DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo da catedrática da Universidad de Sevilla Concepción Horgué

O Curso de Actualización Xurídica péchase cunha conferencia sobre transparencia na administración pública

Na súa intervención destacou a importancia do dereito de acceso da cidadanía á información pública

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 23/04/2021

O Curso de Actualización Xurídica da Facultade de Dereito do campus de Ourense pechou este venres a súa edición 2020/2021. Fíxoo cunha conferencia sobre a transparencia da actividade pública ofrecida por Concepción Horgué, catedrática de Dereito Administrativo da Universidad de Sevilla. Nela destacou a importancia política e xurídica do acceso da cidadanía á información dos poderes públicos para o correcto goberno dunha sociedade.

A conferencia, ao igual que as anteriores, celebrouse a través do Campus Remoto da UVigo. Na súa presentación, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, lembrou como o Curso de Actualización Xurídica naceu co obxectivo principal de facilitar unha formación complementaria multidisciplinar ao persoal docente e investigador e alumnado deste centro e para a súa actualización en temas xurídicos de carácter transversal ás diferentes áreas do dereito e de actualidade. Pola súa banda, Roberto Bustillo, profesor da Área de Dereito Administrativo da UVigo, área encargada de organizar esta última conferencia, destacou “os bos resultados formativos” do Curso de Actualización Xurídica. El foi o encargado de presentar á relatora poñendo de relevo a súa dilatada traxectoria no eido do dereito administrativo e apuntando como no caso concreto da transparencia, Concepción Horgué combina unha destacada traxectoria investigadora coa súa experiencia como secretaria xeral da Universidad de Sevilla.  

Requisito para unha sociedade democrática

Na súa intervención, Concepción Horgué salientou como “é difícil esaxerar a importancia política e xurídica do acceso á información dos poderes públicos para o correcto goberno dunha sociedade”. Hai, afirmou, “unha idea xeneralizada no momento actual de que unha sociedade democrática require que os cidadáns, por si mesmos e a través dos medios de comunicación social, poidan coñecer como actúan os poderes públicos e así poder controlalos, poder detectar o mal funcionamento e en calquera caso mellorar a calidade da xestión pública”.

Ao longo da conferencia, a catedrática explicou como a finais do XX e a principios deste século houbo unha expansión xeral de aprobación de leis de transparencia en toda Europa, América Latina e moitos países de África, Asia e Oceanía. Ademais, engadiu, a nivel supraestatal, o Consello de Europa aprobou un convenio sobre acceso aos documentos públicos que “contén xa un estándar desde o que referenciar a regulación interna dos estados”. Polo que respecta a España, Concepción Horgué indicou como “o noso país é un dos máis tardíos en regular esta transparencia, ese dereito á información, cos caracteres mínimos que se entende que deben configurar esta normativa”, aínda que lembrou como desde o 2004 ou 2005 xa había un clamor social sobre a necesidade de elaborar unha lei ao respecto. Finalmente esa lei, actualmente vixente, chegou en 2013, coa aprobación da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, que a catedrática analizou na súa conferencia.

Sobre esta evolución no eido da transparencia, a relatora indicou como “o camiño cara a transparencia pública foi un camiño largo, tortuoso e moi custoso” pois, dixo, “neste ámbito sempre houbo unha certa resistencia, máis ou menos intensa, por parte dos responsables, por parte da burocracia, para publicitar, facer transparente, levantar o veo, abrir as ventás de como se xestiona a cousa pública”. Porén, Concepción Horgué lembrou o contemplando na propia lei de transparencia estatal de que “só cando a acción dos responsables públicos se somete a escrutinio, cando os cidadáns poden coñecer como se toman as decisións que lles afectan, especialmente como se manexan os fondos públicos ou baixo que criterios actúan as nosas institucións, poderemos falar verdadeiramente dunha sociedade crítica, esixente e participativa”. Neste senso apuntou a idea de que “a fiscalización da actividade contribúe á necesaria rexeneración democrática”.