DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este cuadrimestre impártese o obradoiro 'O tempo do corpo'

Danza e 'mindfulness' para conectar o corpo, a mente e a emoción

18 persoas participan nesta actividade de carácter virtual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 03/12/2020

“Este obradoiro on-line é unha oportunidade para conectar e equilibrar a relación corpo-mente-emoción ao tempo que melloramos as capacidades físicas dende o espazo doméstico”. Así se presenta o obradoiro O tempo do corpo, que este cuadrimestre se desenvolve no campus de Ourense no marco da súa programación de extensión universitaria. 18 persoas participan semanalmente nunha iniciativa que xorde da conexión entre iniciativas de danza e mindfulness que xa contan cunha dilatada traxectoria na actividade cultural deste campus.

O obradoiro, que conta con 20 horas de formación, está dirixido por Stuart McNicholls, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social que conta con formación como psicólogo e psicoterapeuta e 20 anos de prácticas de meditación de diferente tipo. A docencia corre a cargo del e de Nuria Sotelo, intérprete de danza e teatro, creadora, coreógrafa, ademais de directora artística da súa propia compañía. Stuart McNicholls vén desenvolvendo cada curso académico un obradoiro dedicado ao mindfulness, práctica tamén chamada atención ou conciencia plena. Pola súa banda, Nuria Sotelo participa tamén cada curso académico na docencia da aula de danza do campus. Froito da conexión entre estes dous obradoiros naceu este cuadrimestre O tempo do corpo. “En conversa con Stuart, pareceunos boa idea ofertar un obradoiro conxunto no que poder unir o mindfulness e o traballo físico consciente”, explica Nuria Sotelo.

Incidencia positiva nas e nos participantes

Na actividade, detalla a coreógrafa ourensá, “cada sesión é unha viaxe consciente na que se mesturan o estudo da anatomía e ferramentas de ioga, pranayama, danza, release, body weather, butoh e meditación activa”. O obradoiro, indica, busca a conexión e o equilibrio da relación corpo-mente-emoción das e dos participantes “a través do estudo e conciencia da estrutura anatómica e sensitiva, o movemento, a atención e a respiración”, pondo ademais “de relevancia a palabra e a música como guía e inspiración para a viaxe”. A formación desenvólvese desde o pasado 15 de outubro e ata o 3 de decembro de xeito virtual, atendendo ás medidas de loita contra a covid-19 e as e os inscritos participan nesta formación, que ten fundamentalmente un carácter práctico e aplicado, desde os seus propio domicilios.

No confinamento provocado pola pandemia en marzo, comenta Nuria Sotelo, os obradoiros de danza e mindfullness continuaron entón a súa actividade de xeito virtual con bos resultados, permitindo ás e aos participantes dar “un tempo á conexión, á relación e coñecemento do propio corpo dentro do espazo virtual e doméstico”. A pesar de ter que adaptar a actividade ao formato virtual, indica, os obradoiros de entón tiveron “unha incidencia positiva na saúde física, mental e emocional das practicantes”, polo que se animaron a continuar este cuadrimestre co desenvolvemento de O tempo do corpo.

A acollida do obradoiro, indican os seus responsables, “ten sido moi boa”, conseguindo unha “moi boa comunicación cos e coas participantes, abríndose un espazo moi enriquecedor e xenerosos para compartir experiencias e coñecementos ao redor do corpo, o movemento e a meditación”. O perfil das e dos participantes é diverso, tanto en xénero como en idades, abranguendo principalmente a franxa de idade de 30 a 50 anos e con presenza destacada de profesorado e persoas alleas ao ámbito educativo. Entre elas e eles están persoas que xa tiñan realizado os obradoiros de danza ou de mindfullnes, “persoas interesadas na saúde física, a creatividade e o desenvolvemento persoal”.