo de 40 euros para o público xeral, cun 35% de desconto para as e os integrantes da comunidade universitaria, e recoñecidos cun crédito ETCS, este programa de obradoiros busca tamén servir como complemento á formación do alumnado das diferentes titulacións do campus. “O interesante desta formación complementaria é que vén a cubrir moitos intereses do alumnado que ao mellor non se atopan nos currículos oficiais”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que destaca que esta programación, que oferta en conxunto máis de 100 prazas, “ten un sentido de aprendizaxe permanente, busca contribuír á formación integral do alumnado”.

Cogomelos, escalada, cerámica e preparación de deportistas

Deste programa forman parte actividades que se desenvolverán por primeira vez no campus pontevedrés, como o taller Cultivo doméstico de cogomelos saprotróficos, dirixido pola profesora da Facultade de Bioloxía María Luisa Castro. Proporcionar ao alumnado coñecementos e destrezas básicas para iniciarse no seu cultivo é o obxectivo central dun obradoiro que se desenvolverá entre febreiro e maio na Escola de Enxeñaría Forestal. Outra das novidades será o obradoiro Metodoloxía do rendemento: adestramento mental integrado no contexto deportivo, que o consultor, coach e alumno de doutoramento Hugo Fernández impartirá en marzo en Ciencias da Educación e do Deporte xunto co profesor Rubén Domínguez e a adestradora nacional de ximnasia rítmica Miren Aiala e no que buscarán achegar ao alumnado ferramentas de intervención para unha mellora do rendemento deportivo.

Dando continuidade aos anteriores obradoiros de escalada en rocódromo, neste cuadrimestre celebrarase por primeira vez, no mes de abril, un curso de Escalada en rocha en vías equipadas dun longo. Dirixido polos profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, responsables de impartilos xunto co técnico de escalada José Juan Domínguez, trátase dunha actividade que se desenvolverá tanto no rocódromo da facultade como na serra do Galiñeiro e para a que é recomendable ter realizado previamente un curso de iniciación. Tamén no mes de abril, Belas Artes acollerá un obradoiro de iniciación á cerámica, impartido pola graduada e técnico en escultura María Teresa Pece, que buscará achegar aos e ás participantes as técnicas básicas de construción e decoración de pezas cerámicas.

Radio, creación web e lingua de signos

Neste segundo cuadrimestre desenvolverase tamén unha nova edición do taller Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress, que entre febreiro e abril buscará amosar ao alumnado como desenvolver un sitio web co xestor de contidos co que foron realizadas preto dun terzo das páxinas existentes no mundo. Dirixido polo profesor Xabier Rolán, o taller buscará achegar tamén ao alumnado conceptos de deseño web, márketing dixital e creación de contidos optimizados para buscadores. 

Tamén entre febreiro e abril celebrarase na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha nova edición de Comunícate coas mans II. Lingua e cultura de signos da comunidade de xorda, un taller dirixido pola profesora Ana Fernández Soneira que dá continuidade aos obradoiros de iniciación celebrados no primeiro cuadrimestre, co propósito de que as e os participantes poidan afondar no coñecemento da lingua de signos española. Nesta facultade terá lugar tamén, no mes de marzo, o taller Control de son en radio, impartido pola catedrática Aurora García e o técnico e locutor José María Bará, que buscará familiarizar ao alumnado co posto de control e os diferentes compoñentes dunha emisora de radio, así como no manexo de programas de edición de son.