DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto internacional Life4 Pollinators, no que participa o grupo Divulgare

Unha curtametraxe de animación reivindica a relevancia dos polinizadores no funcionamento dos ecosistemas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 29/07/2022

“A sociedade ten que entender que os polinizadores , aínda que son organismos de pequeno tamaño, insignificantes á vista de moitas persoas, son imprescindibles para o funcionamento dos ecosistemas e o mantemento da vida no planeta actual”, asegura o docente e investigador do Departamento de bioloxía vexetal e ciencias do solo da UVigo e membro do grupo Divulgare, Luis Navarro, que sinala, que esta é a idea que precisamente queren transmitir nos dous proxectos sobre polinizadores nos que están implicados actualmente.

Ao abeiro dun deles, Life4 Pollinators, no que a UVigo participa xunto a outros grupos de investigación de España, Italia, Grecia e Eslovenia, Divulgare elaborou unha curtametraxe, Diversity of pollinators, utilizando técnicas de animación 3D novidosas, a través das que amosan a enorme diversidade de polinizadores que calquera persoa pode aprender a observar nos ambientes insulares do sur de Europa. “Como somos conscientes da enorme diversidade de especies que unha persoa pode observar na natureza, agrupamos os polinizadores no que os científicos denominamos grupos funcionais, que son conxuntos de organismos que no que respecta a súa función como polinizadores de plantas son bastante parecidos”, explica Navarro, que avanza que, con estes vídeos “aspiramos a converter os polinizadores nas estrelas de cine que deberían ser, de xeito que compartan pantalla con outras caras coñecidas”.

Unha vía para trasladar o coñecemento científico á sociedade 

Ademais de en Life4 Pollinators, Divulgare participa na actualidade en PolinIslas, financiado polo Organismo Autónomo de Parques Nacionales, dous proxectos cos que as e os investigadores da UVigo queren explicar á sociedade que hai máis de 300.00 especies diferentes de animais polinizadores, que estamos nun proceso de perda de moitas especies, que estas perdas están levando a un colapso na polinización e que cómpre tomarse en serio este problema medioambiental. “Para iso temos que conservar os polinizadores, pero para poder conservalos, antes cómpre coñecer a súa diversidade taxonómica e funcional. Neste sentido, nestes dous proxectos estamos facendo énfase en que a natureza non pode persistir conservando unicamente un polinizador”, explica Navarro, que incide na importancia de conservar cando menos un representantes de todos os grupos funcionais de polinizadores e non unicamente un grupo.

En paralelo ao traballo de investigación, Divulgare tamén dedica recursos a dar a coñecer socialmente o seu labor científico. “Partimos da premisa de que non ten sentido que os investigadores gastemos enerxía e recursos públicos en identificar e resolver os problemas que a actividade humana está a causar no planeta se despois esta información non chega aos responsables desas alteracións, que somos a sociedade en xeral”, confirma o investigador de Divulgare, que recoñece o ingrata que ás veces resulta este labor de comunicación social da ciencia, “porque temos que trasladar a mensaxe de que non estamos facendo as cousas ben e hai que ir corrixindo condutas equivocadas. Non obstante, somos conscientes de que na maioría dos casos, a sociedade actúa mal por descoñecemento”, afirma Navarro.