DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolleu unha presentación da asociación Freshy 

Unha década achegándose ao día a día dunha axencia de publicidade sen saír da facultade

Integrada por estudantes, realizan traballos para clientes reais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 27/09/2022

Nacida en 2011 como un traballo de fin de grao, a ‘axencia júnior’ Freshy, integrada por estudantes de Publicidade e Relacións Públicas que realizan traballos de comunicación para diferentes clientes co obxectivo de ampliar a súa formación, alcanzou o pasado curso os dez anos de historia. Co propósito de dar continuidade a este proxecto, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este martes unha presentación desta asociación, que buscaba con este acto incorporar novos integrantes. “Como os que formamos parte da asociación somos todos alumnos, cada ano temos que incorporar xente nova”, explica Noelia Sanjurjo, presidenta de Freshy, respecto do obxectivo dun acto dirixido a dar a coñecer a traxectoria e os traballos desenvolvidos ao longo dos anos, así como a animar ao alumnado da facultade a participar na proba de selección que levarán a cabo este mércores.

A renovación á que obriga que as e os seus integrantes completen a súa etapa na facultade fai que Freshy inicie o este novo curso con “preto de dez integrantes”, e coa idea de poder duplicar esa cifra, explicou Sanjurjo, que incide en que precisan especialmente persoas para traballar como creativos e creativas. “Para nós Freshy é unha experiencia moi positiva, porque non temos ningún contacto real co que sería unha axencia ata as prácticas ou incluso ata que comezamos a traballar e desta forma podemos simular como se organiza unha axencia real por departamentos e empezar a ter unha idea do que é o mundo da publicidade”, subliñou. 

Nacida en 2011 baixo o nome de Freshysweet, trátase dunha iniciativa xurdida “como idea para un traballo de fin de grao”, que propuña que un grupo de alumnos e alumnas “traballase como se fose unha axencia de verdade, que é realmente o que hoxe en día facemos”, engadiu neste acto a tamén integrante da asociación Noela Sabín. Como explicou, a día de hoxe, Freshy é unha “axencia júnior sen ánimo de lucro” que realiza diferentes tipos de traballos publicitarios, desde a creación de pezas en vídeo ou cuñas radiofónicas, a plans de comunicación ou a xestión de redes sociais. Para iso, as e os integrantes divídense en diferentes departamentos de traballo, que presentou neste acto a tamén integrante da asociación Xulia Vicente

Aprendizaxe con clientes reais

Como “unha aprendizaxe” definiron as representantes de Freshy o labor que desenvolve esta “axencia júnior” que destina o recadado polos seus servizos a diferentes iniciativas como a organización de actividades na facultade ou a axudar a financiar a viaxe das e os integrantes da asociación ao CdeC, o festival de publicidade que o Club de Creativos promove cada ano en San Sebastián. Para iso, levan a cabo tanto campañas para a facultade como proxectos para “pequenos negocios locais”, explica Sanjurjo. A iso suman ademais a súa participación como voluntarios en eventos do sector da publicidade e a comunicación, como foron nos últimos meses o encontro Beerfing, promovido polo Clúster da Comunicación e Creatividade Galega; o Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor ou o propio CdeC.

“Freshy é unha oportunidade interesante para vosa experiencia laboral, na que ides estar en contacto con todo o asociacionismo do ámbito da publicidade e a comunicación en Galicia”, engadiu neste acto o vicedecano de Calidade, Vicente Badenes, que salientou o apoio da facultade a esta iniciativa, pola que pasaron, lembrou, estudantes que hoxe en día son profesionais do sector publicitario.