DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa do GEAAT e do proxecto europeo rurAllure

Un curso para aprender a desenvolver proxectos no rural

O número de persoas inscritas ascende xa a un centenar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/01/2023

No marco da Rede Iberoamericana de Socialización do Patrimonio (Sopa), o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e o proxecto europeo rurAllure, poñen en marcha o curso Proxectos de socialización de memorias e patrimonios no medio rural. A formación ofrécese en liña a través da web ruralisto.org, unha iniciativa de emprego de base tecnolóxica nada co apoio da Universidade de Vigo e da súa fundación.

Segundo explica Óscar Penín, investigador do GEAAT e de rurAllure responsable da iniciativa e de ruralisto.org, o curso pretende amosar ás persoas inscritas como “desenvolver proxectos no rural, desde a conceptualización ata cousas tan necesarias como é a consecución do financiamento, tocando todos os paos precisos para o inicio e mantemento no tempo dun proxecto, sempre en coordinación e colaboración coa propia comunidade da zona, non de forma illada”. Con esta formación, sinala, “queremos compartir, desde as nosas experiencias, unha forma de facer na que desde os coidados, os afectos e os contextos, se configuren comunidades de aprendizaxe de procesos abertos e colaborativos”.

Proposta aberta, participativa e gratuíta

O curso está coordinado e conta coa docencia de, ademais de Óscar Penín, do arqueólogo catalán Juanjo Pulido e da arqueóloga de orixe sirio Sabah Walid, ambos membros tamén da rede Sopa. A formación ofrécese en liña e está composta por diferentes módulos temáticos nos que se parte de gravacións feitas ao longo dos últimos dous anos en Pedra, Festival de Saberes (que contou coa colaboración da Universidade de Vigo), gravacións que están localizadas no rural ourensán, nos concellos de Riós, Os Blancos, Allariz e Muíños. Os vídeos son ampliados con recursos de diferente tipo.  

“Esta proposta formativa é aberta, participativa, gratuíta e desenvólvese a través de catro módulos onde se abordan temas relacionados co mantemento, a comunicación e a preservación do patrimonio, xunto a outros como a consecución de financiamento”, resume Óscar Penín. Ao longo das sesións, as e os inscritos afondan en temas como a democratización da cultura e a socialización do patrimonio; a importancia dos coidados e de coñecer como se organizan as comunidades; a participación, a colaboración e a xestión comunitaria; a mediación cultural e como traballar en “beta”, o proceso de creación do proxecto. Tamén hai tempo no curso para falar de espazos e materiais; do rexistro e repositorios como procesos de aprendizaxes; de dinámicas de espazos de diálogo aberto; de intervencións sobre o propio patrimonio; de accións artísticas e de turismo. Para pechar a formación, ofrécese unha serie de consellos para conformar comunidade, para deseñar estratexias, para desenvolver os proxectos, para comunicalos e para visibilizalos.

A inscrición, coa que se dá xa acceso aos contidos do curso, iniciouse o pasado día 19 de xaneiro e estará aberta ata mediados de febreiro, ascendendo xa o número de inscritos e inscritas a un centenar, procedentes de países como Colombia, México e Arxentina, ademais de España e Portugal. “Estamos moi satisfeitos coa posta en marcha desta iniciativa. Co lanzamento deste módulo culmina un traballo de case unha década, dende que a Universidade de Vigo, a rede Sopa e a Asociación Cultural A Bela Auria xuntaron a máis de 200 investigadoras e investigadores alá polo ano 2014 no congreso SOPA de Celanova”, indica por último o investigador Óscar Penín.