DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo salientou a ex-presidenta do Tribunal Constitucional María Emilia Casas 

O dereito á negociación colectiva perdeu “presenza constitucional”

Clausurouse no campus un curso que reuniu representantes sindicais e empresariais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 04/12/2019

A Constitución Española sinala que a lei garantirá o dereito á negociación colectiva laboral, así como a forza vinculante dos convenios, mais a evolución que seguiu a interpretación deste dereito ao longo dos últimos 40 anos deixou en boa medida nas mans do lexislador a capacidade de garantilo ou limitalo. Esta foi unha das cuestións abordadas pola presidenta da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e ex-presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas, na conferencia de clausura do II Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral, que o Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo promoveu no campus xunto co Consello Galego de Relacións Laborais. 

“As reformas que se introduciron e que foron consideradas constitucionais garanten o dereito ao traballo e a liberdade de empresa e nesa ponderación o dereito á negociación colectiva, como consecuencia da crise da última década, perdeu presenza constitucional ou elementos constitucionais e pasou máis ao lexislador”, defendeu Casas no acto celebrado esta tarde na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Presentado polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza, que salientou a etapa de Casas como maxistrada e presidenta do Constitucional como “unha época na que se escribía xurisprudencia con maiúsculas”, este relatorio constituía a lección de clausura dun curso que formou en negociación, entre outros, a representantes de organizacións sindicais e empresariais. A apertura deste acto contou así mesmo coas intervencións do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen agradeceu á organización “que escollese este campus” para levar a cabo este curso, e da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez.

Garantir ou limitar

Catedrática da Universidad Complutense de Madrid, Casas, que foi entre 2004 e 2011 a primeira muller en presidir o Tribunal Constitucional e que na actualidade é conselleira electiva do Consejo de Estado, abordou nesta conferencia a “evolución que seguiu” a interpretación da Constitución no relativo á negociación colectiva. “Podemos interpretar que a lei o que ten que facer é garantir e non limitar, pero o resultado evolutivo nestes 40 anos, pola acción do lexislador e pola interpretación do Tribunal Constitucional, é cara unha dispoñibilidade case absoluta do dereito polo lexislador”, subliñou Casas, que sostivo que “ata tempos relativamente recentes entendíase que a Constitución vinculaba en determinados elementos ao lexislador”. Nese senso, a xurista incidiu en como a máis recente interpretación do Constitucional, que data de 2015, permitiría aos lexisladores e lexisladoras “nunha situación de crise e para crear emprego”, ditar normas que puidesen implicar unha limitación dese dereito ou da forza vinculante dos convenios. “O equilibrio entre os dereitos sociais e a liberdade de empresa xirou”, sostivo Casas, que explicou que esta interpretación “cara unha maior presenza da liberdade de empresa respecto dos dereitos sociais” é algo que se no conxunto de Europa. 

Partindo destas ideas, Casas pechou a súa intervención abordando cales son “os retos de futuro” da negociación colectiva, así como unha serie de aspectos sentencias recentes, co propósito de pór de relevo “a utilidade e a importancia da función” que desenvolve. “Se todo isto depende do lexislador e se reformulou nun sentido para favorecer a liberdade de empresa”, novas reformas lexislativas permitirían así mesmo dotar de maiores garantías a este dereito, defendeu Casas. Neste punto apuntou á “perda da ultractividade dos convenios” como “o maior desequilibrio” que ao seu xuízo sería preciso corrixir, avogando no seu caso polos procedementos de solución extraxudicial de conflitos como o xeito de garantir que, “se non se alcanza un acordo”, non se produza “a desaparición do convenio”.

Un curso dirixido a mellorar a negociación en Galicia

Dirixido por Cabeza e a profesora de Dereito do Traballo Emma Rodríguez, este II Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral tivo entre os seus máis de 30 alumnos e alumnas tanto a responsables sindicais e empresariais, como a alumnado universitario ou profesionais. Dirixido a mellorar a negociación no ámbito laboral en Galicia, este curso pioneiro contou con módulos sobre concertación social e negociación colectiva, comunicación e intelixencia emocional, aspectos estratéxicos da negociación colectiva e individual e acordos extraxudiciais de solución de conflitos, xunto coa análise de casos reais. Preto de 20 expertos e profesionais participaron como docentes nesta iniciativa formativa que nesta xornada celebrou a súa entrega de diplomas, precedida dun acto de clausura que contou coas intervencións de Verónica Martínez,  do secretario xeral de CCOO en Galicia, Ramón Sarmiento, e de Miguel Malvido, José Carlos Rodríguez e José Manuel Maceira en representación da CIG, UGT Galicia e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), respectivamente.