DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de valorar o seu potencial uso por parte de alumnado de intercambio

Unha delegación da Grand Valley State University achégase a coñecer as instalacións deportivas do campus

Tamén esta semana a Área de Benestar, Saúde e Deporte pechou as súas actividades dirixidas

Etiquetas
  • Medios
  • PAS
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 14/06/2018

Na axenda da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo no campus de Ourense estivo esta semana a visita dunha delegación da Grand Valley State University para coñecer as instalacións deportivas universitarias e a celebración dunha clase maxistral de bicicleta estática coa que se pechou as actividades dirixidas que se impartiron este curso académico.  

Visita desde Michigan

A visita da delegación da Grand Valley State University, unha universidade públicas de Michigan con máis de 25.000 estudantes, tivo lugar no marco da súa presenza en Ourense da man do físico X. Dosi Veiga,  provedor local desta universidade para os programas educativos que realiza esta institución académica en Galicia desde hai cinco anos. Concretamente estiveron Mark Schaub, responsable da Oficina de Internacional; Elena Selezneva, coordinadora de Programas, e Walter Moore, director adxunto de Deportes. 

Para guialos no seu percorrido polas instalacións universitarias estivo Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense, e Annika Oksanen, Erasmus Prácticas nesta área. “Durante a visita viron as nosas instalacións e explicámoslle a nosa forma de traballar, que hoxe en día está centrada na promoción dos hábitos de vida saudables, ademais da promoción da práctica do deporte”, comenta Alberte Pivida. Á delegación, detalla, chamoulles a atención “o feito de que a nosa oferta de actividades é moi integral e o bo estado das nosas instalacións”. Ao longo da visita, os representantes da Grand Valley State University trasladaron o seu interese en establecer lazos de colaboración co campus.

Peche das actividades dirixidas

Tamén esta semana a Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense celebrou o peche das súas actividades dirixidas correspondentes ao curso académico 2017/2018. Como xa ven sendo tradición, para facelo organizouse unha clase maxistral, nesta ocasión de bicicleta estática. O lugar escollido para celebrala foi o exterior do recentemente inaugurado edificio do Campus da Auga, fronte ao pavillón de deportes. A actividade, que se prolongou durante unha hora, contou coa participación de 64 persoas e estivo dirixida por tres monitores da empresa Gaia. As actividades dirixidas, abertas tanto á comunidade universitaria como a persoas alleas a ela, volverán co inicio do novo curso académico 2018/2019 nos meses de setembro e outubro.