DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha nova edición durante os meses de outubro, novembro e decembro

O curso de monitores de tempo libre volve este outono á palestra

O número de prazas dispoñibles é de 25

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 24/09/2019

A Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou), ao abeiro da Asociación da Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, convoca este outono unha nova edición do seu Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre. 25 persoas terán a oportunidade de, durante as fins de semana desde o 11 de outubro ao 1 de decembro, aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde menores ata maiores.

Ao rematar a formación, que consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, as e os participantes que cumpran os requisitos obterán un título de monitores ou monitoras de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade das e dos participantes, a docencia do curso desenvolverase nesta edición os venres, sábados e domingos e correrá a cargo de máis dunha ducia de persoas, parte delas formadas na propia Estou, que conta xa cunha dilatada experiencia na celebración deste tipo de cursos.

Os contidos que se abordarán ao longo das sesións abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións. O prezo de matrícula é de 150 euros, existindo a posibilidade de que se faga un pago de 120 euros e o resto se faga con moeda social, con 30 horas de participación en actividades de intervención social coas dúas entidades organizadoras, con AUCE e coa Escola de Tempo Libre Universitaria.