DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus acolleu a celebración do Foro Universo Mujer

O deporte feminino reivindica os seus éxitos e reclama visibilidade

Deportistas, docentes e xornalistas protagonizaron os coloquios

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Igualdade
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 06/03/2020

No conxunto de España, onde só tres das 66 federacións deportivas están presididas por mulleres, o número de licencias deportivas masculinas triplica practicamente ao das femininas, a pesares de que o número de medallas obtido por mulleres en competicións internacionais é practicamente o dobre que o acadado polos homes. Estas foron algunhas das cifras que este venres puxeron sobre a mesa as participantes no Foro Universo Mujer, un evento dirixido a pór en valor o papel das mulleres deportistas e reivindicar unha maior visibilidade para o deporte feminino. Inserido nas actividades do Tour Universo Mujer, que esta fin de semana promoven en Pontevedra, o Consejo Superior de Deportes e a Fundación Deporte Joven, o foro promovido xunto coa Vicerreitoría do campus, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial reuniu en tres mesas de debate deportistas como as olímpicas Teresa Portela e Sara Hurtado, xornalistas, adestradoras e investigadoras da Universidade de Vigo.

“Este evento non fala só de deporte, vai máis aló, estamos a falar de valores como a igualdade e a xustiza”, salientou na súa inauguración o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que recalcou a necesidade de “visiblizar o papel da muller no conxunto da sociedade”. Nese mesmo aspecto incidiu tamén o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que subliñou que a situación da muller na sociedade actual “segue sendo de clara discriminación”. Conducido pola xornalista Cristina Gallo, na apertura do foro interviron tamén a deputada provincial de Igualdade, Vicky Alonso, que reclamou “poder participar en todos os planos da sociedade, igual que os homes”, e a representante do departamento de patrocinios de Iberdrola Noelia Florín.

Unha carreira de obstáculos

Este era o título da primeira mesa do foro, moderada pola xornalista de Onda Cero Susana Pedreira e na que participaron a patinadora Sara Hurtado, a ex-atleta e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño, a adestradora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva Luisa Domínguez e a presidenta da asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), Mercé Barrientos. “Existe unha situación obvia de desigualdade”, denunciou esta última, que salientou que se ben as mulleres si están acadando importantes logros deportivos, “alguén está facendo as cousas moi por debaixo das súas posibilidades”, á hora de contribuír ao seu “recoñecemento e á eliminación de estereotipos”, lembrando nese senso un estudo de Mudega que situaba por debaixo de 3% a presenza de mulleres deportistas nos medios de comunicación no ano 2009. Martínez Patiño, pola súa banda, defendeu que “non é tempo de lamentarnos senón de propor solucións”, o que implica tratar de “estar no lugar onde se toman as decisións”, relatando nese senso a súa experiencia como asesora do Comité Olímpico Internacional. Domínguez, pola súa banda, recoñeceu que “algo xa se avanzou e hoxe somos máis visibles, pero aínda queda moito por percorrer, non só no deporte senón en todos os ámbitos”. 

“Cando o descoñecemento desaparece é cando comezan a cambiar as cousas”, engadiu Sara Hurtado, que xunto a Adriá Díaz, conformou a primeira parella española de baile sobre xeo en lograr a clasificación para os Xogos Olímpicos de Inverno. Sete veces campioa de España, Hurtado defendeu o deporte como "un gran motor de cambio” e incidiu na necesidade de que nenos e nenas “teñan referentes aos que queiran semellarse” e lles incentiven á práctica do deporte, “que pode axudarlles a desenvolverse como persoas”. A patinadora lembrou tamén en que o baile sobre xeo, "practicamente descoñecido en España" é unha disciplina na que home e muller compiten conxuntamente e que nese senso “representa a igualdade”. Non obstante, Hurtado incidiu tamén en que, fóra do propio deporte en si, existen unha serie de “prexuízos instalados na sociedade” que fan que, ante o feito de que o resultado final dependa da avaliación dun xurado, as deportistas si teñan en conta a existencia “de estereotipos instalados na sociedade”, e asociados por exemplo á imaxe, “que os homes non teñen que ter tanto en conta”. 

Deporte, saúde e medios de comunicación

A segunda das mesas, moderada pola xornalista do Diario de Pontevedra María Varela, tivo como eixos o deporte e a saúde e reuniu á cinco veces participante nuns Xogos Olímpicos Teresa Portela, á porteira do Poio Pescamar e da selección española de fútbol sala Silvia Aguete, á ex-iudoca e enfermeira Sabela Delegado e á profesora da Facultade de Fisioterapia Iris Machado. Este coloquio permitiu pór de relevo a importancia de que “as mulleres, de todas as idades, practiquen actividade física, máis aló do alto rendemento, polos seus beneficios para a saúde e a autoestima”, como salienta Portela. A piragüista incidiu ademais na importancia de outorgar visibilidade ás e aos deportistas, coa idea de que poidan servir como referencias á infancia, en especial naquelas disciplinas que poidan considerarse “masculinas ou femininas”, xa que eses prexuízos “poden supór ao mellor unha barreira para que sigan desenvolvendo unha actividade”.

Ademais de para pór sobre a mesa aspectos como o que a maternidade pode supor para unha deportista, esta mesa serviu tamén para afondar nas dificultades que en moitas ocasións as deportistas de alto nivel teñen para compaxinar esta práctica coas súas ocupacións laborais. Ese é o caso, por exemplo, do fútbol sala feminino, como lembrou Aguete, que destacou como se ben “no Poio Pescamar temos contratos profesionais e si hai xogadoras que poden vivir disto”, tamén existen neste “moitas xogadoras que ao mellor teñen que privarse de ir ás concentracións da seleccións española, porque non poden permitirse pedir días nos seu traballos”. 

Por último, o foro completouse cunha mesa sobre a presenza da muller na información deportiva, moderada por Ana López, do Faro de Vigo, e que contou coas intervencións das tamén xornalistas Paula Montes e Cristina Gallo, así como da profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto e da presidenta do Club Baloncesto Arxil, Milagros Sanmartín.