DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha trintena de persoas participan nesta formación de carácter virtual

Un curso achégase ao potencial da biomasa residual como fonte de produtos de alto valor engadido

Céntrase no aproveitamento de subprodutos da industria agroalimentaria e forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 10/09/2021

Unha trintena de investigadoras e investigadores participan esta semana no curso Potencial da biomasa residual como fonte de produtos de alto valor engadido: un avance cara a sostibilidade, dirixido desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense por Beatriz Gullón, Gil Garrote e Pablo García, do grupo de investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1 da UVigo. Na formación, que se imparte de xeito virtual, afóndase na revalorización de biomasa residual no contexto da bioeconomía e a economía circular, achegándose ao aproveitamento de subprodutos da industria agroalimentaria e forestal, como palla de cebada, aceites vexetais ou restos de patacas.

Segundo explican desde a súa organización, son varios os obxectivos desta acción, que se enmarca dentro da programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do Campus de Ourense, que conta con financiamento da Deputación de Ourense. A maioría das persoas inscritas son estudantes que están facendo o seu doutoramento ou traballo fin de grao en temáticas relacionada coas do curso en diferentes universidades, como son a de Vigo, Santiago de Compostela, Valladolid, País Vasco e Politécnica de Madrid. Igualmente, as e os relatores proceden de distintas institucións académicas de España e Portugal, como as citadas universidades ou a Universidade Católica Portuguesa e os centros tecnolóxicos Ciemat e Cetim.

Visión global pero tamén práctica

O curso, detallan as e os seus responsables, quere proporcionar una visión global sobre o potencial da biomasa residual coma una fonte renovable de produtos de valor engadido e dotar ás e aos asistentes dos coñecementos básicos sobre os distintos procesos e tecnoloxías usados para a transformación da biomasa en biocompostos, bioenerxía e biomateriais. Ademais, engaden, quere dar a coñecer o potencial bioactivo das diferentes biomoléculas presentes na biomasa residual así coma os seus efectos beneficiosos para a saúde e achegar ao alumnado “a importancia de promover a transición dunha economía lineal cara outra circular, centrada na reutilización dos recursos presentes nos residuos, co fin de acadar un desenvolvemento sostible da nosa sociedade”. A estes obxectivos únese o interese por parte da súa organización de dar difusión aos traballos de investigación relacionados coa valorización de residuos agroindustriais desenvolvidos na Universidade de Vigo e noutras universidades españolas.

A programación do curso comezou abordando a valorización de residuos, o aproveitamento das fraccións de azucres (C5 e C6) da biomasa lignocelulósica e a integración da valorización do residuo de palla de cebada nunha biorrefinaria para a produción de etanol e xilooligosacáridos. A revalorización da biomasa residual nun contexto da bioeconomía e a economía circular; a obtención de biomateriais baseados en aceites vexetais e a práctica de produción de bioetanol a partir de biomasa lignocelulósica foron os protagonista da segunda xornada. Ao longo desta semana tamén houbo unha sesión dedicada á economía circular e o novo paradigma de sostibilidade, con exemplos da valorización de residuos; as tendencias técnicas de extracción na separación de compostos de interese e novos disolventes e a práctica de extracción de compostos bioactivos a partir de residuos agroindustriais.

Se a sesión do xoves estivo centrada nos procesos de intensificación para a extracción de compostos bioactivos na valorización de biomasas vexetais, a obtención de biomoléculas a partir de residuos forestais e as peles de pataca como fonte de compostos bioactivos, o curso está previsto que remate este venres cunha xornada sobre a avaliación das propiedades bioactivas potenciais en subprodutos agroindustriais, os ingredientes funcionais como os prebióticos e os antimicrobianos naturais.

A iniciativa enmárcase na liña de traballo dos seus responsables, que na actualidade desenvolven xunto a outros membros do grupo BV1 da UVigo diferentes proxectos de investigación neste eido, como o proxecto Avances cara unha biorrefinería sostible baseada na valorización de especies invasoras Biososinv (financiado pola convocatoria de 2019 de Proxecto de I+D+i de Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación) e Tec-SosVal (financiado pola Xunta de Galicia), que explora a obtención de biomoléculas a partir de subprodutos do procesado do melón e da pataca.