DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido ao alumnado, o taller ‘Intelixentemente emocionais’ terá lugar o 29 e 30 de maio

Un curso para explorar e identificar as propias emocións

A Vicerreitoría promove tamén a X Semana de Recollida de RAEEs

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/05/2019

Dotar ao alumnado de estratexias e habilidades que lles axuden “no seu proceso de coñecemento e xestión das súas emocións, para conseguir unha mellor relación persoal con eles e elas mesmas e cos demais”, constitúe, segundo explica a responsable do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade, Isabel Ferreiro, o obxectivo central do curso Intelixentemente emocionais, que os días 29 e 30 de maio se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. De carácter gratuíto e con 30 prazas que se cubrirán por orde de inscrición na plataforma Culturxest, trátase dun taller promovido pola Vicerreitoría do campus, que o Gabinete Psicopedagóxico imparte por primeira vez en Pontevedra e que, a través dunha “metodoloxía dinámica, baseada nas propias experiencias do alumnado”, buscará contribuír a que os e as participantes recoñezan e identifiquen as súas emocións.

De 15 horas de duración, o taller combinará con ese obxectivo unha parte teórica, “necesaria para comprender os piares da intelixencia emocional”, explica Ferreiro, cun enfoque principalmente “vivencial e participativo”, no que se combinarán as dinámicas grupais e individuais. “Recoñecer as propias emocións e saber darlle o nome correcto, para logo poder coñecer esas emocións nos demais” constitúe nese senso, engade esta especialista en intelixencia emocional, un dos obxectivos centrais dun curso que busca dotar ao alumnado de recursos para potenciar o desenvolvemento das súas competencias emocionais e de estratexias que lles axuden a mellorar as súas “relacións interpersoais” e á eliminación “das barreiras que lles impiden gozar dun equilibrio emocional saudable”. 

O curso do que o Gabinete Psicopedagóxico promoveu xa varias edicións no campus de Ourense insírese así mesmo nunha serie de actividades coas que este servizo busca contribuír ao desenvolvemento de competencias persoais entre o alumnado, “que son de grande utilidade” tanto a nivel persoal como profesional, como sinala Ferreiro, “xa que se desenvolves a túa asertividade ou a escoita activa vas ser asertivo ou bo escoitador tanto no persoal como no profesional”, algo especialmente relevante, engade, nun campus “no que hai titulacións do ámbito educativo e sanitario”. 

A Semana de Recollida de RAEEs chega á súa décima edición

Ademais deste curso, a Vicerreitoría do campus tamén promove a vindeira semana a X Semana de Recollida de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), unha iniciativa inserida no plan de acción do programa Green Campus e dirixida a concienciar á comunidade universitaria da importancia do correcto tratamento deste tipo de residuos de carácter contaminante. Con ese propósito, entre o 27 e o 31 de maio instalaranse nas diferentes facultades e escolas do campus, así como na sede da Vicerreitoría, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil do campus, unha serie de colectores no que a comunidade universitaria pode depositar electrodomésticos, aparellos ou compoñentes informáticos que serán trasladados e tratados por un xestor autorizado.

A anterior edición desta iniciativa, levada a cabo no mes de febreiro, permitiu reunir un total de 163 aparellos nos diferentes puntos de recollida habilitados no campus.